O voceiro lamenta o “intento mentiroso” do goberno de Digna Rivas de datar a obra en 2017 “para culpar ao PP e escorrer a súa irresponsabilidade no control da actuación” malia asinar a acta de recepción indicando que todo se acometeu de xeito correcto
· O concelleiro apostilla que os futbolistas “son intelixentes e saben perfectamente a quen reclamarlle” e anuncia que o PP estará vixilante para que os arranxos se acometan en condicións
Redondela, 29 de marzo de 2025.- O voceiro do PP de Redondela, Javier Bas, lamentou o “intento mentiroso” de intoxicación e desinformación do goberno de Digna Rivas no que se refire á reforma e mellora do campo de fútbol da Gándara, emprazado no Viso, xa que lembrou, “tal e como recollen todos os informes e actas, que as obras se realizaron na súa integridade durante o primeiro mandato da rexedora socialista”.
“A consecución desta mellora, coas autorizacións, o proxecto e o financiamento, foi cousa do PP, algo normal porque co PSOE en Redondela non se consegue practicamente nada, pero a execución dos traballos, do primeiro ao último día, fíxose cun goberno socialista entre os anos 2019 e 2020, polo que as graves deficiencias son da súa exclusiva responsabilidade”, apostillou o edil popular.
Bas, que considera inadmisible que o goberno local date a obra no ano 2017 “nun intento de culpar ao PP e de escorrer a súa absoluta irresponsabilidade no control da actuación”, explicou que a acta de replanteo asinouse o 21 de xuño de 2019, seis días despois da toma de posesión de Digna Rivas, á que lle ofreceu un encontro para informarlle do estado dos proxectos que ela mesma rexeitou.
Así mesmo, proseguiu explicando que a acta de recepción asinouse, da man dunha concelleira socialista, o 14 de agosto de 2020 e nese documento o goberno local confirmaba, “agora vemos que de maneira totalmente trabucada”, que as obras estaban correctamente executadas. “Incluso sacaron peito, a través dunha nota de prensa, do resultado desta mellora, así que non lles consentimos que mintan para tapar, outra vez máis, a súa ineficiente xestión”, manifestou.
Neste senso, indicou que os futbolistas, que tiñan a intención de manifestarse ante o goberno local, “son intelixentes e saben perfectamente quen é o responsable e a quen teñen que reclamarlle” e anunciou que desde o grupo municipal do PP estarán vixilantes, ante o anuncio de que se lle esixiu a reparación á empresa adxudicataria, para que estes arranxos se acometan en condicións. “Xa sabemos a seriedade e rigor do goberno local no control das obras, que se sitúa entre cero e ningún, así que a ver se é verdade que se vai facer esta subsanación no céspede, o rego e a iluminación e a ver se teñen un mínimo de dilixencia e fan o seu obrigatorio traballo de supervisión”, concluíu o voceiro popular.
