Historias de Salvaterra

Historia Salvaterra
Antón Lorenzo González Saque
Antón Lorenzo González “Xaque”

Anda nos últimos tempos a propaganda oficial municipal presumindo dos máis de mil anos de historia da vila e da comarca. Venme a cabeza, a luz dos feitos, que esta propaganda ten máis de continente que de contido. Son tan así… que incluso levan anos agochando caixas con centenas ou miles de libros sobre a historia de Salvaterra de Miño, seica non os poñen o dispor dos veciños porque están en castelán, ¡como si os galegos descoñeceramos esa lingua!. O anterior Rexedor comentoume que a culpa fora da Deputación, o certo é que o propio historiador Javier Guede Bueno, díxome en persoa, que fora el quen lle ordenou que así fose. Por iso pensei en ir enchendo o longo do tempo algo dese vacío, e para mostra aí vai a transcrición do portugués do século XVII o galego esta descrición da toma de Salvaterra polos portugueses no verán de 1643:

“SEGUNDA ENTRADA QUE FIXO O CONDE DE CASTEL MELHOR, João Rodrigues de Sousa e Vasconcellos, Xeral da armas portuguesas, da Provincia de Entre Douro e Minho, na villa de Salvaterra, na Galiza, chamada hoxe Salvaterra de Portugal.

Anda tan travada, (encarnizada), a guerra entre estas dúas nacións, a que xustamente, con licencia das demais, podemos conceder o atributo das máis valentes do mundo, que cada día suceden varias empresas así como ao valor portugués anima a moita xustiza, con que exercitan as armas, en defensa do seu Rei natural, así o Ceo se lle mostra propicio e favorable con vitorias e gloriosos despoxos, con que se coroa. Son boas testemuñas desta verdade as fronteiras do Reino, que por todas partes, continuamente son regados có sangue castelán, principalmente as de entre Douro e Minho, onde vemos tan renovados os bríos antigos, capitaneado polo Conde de Castel Melhor, João Rodrígues de Sousa e Vasconcellos, cuxo esforzo e prudencia, acompañados de extraordinaria ventura tense tan divulgado nunha e noutra banda que seu nome só lle serve de digno encomio. Tiña xa o Conde ostentado aos Galegos e Casteláns o poder das súas armas e a destreza con que as manexaba e rexía na primeira entrada que fixeran en Salvaterra, no Reino da Galiza, e como lle ficara a man folgada, determinou de unha vez acabar con esta vila, rendéndoa ao dominio venturoso do Rei Don Joao IV, noso señor, polo que co máis grande segredo que se pode imaxinar, no cal consiste as máis das veces o bo resultado, sen declarar a parte a que encamiñaba a súa verdadeira intención, antes realizando manobras de distracción aprendidas na milicia, preparou todas as cousas necesarias, xuntando xente escollida, que serian entre cinco e seis mil homes, dos cales serian uns mil douscentos pagos e os máis xente reclutada, unha e outra moi experimentada nas loitas e pelexas da fronteira.

E como sen o primeiro fundamento, que é o socorro divino, querendo conseguir unha acción venturosa, solicitou esta ao Conde levado da piedade cristiá, principal virtude dun capitán prudente, mandando no día antecedente a esta entrada, catorce de Agosto, facer moitos sacrificios e buscar relixiosos para escoitar as confesións, en particular ós monxes do glorioso Patriarca San Benito, que para esta xornada mandoulle para acompañar ao fiel exército o reverendísimo Padre Xeral seu irmán, Frei Pedro de Sousa, estes foron o Padre Fr. Pedro de Cristo compañeiro do Xeral, Fr. Francisco de Coimbra, Prior de Tibaens, Fr. Mauro Abade de Cabanas, Frei Urbano, Dissinidor?, Fr. Antonio Prior de Ganfei e Frei Salvador.

Non faltou, coa dilixendia que sempre acostuma en semellantes actos, o socorro da Compañía de Xesús, que mandou catro relixiosos notables, a saber os padres Gaspar Alvares, Manoel Soares, Antonio da Silveira e Luís Días, que viñeron a estes efectos do Colexio de Braga e uns e outros executaron con gran frecuencia as confesións, esforzando a todos có Sagrado Viático do Corpo de Cristo, (comulgar).

Có que dúas horas despois da media noite, en que comezou o día quince de Agosto deste presente ano de 1643, comezaran a marchar os soldados pagos, volantes e auxiliares, polo Castelo de Lapela no día de Nosa Señora da Asunción, sempre fatal ás armas castelás, tanto como venturosa ás portuguesas, e na praia estaban sete barcos preparados para pasar o Miño e entrar na Galiza, dos cales o primeiro que abordou a terra inimiga foi no que ía por Capitán, Antonio de Queirós Mascarenhas, que o era dos aventureiros e co valor que acostuma, e as súas obras dan fe, franqueou o paso aós outros soldados entre espesas nubes de balas, de que serviran a os nosos, os galegos, que en cuanto pasamos non cesaron de dar grandísimas cargas das trincheiras e redutos en que estaban en gran número de xente. Porén foi Deus servido que empregando eles os tiros tanto a seu salvo, en tanta cantidade, so nos mataran un soldado e feriran a doce.

Desembarcadas as primeiras barcadas de xente nosa, que todas eran de soldados pagos, sen facer caso das chuvias de pelouros, (balas), volveron os barcos a pasar ós demais, asistindo sempre o Conde na praia, con gran vixilancia até embarcarse todos, que arremetendo ós galegos fixéranos retirar do río ordenadamente, deixando as trincheiras con perda de seis homes que ficaran mortos no campo e para formar mellor e máis a salvo os escuadróns, mandou o Conde ó Castelo de Lapela que disparase toda a artillería que nel había, contra o inimigo antes que este puidera repoñerse. Os galegos obrigados polo gran dano que recibían retiráronse.

Formouse o campo con moita destreza polo Mestre de Campo francés Viole de Atis, dando en tanto os nosos moitos vivas ó Rei noso señor Don João IV. Formáronse catro escuadróns, dos cales o Conde quería tomar para si a vangarda, pero como este posto dáballe máis a temeridade de soldado que o cargo de Xeral, non o consentiran os capitáns e oficiais, e contra a súa vontade, pasou a retagarda, e o Mestre de Campo ocupou a vangarda, e nesta orde comezaron os nosos a marchar ficando claro que, o tan gardado en segredo, o obxectivo real era Salvaterra.

Porén esta advertencia tan gardada entre os nosos, revelou a infidelidade e traizón que sempre prevén inimigo xa que tres días antes tivo noticia incluso da parte por onde había de ser acometido o ataque, pero a pesares das medidas que os inimigos do noso tomaron para facernos maior dano, resultou o ataque en maior gloria, conseguindo o éxito a pesar de estar o inimigo xa prevido.

Foron os nosos marchando con gran calma e rigorosidade que só o valor e constancia portuguesa puidera soportar tanto traballo, con o cal marcharan os nosos legua e media, ficando con todo algúns polos pes das árbores desfalecidos pola falta de auga que padecían até atopar unha fonte preto de medio cuarto de legua da vila. No medio do camiño sairannos uns quinientos homes a cavalo ben concertados ós cales acometerán os nosos soldados con tanto valor e denodado brío que os obrigaran a fuxir a brida solta dos cavalos, desembarazados deles fómoslles queimando todo o que se encontraba nos lugares, quintas, gandos e medas de pan, con tan extraordinario estrago canto o furor militar acostuma. O inimigo colleu tanto medo que por non poderen coa presa levar a munición, puxéranlle lume. Neste mesmo tempo para a parte de Tui, nun outeiro, apareceron moitos galegos que, sen arriscarse, tiraron moitos tiros sen efecto pola moita distancia en que ficaban.

En fin chegamos a Salvaterra onde fora da vila nos esperaba moita xente de pe e a cabalo coa cal a nosa infantería, inda que cansada e desalentada do camiño, atacou animosamente e en breve espazo a puxo en vergoñosa fuxida cunha grandísima carga de mosquetería. E así chegamos as trincheiras de Salvaterra, lugar forte e de máis de douscentos veciños, encontrándose todo despexado, posto que das trincheiras os soldados de guarnición que nelas estaban, e serían cincocentos homes, dérannos valentes cargas, que os portugueses rebateran, e en menos de un cuarto de hora fixéranse señores delas, obrigando ós galegos a retirarse co seu Gobernador ós pazos do Conde.

Gobernaba esta praza Don Francisco Picoña, capitán valeroso castelán, o cal facía vinte e catro horas tomara posesión deste cargo, recén chegado de Madrid, lanzando contra os portugueses as bravatas que aquela nación acostuma, até non probar o ferro portugués. Recollérase el obrigado nos pazos do Conde, que estaba fortificado a modo de castelo e con el recolléranse cento e oitenta homes acompañados de moitas municións e pertrechos, dándolles ós nosos moitas cargas, ás que responderan eles valerosamente, e vendo a pertinencia con que se defendía , determinaron pórlle fogo nas portas. A vista e temor deste incendio causou tanto terror aos casteláns, que izando bandeira branca, pediron cuartel. O cal séndolle concedido, chegou a este tempo o Mestre de Campo Viole de Atis ás portas do pazo, as cales tiñan moitos buracos por onde os galegos enfiaban os mosquetes e sen risco seu tirábanlle os nosos, este con algún sobresalto retirouse a man dereita desviándose da porta, e considerando que daría con esta acción algún indicio de fraqueza, aos nosos ou ao inimigo, levado de súa ousadía temeraria, ou por mellor dicir, guiado do destino que o conducía a morte, volveu outra vez a porta ocupando lugar perigoso. De dentro disparouse un mosquete cuxa bala dándolle no peito derribouno en terra, deulle tempo a confesar e facer testamento, deixou nomeado por testamenteiro ao Conde, o cal séndolle dado aviso de que estaba o Mestre de Campo mortalmente ferido, foi a velo e deulle consolo para a morte, como a ferida fora penetrante en media hora expirou, pedíuselle ós soldados que lle asistiran que non padricaran que morrera o Mestre de Campo, por non animar ós casteláns nin descorazonar aos nosos. O Conde mandou recoller o seu corpo e metido nun sartego forrado de veludo negro, coas súas armas foi depositado na igrexa do mosteiro de San Francisco da vila e dalí pasado a Sé de Braga, onde se mandara enterrar.

Achegouse Don Francisco Picoña as portas do pazo, que até entón estiveran fechadas, e dándolle a man o capitán Antonio de Queirós Mascarenhas, pediu cuartel para os que estaban dentro, que serian trescentos sesenta mosqueteiros, dos cales douscentos lanzáronse polas portas e xanelas, pola banda de Monção, quebrando pernas e brazos. O Conde mandou lanzar un bando para que ninguén matase ou ferise a algún dos galegos ós que se tiña dado cuartel, porén a dor da morte do Mestre de Campo e a furia dos nosos os encarnizou de tal modo, que traspasando o preceito tan xusto e encontrando o dereito das xentes, mataran moitos o abrir as portas e no patio, sen embargo o pedir misericordia, coas mans levantadas e as armas lanzadas por terra, levantando grandes prantos e alaridos, acudiuse a eles prontamente refreando aquela insolencia militar.

Prendeuse o Gobernador e con el setenta e oito persoas, dos que oito serian nobres e o resto xente de pouca clase e condición. Arrombando as portas do Castelo ou pazo, puxéronse as bandeiras portuguesas na torre delas, dándose dilatados vivas a súa Maxestade, e fixéranse grandes festas. Mortos dos inimigos foran más de cento e tantos e houbo moitos feridos. Dos nosos morreran nesta fazaña só seis homes, contando entre eles o Mestre de Campo, que foi sentido, como seu valor, destreza e benevolencia merecían, e Manoel de Abreu sobriño do Provisor de Braga.

Salvaterra do Miño Vila Milenaria

Aposentado o Conde na vila, deu orde aos barcos que viñeran de Lapela para Monção, foron dezanove barcos polo río arriba, cada un lebaba sesenta persoas, mandando pasar algún dos que estaban en Salvaterra, levando relixiosos e clérigos, para o que puxo un capitán e compañías nos barcos, que executaban rigorosamente este decreto. Logo meteu dous mil homes nas trincheiras e redutos, mandando queimar as árbores que había arredor da vila, de forma que case a dous tiros de mosquete non haxa máis que campaña rasa. Outros mil homes aplicou no mesmo tempo en derribar casas de pedra acaida para con elas facer un muro, co que vai cercando a vila en redondo pola parte da Galiza, de vinte palmos de altura e doce de largo, de cantería, as trincheiras fixéronse nunha noite e dous días, o muro vaise facendo con grande presa e xa no presente está feito de altura de quince palmos, traballando nesta fortificación oitocentos homes da gobernanza, co enxeñeiro francés, tendo para iso o Conde previsto todos os aprestos necesarios. Sobre a Sacristía de San Francisco fíxose un Castelo que fica señoreando toda a campaña, no que se poñen boas pezas de artillería de bronce, todo o máis que ficaba da vila, afastando da fortificación, mandou o Conde derribar a terra o mosteiro de San Francisco, có cal no teito da Igrexa atopouse cantidade de diñeiro e cadeas de ouro, que algunhas persoas tiñan metido para máis seguranza, e serviu descubríndose para a paga dos soldados, por Gobernador da praza nomeou o capitán Antonio de Queirós Mascarenhas con guarnición de catrocentos soldados. O Conde está aínda nela con cinco mil homes, sen saber o que intenta, e en dezanove de Agosto acabouse unha ponte de barcas, que o Conde mandou facer, por canto os galegos de medo anteriormente quebraran a ponte pola que se pasaba o río.

Procuraron os galegos impedir estas fortificacións, vindo con catro mil homes dando mostra de querer entrar, porén os nosos saíranlle e os fixeran retirar e fuxir. Despois puxéronse a vista nunha altura, onde nos perseguiu con infinitos tiros até que pola tarde os nosos soldados pagos os investiran e puxeran en fuxida, matándolle moita xente e entre eles o cabo que os gobernaba. En dezaoito de Agosto houbo pelexa pola mañá e a tarde, en que os portugueses mataran ó inimigo setenta e tantos, e capturaran moitos. O Gran Prior de Navarra está ausente, doente en Santiago.

Os nosos saen todos os días a queimar e asolar na Galiza e facer capturas de moita consideración, son señores en tres leguas por terra dentro, onde todo o que fica a vista de Monção até San Fíns está abrasado. O capitán Roque Mont Francés, pediu o Conde licenza para apañar unha compañía de galegos que insolentemente nos facía sinais para atraernos, pondo en marcha unha emboscada da nosa infantería e saíndo el a cabalo con outros, para metelos nela, executouse todo matando a uns e cautivando a outros, coa valentía que seu xeneroso ánimo en tantas ocasións ten ostentado.

O vinte e catro de Agosto pola mañá avistounos de novo o inmigo, saímoslles o encontro e apañamos a súa cabalería entre uns valados e matámoslles moita xente, dos prisioneiros que tomamos, soubemos que eran novecentos homes de cabalo e dous mil infantes e tan fortemente os rebatemos que os obrigamos a afastar da trincheira grande media legua e acabámoslles de queimar moitos lugares desde o Castelo de Lapela até Salvaterra e de alí por diante mandamos queimar até Valadares, a respeito de non ficar nada atrás cando marcharemos para Tui, onde se sabe, que con medo se teñen despregado moitos subministros, posto que dentro hai moita xente. Don Fadrique, que o ano pasado gobernou as armas, trouxo dous mil e cincocentos homes e hai noticia que o D. Prior está xa na cidade, e os nosos deixaran a praza de Salvaterra resgardada con tres mil homes, estes atrincheirados nas casas do Conde e noutras máis.

A tres de Setembro, amañecendo, atacounos o inimigo con tal furia como que tiña na man o que desexaba, contaba a súa xente con cincocentos de a cabalo e máis de catro mil infantes, chegaron coa súa cabaleiría onde as nosas trincheiras e os rebatimos, matándolle algunha xente. Saíron fora os capitáns Antonio de Queirós, Christovão Mousinho e outros coa nosa xente a pelexar co inimigo e lle mataron más de cen homes e os más se puxeron en fuxida, onde coa presa lanzáronse o río no que se afogaron algúns, que tanto foi o medo que nos tomaron, rendidos o valor, con que as armas portuguesas os trae amedrentados, ás cales esperamos sexa Deus servido continuar prósperas vitorias en servizo do noso felicísimo Rei D. Joaõ IV, que o Ceo nos garde.

L A V S D E O

LISBOA, na oficina de Domingos Lopes Rofa. Anno 1743.”

Joaõ Salgado de Araujo. Guerras con Portugal.

Biblioteca Nacional de Lisboa.

Agradecemento a Dona Isabel Oliveira Monçao