Camposancos é unha parroquia do Concello de A Guarda. Entidade Local Menor, cunha personalidade enormemente marcada. Camposancos, un dos límites naturais do país galego co resto do mundo é un lugar precioso, inzado de atractivos estéticos de enorme beleza e asolagado de luz e cor cunha intensidade tal que cando o gozas na súa plenitude leva a respirar a vida na súa parte máis fermosa. O piñeiral do Puntal é a fin da fin, pois alí remata a terra camposina e desde agora mesmo un atractivo a maiores que convida a gozar da beleza da parroquia, xa que o redondelán Xosé Cabaleiro, afincado na Guarda, coa colaboración de Gemma Marqués e Dani, artistas locais, souberon plasmar os petróglifos e trísceles do museo do Tegra debullados, case diría fusionados coas árbores do piñeiral nunha mestura plástica entre natureza historia e cultura. Nós quixemos coñecer un pouco máis este proxecto e conversamos co artista, Xosé Cabaleiro e coa presidenta da Entidade Local Menor, Mercedes Martínez
As persoas que coma ti nacestes en Camposancos, sentídevos camposinas ou guardesas?
A identidade camposina está moi marcada e os que somos nativos de camposancos sentímonos camposinos. Porén o arraigo comeza a diluírse un tanto porque moitas persoas de fóra residen ou fixeron a súa segunda residencia na nosa parroquia
Canto tempo levas presidindo a entidade local ,Merchi?
Un ano
E como o valoras?
Valóroo moi positivamente. As relacións coas miñas veciñas e veciños son excelentes e o que sinto é que todas e todos estamos cóbado con cóbado para mellorar as condicións de vida da nosa parroquia
E as relacións co concello?
Mellorables
En que aspectos?
Non nos acabamos de entender. Camposancos é a primeira vez que ten unha presidenta do BNG, e ten unha situación aritmética que non debera ser complexa pero si o é. Na entidade local estamos dúas persoas do BNG, dúas do PP e 1 do Psoe, que en moitas ocasións vai pola sua conta
Cales son os principais problemas que padece Camposancos?
Temos serios problemas con terreos, porque antes de que foramos Entidade local menor, chamabámonos COTO DE CAMPOSANCOS, e moitos dos terreos da parroquia aínda están a nome do COTO. E asegúroche Tino que actualizar todo iso supón unha morea de complexísimos problemas administrativos que me teñen dado verdadeiras dores de cabeza
Na área de influencia de A Nova Peneira existiron dous arrepiantes campos de concentración no abrente do franquismo, o da Illa de San Simón en Redondela e o de Camposancos. No caso de Redondela hai un traballo moi importante que logrou que a maior parte da sociedade considere a San Simón como un espazo de reivindicación da dignidade e a memoria das persoas que alí sufriron, pero no caso da vosa parroquia, ao meu xuízo non se fixo o suficiente, ou se se fixo non se acadou o resultado de Redondela, para lograr un status semellante para o campo de concentración que existiu aquí. Que opinas?
Estou de acordo contigo. Se cadra as razóns son varias entre as que podería ser que a maioría dos presos eran de fóra. A miña nai leváballe comida a presos e aínda conservo na miña casa algunhas pulseiras ,unha co seu nome gravado, que lle regalaron algúns dos presos aos que atendía. Ese terreo é o antigo colexio xesuíta e está en total abandono, tanto a nivel local como autonómico, e desde logo que se estivera nas miñas mans si que lle dariamos un impulso moito maior para converter ao antigo campo de concentración nun espazo de reivindicación da memoria de quen alí sufriu
Ben esta relación entre Redondela e Camposancos xa nos serve para presentar ao seguinte convidado a esta reportaxe Xosé Cabaleiro, un redondelán veciño da Guarda. Cóntanos brevemente a túa propia historia?
Eu son nativo de Redondela, e a raíz dunha cuestión persoal vin vivir á Guarda
Cal é a túa profesión?
Eu sempre me dediquei á hostalaría e tiven unha importante vocación artística xa desde moi novo. Cheguei á Guarda no ano 2.010 e cando paseaba polos castros do Trega resultábanme apaixonantes e comecei a facer esculturas en pedra en plan mosaicos
Dos castros?
Si, pero non só, tamén de casas antigas galegas, trísceles….
E onde os tes?
Na miña casa, alí teño unha especie de taller
Como chegaches ao proxecto que nos vas presentar agora?
Paseando polo puntal de Camposancos decateime que moitas das figuras do museo do Trega encaixarían perfectamente na súas árbores e alí comecei a madurar a idea. Fíxose un proxecto por computador
Ti só?
Non, coa colaboración da artista Gemma Marqués e de Dani, o seu home. Viñamos á noite en pleno mes de outubro cun proxector
Miña nai..
Ata tivemos que pedir un xerador eléctrico, a verdade foi toda unha odisea
Supoño que teriades que solicitar moitos permisos?
E tanto que si, estivemos dous anos loitando
A resposta das distintas administracións foi positiva?
Foi moi complexo, derivado da complexa situación política do concello da Guarda. Nun principio no PSOE , presentándolle as referencias de Allariz e do bosque de Oma, de Ibarrola, pareceulles moi ben, logo cando chega Bea do BNG á concellería de cultura tamén me deu o seu apoio, pero, como sabes, o BNG deixou o goberno e as súas áreas foron novamente asumidas polo PSOE, e alí, non sei por que, mudou o conto e de súpeto a mesma concelleira que nos dixera que si, agora non sei cal é a razón dinos que non é un proxecto viable
E nese momento en que fase estaba o proxecto?
Aproximadamente estaba pola metade
Como lograstes rematalo?
Pois grazas á axuda de Entidade Local Menor e en particular, non é porque estea aquí con nós, é porque é verdade, grazas á xestión da súa presidenta
Está rematado o proxecto?
A pintura si, o que aínda falta son os paneis informativos
Por que non están postos os paneis?
Iso nun principio ía ser financiado pola DEP, pero non sei por que agora seica mudaron de opinión. Están patrocinando outros proxectos semellantes e este non, a verdade non nos explicamos a razón do cambio de criterio. O único que se me ocorre son razóns de tipo político porque outras con franqueza non atopo
Cobrastes polo traballo?
Non, foi de balde
Que receptividade atopastes na poboación camposina e guardesa en xeral a este proxecto?
Enormemente positiva, pero sen ningún tipo de matiz, todo o mundo que o ten valorado amósase moi satisfeito. Cremos que pode ser un atractivo máis engadido aos numerosos atractivos que xa posúe Camposancos
De todos os proxectos artísticos que fixestes na túa vida este é do que estás máis orgulloso?
Si, sen dúbida