Ignacio é desas persoas que semella que naceu para facer o que fai .Ese tipo de seres humanos que están emocionalmente tan vencellados á súa profesión, que resulta imposible distinguir o que é paixón do que é traballo. Se se dedicase ao fútbol non dubido que os comentaristas deportivos utilizarían, para describilo, algún tipo de símil hiperbólico tipo “ a besta” “ matador”….ou calquera outro tan abundantes no universo futbolístico .Naceu nunha aldea de Ourense na que iniciou o seu amor por contar historias afirma que o seu idioma, o noso idioma, é un dos alicerces da súa construción individual como ser humano.
Ignacio ven de concretar unha experiencia innovadora; a edición en forma de libro do que será o guión da súa próxima película “ Aura 1.964”.E nós conversamos con el sobre este proxecto e sobre a fantástica “María Soliña” da que quere destacar a contribución xenerosa do falecido Xosé Manuel Pazos , á que nos sumamos con moito gusto pois Pazos si que foi un dos bos e xenerosos pero de verdade. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa
“Agardo ilusionado un apoio masivo dos galegos e galegas a AURA 1.964”
Como valoras a experiencia dos pases itinerantes de “María Soliña”?
Creo que de maneira moi positiva. Temos máis espectadores e recadamos máis que nos cinemas. Estivemos en 172 concellos
Caramba, en canto tempo?
Nun ano e catro meses percorrendo Galicia. Fixemos 40 auto cinemas. Eu fun a todas as presentacións e coloquios. En verdade que me recordou á grande marcha de Mao
Ha ha ha. Eu creo que levar o cinema , por empregar un concepto tan de moda, á Galicia profunda debeu de ser unha experiencia moi agradable?
Foi das que máis impacto me causaron na miña vida como director. Tivemos , despois das proxeccións, coloquios interesantísimos de máis de dúas horas .E alí comprendín o importante que é introducir ao público no proceso creativa da película.
De aí veu a ídea de publicar “Aura 1.964”?
Efectivamente, a idea de publicar o guión antes de facer a película veu de alí, si. Iso ensináronmo, como che dixen, os espectadores dos coloquios de María Soliña. É unha innovación moi importante no noso mundo
A min, como espectador de María Soliña, ás veces custábame situarme no contexto temporal?
É que esa é a chave Marcos. A violencia que sufriu María Soliña no seu día ti cres que é moi diferente da que poden padecer as mulleres hoxe?. Eu creo que non. E o que pretendiamos é que o espectador percibise que ese é un fenómeno que transcende un contexto temporal concreto.
Algunha anécdota que queiras destacar das presentacións en ruta?
Pois se cadra que no Concello da Porqueira, no coloquio, unha nena de 12 anos tivo unha intervención brillante que a min deixoume impresionado.
Nos 172 concellos fuches ás estreas vestido de gala?
En todos e cada un, por suposto. Eu entendía cada estrea como unha estrea universal.
E agora por fin chega “María Soliña” ás salas?
Si, eu vexo os valados que anuncian a película como por exemplo o que xa está en Cangas e síntome terriblemente orgulloso. Aínda que como che comentei antes o percorrido ata chegar aquí foi enorme.
E a experiencia que, por mor da pandemia, fixestes de levar o cinema, insisto, pola Galicia profunda non pode supor un punto de inflexión na maneira de concibir as estreas dos filmes?
Totalmente. Eu creo que vai supor un cambio notable. As salas van ser unha proxección máis, pero para nós o importante vai ser tratar de levar o cinema a onde non hai sala. De feito nós estreamos nas salas o día 26, pero imos seguir cos auto cinemas, tanto é así que o día 25 temos un en Ourense.
Cando se faga “Aura” vai ser a primeira película na que os espectadores teñan interactuado con ela a priori?
Iso é o que persigo eu. De feito fixen unha presentación no vello cárcere de Lugo, esta película ten moi que ver coa memoria, e foron á presentación profesoras de instituto que levaban alumnos e alumnas que me fixeron preguntas pois xa leran o libro. E asegúroche Marcos que as súas propostas enriquecerán o guión, que probablemente mudará como resultado das propostas que nos acheguen
Véxoche moi ilusionado con Aura Ignacio?
Máis que ilusionado, estou emocionado.
Este guión ten unha axuda europea non?
Si, dun programa que se chama “ creative media Europe” que xa ten 40 anos e é para promocionar o cine europeo. Presentamos o proxecto hai 3 anos e competimos contra máis de 300 proxectos. Só colleron 75 entre eles o noso , o primeiro proxecto galego que apoian. Déronnos unha cantidade de cartos que nos serviu para preparar o proxecto.
De actores e actrices podes anticiparnos algo?
Os tres protagonistas son adolescentes que aínda non os coñece ninguén. En relación aos secundarios imos ter a Karra Elejalde, Morris, Miguel De Lira, Melania Cruz, Clara Lago, Itziar Ituño. Son papeis non protagonistas pero importantes. Eu se podo sempre trato de traballar co mesmo equipo técnico e artístico pois facilita moito as cousas.
Todos van falar en galego?
Absolutamente. E para min é moi importante que grandes actores e actrices que non son galegos falen no noso idioma.
Que resultado agardas deste proxecto?
Pois encantaríame sentir un apoio masivo dos galegos e das galegas. Sería unha axuda emocionalmente impagable e profesionalmente moi relevante tanto para este proxecto como para os futuros.
O protagonista de Aura nace nunha aldea de Ourense , como ti, e vai estudar á capital como ti. A obra ten algo de auto biográfico?
Si, ten que ver comigo en efecto.
Se queremos mercar o libro onde podemos atopalo?
En todas as librarías. Está editado por Galaxia e non debería haber problema.