Debido á excepcionalidade da situación, o Concello aprobou en pleno, por unanimidade, unha importante axuda económica de 150.000 euros, que asímesmo contou coa solidariedade do resto de traídas de auga da vila
Tomiño, 28 de febreiro de 2020
A Comunidade de Augas de Sobrada, presidida por Evaristo Míguez Millán, vén de por en marcha un novo sistema de abastecemento para servir a 137 casas da parroquia, case o triplo das vivendas servidas antes das obras.
Unha realidade que foi posible tras rematar a remodelación integral levada a cabo nos últimos dous anos co apoio do Concello, a Asociación de traídas de auga no rural COXAPO, as demais traídas do municipio e moitos veciños e veciñas a título particular.
As obras, cuxo custe superou finalmente o medio millón de euros en total, foron posible despois de que a Comunidade de Augas de Sobrada solicitara, a raíz da elevada demanda de novas conexións, o apoio técnico e económico do Concello de Tomiño, que encargou a redacción dun proxecto técnico e emitiu os permisos necesarios, ademais de aprobar en pleno por unanimidade o recoñecemento da bonificación do ICIO e unha subvención de 150.000 euros que foi aprobada por unanimidade en pleno. Deste xeito, o total das axudas do Concello sumaron máis de 200.000 euros, decisión quecontou tamén coa solidariedade do resto de traídas de auga da vila.
Así, posibilitouse a creación dunha nova rede de aproximadamente 10 km., para abastecer aos núcleos de Cruceiro, Gándara, Gandariña, Monte e Portela, con 371 habitantes permanentes, máis 333 estacionais (35,56%), non só presentes en época estival, senón tamén de venres a domingo, cun total superior aos 700 habitantes abastecidos.
A decisión de contribuír con este importante proxecto, segundo explica o concelleiro de Servizos Públicos, Lois Vázquez, tomouse tendo en conta que se trata dunha parroquia de elevado crecemento poboacional e que as conexións individuais ao depósito eran obsoletas. “O deficiente funcionamento do sistema de distribución existente, así como a ausencia de servizo de abastecemento para unha gran cantidade de vivendas da parroquia, conxuntamente coa ausencia de servizo de saneamento (recollida e tratamento de augas residuais), estaba xerando unha elevada contaminación dos acuíferos, e en consecuencia, dos pozos particulares dos que dependen as vivendas sen conexión” explica o edil.
Míguez Millán, presidente da traída, expresa o recoñecemento de toda a directiva non só ao Concello, senón tamén aos veciños e veciñas que deixaron pasar polos seus terreos as conexión e facer os pozos necesarios para un correcto abastecemento.
Igual que Vázquez, agradece a importante labor de xestión levada a cabo por COXAPO (Asociación de traídas de auga no rural) e as demais traídas de augas de Tomiño, para que todas aprobaran ás axudas realizadas a Sobrada, recoñecendo a absoluta necesidade das obras.
Os traballos permitiron mellorar o sistema de captación, a cotas superiores e en acuíferos que compren as garantías sanitarias, garantindo un abastecemento eficiente non só para as familias, senón tamén para o colexio de Sobrada, con 200 estudantes, que viñan abastecéndose dun pozo. Neste sentido, José Manuel Álvarez Dorna (secretario da traída), manifesta a súa grande satisfacción polos resultados acadados e por “ter un recurso de calidade, un ser vivo que ofrecer á veciñanza coas maiores garantías”.
As vantaxes da construción e posta en funcionamento do novo sistema son múltiples, posto que se conseguiu satisfacer as numerosas e crecentes demandas de conexión; abastecer de auga de consumo con garantías de calidade sanitaria e melloras na presión, e con menores custes por usuario.