Putin secuestra e amordaza a Zelensky

Aarón Franco, presidente da AC Almuinha de Marín
Aarón Franco

Vladímir Putin, tras anos de presión militar, sancións, e anos de bloqueo económico sobre Ucraína, lanzou unha ofensiva na que bombardou áreas estratéxicas de Kiev e nunha operación de elite, capturou a Volodímir Zelenski, levándoo encadeado e amordazado a Moscova para ser xulgado por cargos que inclúen terrorismo e conspiración internacional.

Putin anunciou que o goberno de Ucraína na súa totalidade pasa a estar baixo o seu mando, así como a explotación das chamadas “terras raras”, ricas en minerais e outras materias primas. Vladimir Putin anunciou que o seu seguinte obxectivo é o control de Finlandia, xa que é un elemento fundamental para garantir a seguridade nacional rusa.

En Europa condearon nitidamente a violación do dereito internacional e haberá reunións de emerxencia na ONU e do Consello europeo para establecer sancións económicas.

Pois non. Pode quedar tranquilo querido lector, Putin non secuestrou a Zelensky, pero esa mesma secuencia de feitos, mudando nomes pero non formas, é a que estamos a ver hoxe en Venezuela. O presidente venezolano foi capturado en Caracas por unha operación dirixida pola Casa Branca e trasladado a tribunais dos EEUU, onde foi presentado ante un xuíz federal acusandoo de delitos que van desde narcotráfico ata conspiración, nunha estratexia promovida por Donald Trump e xustificada por Washington como parte da “loita contra o crime organizado”. Aínda que onte xa comezaban as admitir que puidera ser que “o cartel dos soles” non existira como tal.

Imaxina por un intre que fose Putin quen fixese iso. Que levase a Zelenski fora do seu país baixo cargo de terrorismo, que o plasmara todo en fotos para as súas redes sociais. A resposta global sería inmediata. Pero cando o poder que actúa é Estados Unidos, esa mesma acción aparece disfrazada de “xustiza”, de “liberación” e incluso de “fomento da democracia”. Esa diferenza de tratamento non nace do dereito internacional nin da ética, nace da posición hexemónica na que se coloca o propio Estados Unidos e que os países europeos, vaselina mediante, lle permiten.

O operativo estadounidense en Caracas, no que participaron unidades de intervención e ataque aéreo, é descrito como unhas das accións militares máis directas de Washington en décadas na rexión. Mentres tanto, Trump clamou que Estados Unidos “dirixirá o país ata que se poida garantir unha transición segura”, e mesmo anunciou acordos para que Venezuela entregue millóns de barrís de petróleo aos Estados Unidos para eles vendelos, almacenalos ou o que lle praza. Esa linguaxe, lembra demasiado as políticas de intervención que arrastran unha historia de dominación económica e política en Latinoamérica.

Neste escenario, resulta especialmente revelador o desprezo público de Trump cara a María Corina Machado, que aspira a emular á Francia de Vichy. Durante anos, sectores da oposición venezolana venderon a idea dunha alternativa liberal preparada para gobernar. Mais cando Trump falou deixou a Machado cun palmo de narices. Afirmou que non conta con apoio popular nin coa autoridade necesaria para liderar nada.

A comparación coa Francia de Vichy non é excesiva: gobernos tutelados, sen base social, útiles para lexitimar unha ocupación indirecta e con tintes nazis claros. Trump non busca un liderado venezolano forte, busca un virrei.

E aquí aparece a pregunta incómoda que tantos evitan formular: se a oposición, disque “democrática”, non ten respaldo social suficiente, non será que Maduro, con todas as críticas que lle queiran facer, si gañou as eleccións que Occidente se nega a recoñecer?

Trump xa non fala de cooperación nin de dereitos humanos, fala de control e de beneficios. Venezuela non é para el un pobo, senón un botín. E iso, máis alá de simpatías ou antipatías ideolóxicas, debería preocupar a calquera que aínda crea na soberanía dos estados e no dereito dos pobos a decidir o seu propio destino.