Victoria Alonso pidelle a Arévalo que defenda a Mos ante o atropelo do PP redondelán co Ges

Ges Redondela

A principios de ano, o Concello de Mos realizou un pleno extraordinario para aprobar o convenio de colaboración conxunto coa Xunta, FEGAM, Deputación de Pontevedra e Concello para o desenvolvemento do Grupo de Emerxencias Supramunicipal, que no caso de Mos sería compartido con Redondela. Ámbolos concellos terían unha base cada un do GES composto por 6 efectivos para atender aos concellos de Mos, Pazos de Borbén, Soutomaior e Redondela.

No caso de Mos, o GES foi aprobado nese pleno, a diferenza de Redondela que o PP decidiu postularse en contra polo que non saíu adiante. Isto implica que Mos, con 6 efectivos, terá que atender os mesmos concellos que ían repartirse con Redondela. Provocando isto un agravio para a localidade mosense.

Tras preguntar en pleno, dende a bancada socialista, por esta situación, o concelleiro responsable di que é mellor non involucrarse. Os socialistas consideran inaceptable a postura do PP de Mos, xa que o concello atopase nunha encrucillada por culpa dos seus compañeiros de Redondela. E ata a data, a rexedora mosense non fixo ningunha declaración respecto da actitude do PP redondelán. Mentres que a voceira socialista trasladou a súa preocupación a rexedora redondelana, a cal acusa como único culpable ó PP por votar en contra deste convenio.

A voceira socialista, Victoria Alonso, tilda de “descaro o feito de que a actual rexedora dixese no último pleno que Alonso non foi capaz de solucionar o problema do GES, xa que o problema o está causando o PP co seu beneplácito por non dicir nada”. Engade que “queda demostrado que cando se trata de reprocharlle o PP, Arévalo non di nada”. Finaliza dicíndolle que “defenda os intereses da veciñanza mosense e non se cale ante a irresponsabilidade dos seus compañeiros de Redondela” e que “deixe a campaña interna por intentar acadar un posto mellor no PP de Galicia xa que esta ten que ser a única explicación para que cale ante tal atropelo para Mos”.