As fotos do presidente

Artigo de opinión A Nova Peneira
Retrato Montse Fajardo A Nova Peneira
Montse Fajardo
MILANA BONITA

Logo de ler ducias de artigos sobre os resultados das eleccións do 12 de xullo, botei de menos que algunha análise falase da maior das capacidades que, desde o meu punto de vista, ten o reelixido presidente da Xunta de Galicia: a de saír ben das fotos. Con d. Hai xente que sae ben nas fotos pero Alberto Núñez Feijóo ten unha habilidade única para lograr que a súa imaxe non se vexa prexudicada por instantáneas que a calquera outro protagonista sairíanlle moi caras. Lembran aquela de Anxo Quintana navegando nun iate cun empresario galego adxudicatario do concurso eólico? Pode que custase un goberno e porén, a vareada xudicial foi precisamente para o triunfador daquelas urnas, Alberto Núñez Feijóo, que nada máis chegar ao poder desmantelou o concurso eólico provocando que as empresas adxudicatarias recorresen aos tribunais e estes obrigasen ás arcas galegas e, por tanto, a nós, a pagar indemnizacións millonarias. 

Feijóo é indemne á mala imaxe. Nin sequera lle impediu sacar catro maiorías absolutas a súa foto con Marcial Dorado e, dende logo, non é a peor que ten. Hainas moito máis dolosas para Galiza, por exemplo, a do abrazo que lle deu Sánchez Galán, o presidente da multinacional eléctrica Iberdrola cando gañou aquelas primeiras eleccións e lexislou para que o negocio do ar non quedase en mans galegas. Ou a da fusión das caixas nunha soa entidade que logo resultou ser ruinosa e precisou dun carísimo rescate. As arcas públicas pagaron 9.000 millóns de euros por unha banca que logo foi malvendida a capital foráneo por un prezo de saldo: apenas mil. Os beneficios do novo propietario xa levan triplicado esa cifra. Negocio redondo. 

E aínda quedan fotos.

Para amosarnos a do contrato con Pemex, –xa saben aquela na que se vía a Feijóo con Emilio Lozoya, o ex director da empresa mexicana detido por suborno e tráfico de influencias–, mesmo cortaron a emisión da canle pública, pero cando a cousa se torceu, Feijóo fixo como con Marcial e alegou photoshop mental: “Isto non é o que parece”… Máis unha vez zafou. 

Aínda que en Galiza somos moito de ditos, pasámonos polo forro iso de que unha imaxe vale máis que mil palabras, e nas últimas eleccións fiámonos de quen só nós dou tres ou máis ben unha por triplicado -Galicia, Galicia, Galicia-; esquecemos que xa no Imperio Romano utilizaban os líderes locais para conquistarnos, porque sendo da casa non iamos pensar que nos estaban espoliando. Coa repetición do mantra, Feijóo –que para máis inri ten un escudo máxico protector, elaborado coas novas de certos medios de comunicación que, dun xeito ou outro, tamén pagamos nós- convenceunos de que era un dos nosos e asinámoslle outra hipoteca de catro anos sen mirar a letra pequena do contrato: a das siglas que nos quixo agochar e que só representan os intereses de quen lle dá a man nas fotos. Os intereses foráneos. Os intereses do capital. Non os nosos. Os nosos, non.