César Gil candidato do BNG ás eleccións municipais de Mondariz Balneario

César Gil candidato do BNG
Tino Lago e G. Figueiredo.

César Gil vai repetir como cabeza de lista da candidatura dos nacionalistas nas vindeiras eleccións municipais de maio. O BNG apuntaba como máis que probable gañador nas municipais do 19. Porén unha misteriosa coincidencia, case se podería dicir que metafísica, fixo que numerosas persoas que están censadas en Mondariz Balneario pero que nin viven alí, nin teñen a máis mínima relación co pobo, ese día recordaran que había eleccións municipais, no pobo no que non viven e co que non teñen ningunha relación, e acudisen todos a votar. O certo é que o BNG quedou a tan só tres votos nas eleccións do 2019, de acadar a alcaldía deste pobo. Insisto en que con toda probabilidade a raíz dunha misteriosa aliñación astral que motivou que ducias de persoas censadas en Mondariz Balneario, pero que nin viven nin teñen relación con Mondariz Balneario recordasen de súpeto que ese día había que ir a votar a Mondariz Balneario. Nós falamos con César

Mondariz Balneario necesita un goberno novo con ideas e con gañas. Algo do que carece o goberno actual que non ten nin ideas nin gañas”

César xa está confirmado que vas ser o candidato do BNG nas próximas eleccións municipais?

Si, xa está decidido.

Cales son as túas sensacións nestes momentos?

As sensacións son positivas. Estamos a construír unha candidatura ampla e diversa. Vemos aos nosos veciños e veciñas con moita ilusión de colaborar neste proxecto . Notamos na veciñanza unhas gañas inmensas de cambio

E cales son as expectativas?

As expectativas son gañar as eleccións . Non nos conformamos con menos .Xa hai catro anos se fora polo voto das persoas que viven no pobo teriamos gañado. Desta volta imos con ánimo multiplicado e coa confianza absoluta na vitoria.

Hai catro anos só vos presentastes dúas candidaturas. Desta volta parece que van ser máis?

Podemos ser 4 si:BNG e PP, como no 2019. E seica se vai a presentar o PSOE cun candidato nativo de aquí, pero que leva 30 anos vivindo en Canarias. Por último soa outra candidatura que parte dunha escisión do PP e están a decidir se presentarse por Vox, ou en forma de Agrupación de Electores.

Como todo ten un principio e un final, incluso o “eterno Jose Antonio alcalde de Mondariz Balneario” este ano el xa non se presenta. Como cres que incidirá a non presentación de Jose Antonio e a nova candidata do PP no resultado final?

É difícil de prever. Pode pasar que xente que lle era fiel deixe de votar ao PP, o fenómeno contrario, ou ambos fenómenos a un tempo. En que proporción?.Non o sei, iso saberémolo despois das eleccións

A nova candidata do PP ten algunha participación na vida política , social, ou asociativa de Mondariz Balneario?

Non. Leva 10 anos vivindo no pobo e nunca participou en ningún colectivo nin en ningunha iniciativa veciñal. É unha candidatura que a verdade sorprende.

Fai catro anos non gañastes as eleccións por unha serie de votos, non imos dicir fraudulentos, pero si como mínimo inmorais, de persoas que non viven aquí, que non teñen ningún tipo de relación co pobo, pero que misteriosamente están censadas aquí e seica o día das votacións están moi interesadas en vir votar . Imos estar atentos para que estes empadroamentos chamémoslle estraños, non se repitan este ano?

É moi difícil de evitar. Estamos ao tanto de todas as altas e baixas que hai nos censos, pero se estás censado con dereito a voto, non se pode facer nada. E se a persoa que di se un alta é válida ou non o é, está inmersa na loita pola alcaldía…..

De quen é a competencia das altas e das baixas?

Da propia alcaldía. É o concello e o alcalde os que poden dar de baixa a un censo. Aquí isto non pasou nunca. Na historia deste concello, nunca se deu de baixa a ninguén.

Nos últimos meses están a producirse altas no censo?

Si, si que as hai. Calculamos que hai sobre 100 persoas máis censadas que fai catro anos.

Isto é algo que saben ata os veciños e veciñas, eles mesmos pálpano.

E onde se censan?

En casas de amigos, coñecidos ou familiares.

Estás completamente convencido de que se este fenómeno non existise, serías o alcalde de Mondariz Balneario desde o 2019?

Si, por suposto. O voto real da maioría da xente que vive aquí foi BNG. A veciñanza quere cambio, non podemos seguir coa parálise na que este goberno ten sumido ao noso concello. E hai catro anos a maioría quería cambio tamén.

Por que motivo crees que Mondariz Balneario necesita un cambio de goberno?

Creo que isto é visible e palpable. Mondariz Balneario leva parado no tempo máis de 10 anos e necesita un proxecto claro a curto, medio e longo prazo. Para isto necesita xente nova, que teña ideas e gañas. Algo do que carece o actual goberno. Non teñen nin ideas nin gañas

Que podo ofrecer o BNG e a candidatura que a túa encabezas á veciñanza de Mondariz Balneario?

Unha capacidade de traballo inmensa, unhas gañas enormes ,e unha ilusión infinita en mellorar a realidade do noso querido pobo. Temos un proxecto de Vila e toda a vontade de pelexar día a día, todos os días do ano de todos os anos, por mellorar as condicións de vida da nosa veciñanza. Eu, con toda a humildade, atrévome a pedir ás veciñas e veciños de Mondariz Balneario que lean esta entrevista que de maneira fría, obxectiva e racional perdan un minuto en pensar que fixo estes últimos anos o goberno do PP polo ben de Mondariz balneario? E a resposta é terrible: NADA. En que mellorou Mondariz Balneario nestes últimos anos?.E a resposta é terrible: EN NADA.

Con toda a humildade do mundo atrévome a pedir unha oportunidade para o equipo que teño a honra de encabezar. E , se podemos gobernar, dentro de catro anos prometo responder eu mesmo a estas dúas preguntas. E asegúroche, Tino, que as respostas van ser moi diferentes.

Primer comentario

Deixa a túa opinión