G. Figueiredo
A Nova Peneira conversa con Rubén Fernández, unha persoa apaixonada do balonmán, cunha traxectoria e unha vida dedicada ao Club da Cañiza, primeiro como xogador e agora, con dez anos na súa presidencia, cun proxecto dun equipo levado no corazón e feito por e para o pobo.
“O s nosos obxectivos deportivos son sobre todo asentar os cimentos do club, non perder a categoría e aguantar cos dous equipos na nacional”
Cóntanos brevemente a historia do equipo?
Este club móntao D.Sinesio, o director do cole da Cañiza hai uns 25 anos, meteu o balonmán como actividade extraescolar e intentaba introducir a todos os nenos e nenas neste deporte. Chegou co equipo feminino a segunda nacional. Logo pasou o relevo a Xabier, outro profesor do cole tamén. Cando Xabier rematou nesta etapa ninguén quixo seguir co equipo e no verán, dun día para outro, desfíxose o equipo de balonmán na Cañiza. Daquela eu era xogador, tiña 17 anos. Houbo rapaces que foron xogar a outros equipos pero houbo outros, coma min, que nos quedamos sen xogar.
Despois de dez anos parado o Club, volvemos a xuntarnos os amigos que xogabamos xuntos e decidimos montar o equipo de novo.
Como e cando se cruzan os camiños de Rubén e do Balonmán Cañiza?
Eu comecei a xogar no cole ata os 17 anos que se disolveu o club. Dez anos despois, cando decidimos volver montar o club quedei coma presidente, outro compañeiro coma tesoureiro, outro coma secretario e outro como adestrador. Eramos 18 xogadores da Cañiza e así comezamos de novo. Eramos xogadores, adestrador e equipo directivo á vez. Co tempo o club comezou a crecer de novo e nós, que xa comezamos a ter unha idade, deixamos de xogar para quedar só na directiva. Dos que comezamos daquela quedamos uns catro na directiva. E sumáronse ao proxecto pais de novos xogadores.
Desfrutabas máis antes na cancha, ou agora na presidencia?
É distinto. Non che podo dicir cal me gusta máis porque desfrutei moito nas dúas facetas, case che podo que dicir que da mesma maneira.
E onde se sofre máis, xogando ou dirixindo?
Dirixindo sen dúbida. Xogando sofres pero podes pór algo da túa parte para remedialo, pero na directiva non, non podes aportar ao xogo.
En calquera caso teño a sensación de que ti es unha persoa que vive os partidos con moita intensidade. Cóntanos o episodio no que caíches do balcón do Concello celebrando unha vitoria?
Esta é a anécdota histórica, risas… Foi hai sete anos na celebración do ascenso a terceira nacional. Tivemos unha recepción oficial co alcalde no concello e ao saír ao balcón para celebralo, este facía uns 30 anos que non se usaba e, ao apoiarme na varanda para saudar á xente, esta rompeu e caín dunha altura duns cinco metros. Tiven sorte, caín coma se saltara e as lesións non foron moi graves. Fixen fisuras no nariz, un ombreiro e nun talón pero non cheguei a estar ingresado pola caída.
Cóntanos como viviches o histórico partido do ascenso das rapazas á división de prata feminina?
Pois atacado dos nervios, co alcalde dun lado e o presidente da Federación Galega doutro. Foi unha loucura ver coma esas nenas, que nos seu inicios fomos buscar ao cole para xogar, chegaron a ter este éxito. É dunha emoción inexplicable.
Cales son os obxectivos deportivos na vindeira temporada tanto para o equipo feminino como para o masculino?
Sobre todo asentar os cimentos do club, non perder a categoría e aguantar cos dous equipos na nacional. Pero vai ser complicado. Temos unha estrutura potente no masculino, aquí estamos asentados e non imos descender pero no feminino é un ano novo, queremos facer un reforzo importante para manter a categoría e non descender.
A vinculación do pobo da Cañiza co equipo como a valoras?
Moi ben, o apoio é brutal. O noso lema é que somos do pobo e o pobo unido fai ao equipo. Temos 700 socios dos cales 300 non pisan o pavillón, so aportan o recibo para que haxa algo no pobo, neste caso é o balonmán que estamos de moda, pero se foxe outro calquera deporte tamén o farían porque é algo de aquí. Senón fora así e os nosos veciños e veciñas non nos apoiaran non sería viable o proxecto. Temos 100.000€ anuais de presuposto e agora coas dúas categoría necesitamos uns 150.000€. Temos a Saeplast que é un gran patrocinador pero o resto é euro a euro.
E o Concello como se porta con vós, tedes apoio económico? Notaches algún tipo de cambio coa nova administración municipal?
Pórtase ben. Co novo alcalde comezamos con dúbidas, o primeiro ano tivemos un pequeno mal entendido e non coñecía ben o proxecto, agora esta coñecendo o proxecto de man a vendo todo o traballo que hai detrás e estase subindo ao carro. El sempre foi socio pero non é o mesmo ser socio que estar dentro e ver o verdadeiro traballo. Agora é o principal impulsor de que esteamos en prata e de que isto vaia para adiante, non temos queixa.
E a DEP e a Xunta trátanvos ben?
Coa DEP e coa Xunta temos unhas subvencións estipuladas por número de nenos, por categoría na que compites e por equipo feminino, vas sumando puntos e de aí sae a cantidade que che toca como club deportivo de Galicia. Coa xunta é verdade que temos unha colaboración maior, temos un bo contacto que nos está botando unha man e temos dúas furgonetas a través dunha subvención, apoian a noso proxecto. A maiores estamos intentando sacar para este primeiro ano un patrocinio da DEP tamén. A subvención si que nos vai subir moito con este equipo na división de prata porque a Xunta ten un convenio con Abanca para apoiar ao deporte de elite e o subir a esta categoría estamos dentro desta subvención.
Cantos nenos e nenas tedes na base dos vosos equipos?
En total temos uns 175 nenos e nenas en tódalas categorías.
Outros presidentes e presidentas de equipos deportivos cos que teño falado dinme que esta actividade supón un deterioro importante da vida persoal porque hai que dedicarlle tanto tempo que case non quedan momentos para un mesmo. Ti como o levas?
O meu caso é especial, moitos presidentes a este nivel son empresarios e están vinculados aos equipos porque teñen fillos xogando, eu son un simple camioneiro autónomo e de momento o meu fillo ten 4 meses, non teño esta vinculación co equipo. O meu tempo libre é no balonmán, é onde máis desfruto. Esta é a miña vida, aquí coñecín a miña muller cando tiña 17 anos, ela era xogadora e eu tamén, os meus mellores amigos tamén son do club de sempre, meu afillado xoga aquí e os seus pais son dos meus mellores amigos. Para min os sábados tarde cando hai partido é unha festa na que están meus pais, irmáns, primos, os meus amigos e os meus afillados, téñoo todo aquí, isto é algo impagables, a miña vida é o camión e o club.
Veste moito tempo máis na presidencia?
Xa quero comezar a delegar. Creo que os cambios son bos e virían aires novos con novas ideas e isto vai ser bo para o club. Levo dez anos na presidencia e xa estou preparado para ese cambio. Acabo de ter un fillo e acabo de perder a miña nai hai uns meses, cambiou a miña situación persoal e se hai unha persoa adecuada que poida continuar co equipo faremos un cambio.
Haberá persoas que estean dispostas a continuar co proxecto?
Pois se aparece alguén con sabia nova e ganas de traballar darémoslle o relevo, senón seguiremos adiante porque o club ten que seguir. Estamos buscando e comunicando de que estamos abertos ao cambio e creo que hai xente nova e con ganas que queira desfrutar deste deporte como o levo feito eu toda a miña vida.
Moitas grazas pola conversa Ruben e moita sorte na busca de nova directiva.
Grazas a vós.