Cousas da eurocidade

Amparo Alvajar López

AMPARO ALVAJAR LÓPEZ, In Memoriam.

Antón Lourenzo, veciño da Vila
Antón Lourenzo, veciño da Vila

Amables lectores vanme permitir que faga un alto na temática habitual, o calendario é un imperativo, e é que o día 13 de Abril deste 2024, imos facerlle unha homenaxe a esta muller no lugar onde está soterrada, o cemiterio da freguesía de Moreira, concello de Monção, Portugal.

A homenaxe está organizada pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, Baixo Miño, Condado e Louriña, da que formo parte, en colaboración coa Xunta da Freguesía de Moreira e a profesora Aurora Marco, biógrafa.

Fai ben tempo comezou a soarme o apelido Albajar. Caeu nas miñas mans un exemplar da revista galega de pensamento nacionalista Terra e Tempo, nº 147 e 148, xullo-decembro 2008. Esa revista contén unha entrevista a Teresa Alvajar, irmá de Amparo Alvajar, de alí saquei datos e conclusións.

Pola miña proximidade a Monção, falando cos poucos pero bos amigos monçanenes que teño, oín falar dunha señora galega que moraba no Concello e que tiña a peculariedade de non querer ir a súa terra, a Galiza. Co tempo souben que se chamaba Amparo Albajar, pero xa era tarde para coñecela, morrera.

Abrín no meu computador un cartafol e nel ía gardando canto atopaba da familia Albajar, especialmente de Amparo, informacións variadas, fotografías, correspondencia, etc. e así chegou o día que comecei a escribir unha súa biografía.

Continuei investigando, fun atopando máis informacións, chegou o momento no que descubrín en Internet outra biografía moi completa, escrita pola profesora Dona Aurora Marco, (por certo Señora nomeada Republicana de Honra no 2014 e 2021 en actos na Coruña e Barbanza respectivamente), e ate aí cheguei, pensei que non tiña máis que facer … ou si.

Logrei o contacto con Dona Aurora quen me atendeu amablemente, foi en agosto do ano pasado cando din co seu traballo sobre Amparo onde, entre outras cousas, fala deses 17 anos que ela viviu en Monção, artigo publicado na revista Praza Pública co motivo do centenario do nacemento de Amparo Alvajar. Grazas a este traballo de Dona Aurora conseguín localizar a tumba.

Como membro da citada Comisión, puxen en coñecemento da nosa Presidenta Helena Pousa o descubrimento da tumba e do artigo publicado na revista antes citada.

Facéndonos eco da relevancia social, política e cultural desta persoa, puxemos á Organización en disposición de facerlle a merecida homenaxe e así foi como diriximos os nosos esforzos na consecución da mesma.

Para quen non o saiba quen foi esa muller cómpre facermos aquí unha pequena escolma da traxectoria vital entresacada da biografía publicada por D. Aurora Marco:

Amparo Alvajar López, naceu na cidade da Coruña o 8 de agosto de 1916, filla de Amparo López Jean, (membro das Irmandades da Fala e Presidenta da Agrupación Republicana Femenina e afiliada o Partido Galeguista), e do destacado político republicano César Alvajar Diéguez, (Presidente do Casino Republicano), era irmá de Javier, María Teresa e Ana María.

Dende ben nova destacou polas súas dotes musicais e intelectuais, recibindo aulas de inglés e de piano. Estudou Comercio na Coruña.

Durante a Segunda República Española, ós dezaoito anos, traballou no concello da Coruña e foi secretaria do político Santiago Casares Quiroga, máis tarde Presidente do Goberno da República Española.

Co trunfo da Fronte Popular nas últimas eleccións de 1936, antes do golpe de estado do 18 de xullo dese ano, en maio marchou a Madrid para traballar para os Servizos Secretos de Información do Ministerio da Gobernación que dirixía Casares Quiroga, converténdose nunha persoa de plena confianza do Goberno Republicano.

Logo do golpe de estado, trasladouse a Valencia co Goberno Republicano. Alí intima e casa con Arturo Cuadrado, mestre, escritor, editor e político, foi padriño da cerimonia civil o destacado dirixente galeguista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao..-…

Máis tarde, presionados polo avance do exército golpista, trasladáronse a Barcelona, onde naceu a súa única filla, Silvia. Continuou a presión da guerra e víronse obrigados a fuxir exiliándose na Franza, alí falece a filla vítima dunha doenza respiratoria con cinco meses de idade, máis tarde o 18 de outubro de 1939, conseguiu embarcar en Burdeos cara a Bos Aires no barco Massilia, fretado polas organizacións republicanas da Arxentina. Vai grávida e da a luz o chegar á república arxentina, máis o pequeno naceu morto.

Na Arxentina Amparo foi empregada en oficinas editoriais, traballou como pianista nunha academia de baile e ate cultivou a apicultura. A actividade que máis soa lle deu foi a de tradutora. Fixo numerosas traducións do inglés, do francés, do italiano, do portugués, que foron obxecto de eloxiosas críticas. Máis tarde tamén aprendería ruso. Estaba considerada como a mellor tradutora de Hispanoamérica.

Escribiu numerosos artigos e ensaios, foi autora xunto con Agustín Caballero, de dúas obras dramáticas, “Un balcón para los Lester” e “Amada y tú”, que foron estreadas con moito éxito en Bos Aires en 1949 e 1955 respectivamente, ocupándose tamén da dirección escénica. Nesa cidade foi unha muller moi coñecida e valorada, como indica o feito de ser inmortalizada pola cámara de Grete Stern, fotógrafa alemá exiliada polo nazismo. Amparo foi unha muller moi fermosa, a súa fermosura e a bohemia de Arturo terminaron con esta parella.

Casou de novo cun avogado arxentino de boa posición económica co que se trasladou a México. Anos despois volveu a separarse, e trasladouse a traballar a Nova York como tradutora da ONU. Despois marchou a París, onde traballou como tradutora do Correo da UNESCO. En París mantivo unha estreita amizade con outra gran muller galega e coruñesa coma ela, María Casares. Ambas mulleres tiñan un amor especial polo teatro e ambas sufriran a persecución, por ser fillas de destacados republicanos.

En 1961 foi directora da equipa de tradución da Organización Internacional do Traballo en Xenebra, a súa especialidade foi a tradución do inglés o español, tamén foi tradutora no Comité de Desarme, na Organización da Enerxía Atómica, durante a Conferencia sobre Seguridade Europea.

En Xenebra foi unha das fundadoras do Grupo Artístico Hispanoamericano, dirixindo estreas de obras de Moratín, Lope de Vega e Buero Vallejo. Tamén dirixiu “Fuenteovejuna” en 1964, “Os Vellos non deben namorarse” en 1975, ou “Cara de Prata” tamén en 1975. Os que con ela traballaron dicían que Amparo era unha muller de forte carácter, moi nerviosa, vivía o teatro con moita paixón.

No plano da saúde, esta non debía andar moi ben pois nunha carta datada en Xenebra o 31 de decembro de 1966, dirixida a súa amiga Carmela, confesaba, “estiven doente nunha clínica, con un serio trastorno do sistema nervioso. Non podía escribir polo tremor das mans…”

No plano político, persoa moi culta e dun grande espírito republicano, moi marcada pola vida naqueles anos de loita antifranquista. Tódolos anos realizábanse campañas có fin de recadar diñeiro para a loita clandestina. Facíanse conxuntamente con outros exiliados pequenos aportes para a Unión do Povo Galego, organización naqueles anos máis comprometida coa Galiza, sendo ela a que máis destacaba na xenerosidade.

Cando se xubilou, trasladouse a vivir a Monção, perto da fronteira contemplando o Miño, viviu recluída os últimos anos da súa vida e a pesar da proximidade da súa Galiza natal, non volveu pisar o seu país. As fondas feridas da vida impedíanlle reatoparse cunha paisaxe que tanto amaba pero que lle producía tanta dor. Reiteraba unha e outra vez a saudade da terra, á que está unida “por un sentimento vexetal, sinto aí as miñas raíces. Ese é o meu clima, o meu ar e o meu mar; esa é a miña choiva e o meu falar. Dóeme Galiza na ialma”.

Faleceu en soidade procurada o 17 de abril de 1998

Salvaterra, 26 de marzo do 2024