O BNG responsabilia ao goberno de Digna Rivas de nula supervisión do aparcadoiro A Xunqueira

Xoán Carlos González, “suba de prezos e obras sen autorización municipal, un canon anual de só 9.000€, condicións moi ventaxosas para a empresa”

A necesidade de realizar unha supervisión constante sobre as empresas que xestionan servizos públicos municipais, convertirase nun dos eixos do traballo da organización nacionalista no ano 2026. Nesta liña exixen ao goberno de Digna Rivas seguemento sobre a concesionaria do aparcadoiro público da Xunqueira en Redondela. “O goberno municipal desenténdese de controlar calquera cuestión que teña que ver con este aparcadoiro”, afirman. Para o BNG trátase dunha nova mostra da irresponsabilidade deste goberno que como propietario permiten que a empresa actúe sen control nun establecemento público.

A concesión data do ano 1996, suxeita a unhas cláusulas que a empresa está obrigada a cumprir. “Tanto a suba de prezos e tarifas que se realiza anualmente, como as distintas obras levadas a cabo deben contar coa autorización municipal”, sinala o voceiro nacionalista Xoán Carlos González.

As diferentes subas de prezos dos últimos anos polo uso do aparcadoiro público da Xunqueira, non contan co aval do concello, “porque simplemente non se comunicou e porque a alcaldesa non se interesou”, afirma o edil nacionalista. Mesmo cuestiona que as actualizacións de tarifas que se levaron a cabo nos últimos anos, se realizaran segundo o recollido nas cláusulas do contrato.

Sinala igualmente as obras realizadas para a instalación de aparcadoiro para vehículos eléctricos, tamén supoñen para o voceiro nacionalista o incumplimento dos acordos recollidos no contrato de concesión. “Trátase de obras moi importantes como para que o concello estea formalmente informado e conceda a autorización. Trátase dunha nova tarifación posto que os vehículos estacionados nestas prazas pagan por recarga”, sinala.

Neste apartado Xoán Carlos González fala ademáis de deixadez de funcións do goberno municipal, “de connivencia coa empresa”. Hai varios meses que o goberno municipal renunciou a prestar o servizo de recarga no Paseo da Xunqueira, co que se beneficia directamente á empresa que asume a xestión do aparcadoiro, denuncia.

Insta Xoán Carlos González á alcaldesa Digna Rivas a realizar unha revisión do canon que a empresa ingresa ao concello. “Na actualidade trátase de 9.000€, o que nos parece totalmente ridículo, polo que faise necesaria unha revisión destos ingresos”. “Reclamamos que se leve a cabo unha auditoría por parte do goberno municipal sobre a situación do contrato da xestión do aparcamento da Xunqueira”, anuncia o voceiro do BNG. Considera que tendo en conta os resultados da mesma, podería reformularse a concesión que nin máis nin menos estableceuse en tempos de maioría absoluta do PSOE, en noventa e nove anos.

A empresa concesionaria do aparcadoiro da Xunqueira, está obrigada a unha comunicación ao concello das diferentes subas de prezos. O concello como propietario debe facer un control exhaustivo de todo o que sucede nestas instalacións. “Dende a alcaldía deberíanse dictar instrucccións para fiscalizar á empresa, responsabilidade á que se renunciou nos últimos anos” insiste Xoán Carlos González.

Denuncia Xoán Carlos González o silencio cómplice de Javier Bas e o Partido Popular, que está perfectamente ao tanto destas irregularidades, e miran para outro lado.

“Atopámonos claramente nunha nova renuncia das competencias e responsabilidades do goberno de Digna Rivas”, denuncia.

Afirma a necesidade dun goberno responsable que faga cumplir con todas as garantías os contratos das empresas que traballan para o concello. “Un goberno comprometido cos intereses dos e das redondelás debería estudiar vías para recuperar e xestionar directamente o servizo, como no caso do aparcadoiro da Xunqueira”, insiste Xoán Carlos González.