Actos da memoria que seguen na memoria despois do tempo

Artigo de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio Mero artigos de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero

Culminou un traballo, pequeno e grande á vez. Un traballo que suma moitas vontades, un traballo de esforzos. Tratábase de recuperar os restos de catro persoas que loitaron pola dignidade, pola legalidade. Pero iso hoxe, ben sabemos, non cotiza en bolsa e por iso ten pouca transcendencia. Anque en si, xa somos ben deles, sabemos que ten moita, moita importancia. Foron xente da guerrilla anti-franquista que se opuxeron ao roubo e á imposición, á única razón da forza e das armas. Hai foxas por toda a nosa xeografía, de moitas nin sequera se sabe, moitas –case todas- están por rescatar do esquecemento. Algunhas son imposibles e nin sequera hai datos. Moitos daqueles heroes do silencio foron tirados ao mar ou en pozas dos ríos. Pagaron coa súa propia vida os escasos trazos de liberdade que hoxe se respiran. Neste caso, levaban dous anos traballando para poder chegar a esta entrega dos restos, chamábanse Manuel Pena Camiño, Vicente Peña Tarras, Manuela Teiga e José María Castro Mosquera, abatidos nun enfrontamento no ano 1949. E o outro día, coma quen di xa hai uns anos, no Auditorio de Bembibre, no Val do Dubra, as familias recuperaron os restos para seren enterrados coa familia. Algo tan sinxelo que a suposta “democracia” negaba e aínda lles nega a moitas persoas, sepultadas no esquecemento. É este un traballo esforzado, o da exhumación, supón buscar documentos, falar cos veciños, pescudar datos e sumar esforzos con sensibilidades, cos arqueólogos, historiadores, técnicos, voluntarios. E facelo todo sen subvencións nin condescendencias, ás veces con malas caras. É outra foxa que coma moitas non esquece, que vén e lembra aquel pasado que se nos fai incrible e aínda nos conmociona. Como alguén puido chegar tan lonxe no rancor e nos odios. Van 1400 nomes, 18 foxas en Galiza e 53 nomes menos para o silencio que non esquecemento. E cando desas persoas sabemos, volven con toda a honra e dignidade desde aquel abeiro de Paramos, no Val do Dubra, verificado con datos e análises, co rigor da pescuda, da clasificación e investigación. Son aqueles que quedaron prendidos dos ecos do medo e do silencio, pero vivos na memoria que hoxe se comprace en dignidade, en satisfeita honra e agora tamén na esperanza e o sosego. Enriba de cada caixa, unha bandeira galega e unha rosa branca. Trátase de repoñer, de cambiar ditados irracionais. E falou a veciñanza, eles aínda gardan memoria viva dos feitos. Relataron o medo, o crime. Teimudas e rebeldes aquelas páxinas que se negan a esquecer. Berros, tiros, pólvora, noites, fuxidas, ferro, frío, …e máis de setenta anos de non saber, de non repoñer, de non facer xustiza. Entre emocións contidas, falaron as familias. Breves pero intensas, estremecidas verdades sempre caladas. Eran guerrilleiros e heroes, non eran bandoleiros. Defenderon a idea dun mundo moito máis xusto e integrador. Poemas, voces entrecortadas. Déronlles os informes históricos, nunha outra caixiña os obxectos atopados na exhumación (botóns, prendedores, fibelas, …), os informes antropolóxicos e forenses, xunto coas probas de ADN. Lembramos tamén a Ramiro Souto que matarían no 52 en terras de Mesía, e tamén a Carmen Temprano Salorio –de Oleiros-, e a Erundino Vieito Baña ao que a súa familia segue a buscar aínda hoxe e contaba atopar nesta foxa, anque non foi. Falamos doutras foxas, doutras mortes en Aranga, os da Lexía, “Os tres Manueis -Rodríguez, Díaz Pan e Ponte Pedreira, as mortes de Palas e Melide, O Comandante Moreno e as mortes da Fonsagrada, as da Raia en Ourense, Cangas e Marín, e un longo etcétera que parece non ter cabo. Alí estaban os da ARMH e recuperación da nosa memoria en pé de loita, tamén na honra do labor ben feito. Ao final cantamos o Himno Galego conciliados nunha gaita en si bemol. Temos o soño de que algún día poidamos saber máis do que pasou, completar esas páxinas que nos calaron na historia e que ocultaron a súa participación activa. Precisamos lembrar para reconfortarnos na autoestima. Faltan tantas persoas por atopar, por sacar, por esclarecer! Porque así como sucedeu, acontece en todos os recantos desta nosa Galiza, calcúlanse 20.000 en Galiza e León, quedan case todos por lembrar e honrar, aínda están moitas persoas abeiradas e represaliadas en tantas nas cunetas, nos muros exteriores dos cemiterios, tamén dos libros de historia que aínda non conta os relatos verídicos do pasado próximo, da nosa desmemoria incomprensible, da xustiza que non repara nin cumpre. Precisamos da necesaria reposición que os faga protagonistas da nosa  dignidade. Sen esas persoas sentímonos moito máis pobres na orixe e no orgullo de ser. Serán semente para acadar ese mundo presentido que nos fai ser donos de nós e do noso, propietarios do porvir.