Volvemos cos asfaltados preelectorais

Victoria Alonso Mos
Victoria Alonso, Voceira do PSOE de Mos

Fai poucos meses a propia alcaldesa facíase eco de forma xocosa de que xa cheira a alquitrán… e nunca unhas das súas palabras estiveron tan ben traídas. Estamos, actualmente, inmersos nesta loucura de levar camións de asfalto por Mos sen ningún criterio nin planificación.

O ano pasado foi un avance do que sería a continuación neste. Nun ano no que o orzamento se viu incrementado debido as modificacións fiscais do goberno central para atender as consecuencias da pandemia, atrasos do IBI que se cobrarían e circunstancias que fixeron que o concello puidese gastar sen ter teito de gasto, a estratexia do PP foi apostar polo asfalto. Pero unha aposta o máis puro estilo Partido Popular, no que non se incluían beirarrúas, ampliar estradas, canalizacións, cunetas ben feitas, soterramento do cableado… Traballos con proxectos pouco ambiciosos e sen previsión de futuro. Proxectos que máis que atender as necesidades e facer que Mos mellore, foron un lavado de cara.

Reprochámoslle o goberno actual esta actitude e aquel orzamento. Un ano no que poderían facer inversións en cuestións sociais, en demandas da veciñanza que son históricas e que poderían iniciar proxectos para mellorar a eficiencia enerxética do noso concello, outra débeda histórica, o PP desbotou as propostas sen estudalas nin sequera. Proxectos que impliquen obter beneficios de enerxías renovables son unha inversión que a administración debe afrontar e que en Mos non se está facendo nin hai previsión de que queiran facelo a corto prazo. Son proxectos ambiciosos pero que se amortizan, que implican aforro e coidado do medioambiental.

Lonxe de apostar pola eficiencia enerxética, nin sequera fan unha medianamente boa previsión do gasto en enerxía. Non propuxeron incrementar ningunha partida de gasto en enerxía, tanto eléctrica como combustible, a pesares de ser consciente que a previsión de gasto realizada quédase escasa. Fai uns meses pedían que a Deputación destinase máis fondos para este eido posto que o seu gasto ía sufrir un incremento, pero lonxe de actuar en consecuencia e aumentar a previsión de gasto nos orzamentos, mantiveron a mesma do ano pasado. A explicación radica en que si destinaban máis fondos para estas cuestións terían que retirar de aspectos relativos a asfaltados, publicidade e demais gastos innecesarios que son para maior gloria da alcaldesa e do Partido Popular.

Primeiro mes do ano e xa podemos ver como se debuxan as estratexias para os próximos meses… continuar ca política de asfaltado sen previsión de futuro e parchear. Pero estamos a vivir as consecuencias desta política cos traballos que foron feitos desta maneira o ano pasado, parcheados que xa levantaron e volven quedar as fochancas o aire. Estradas que por non ter arquetas e ben canalizada a auga, están rompendo. Asfaltado que por ser unha capa demasiado fina xa agretou. En resumo, queda demostrado que as políticas do Partido Popular, son sempre as mesmas e non funcionan.

Tentarán nestes meses que quedan, de aquí a cita electoral do mes de maio, que como dicía a alcaldesa… cheire moito a alquitrán. Semellando que se traballa cando a realidade é esta, proxectos que son un lavado de cara. Recordade que o que non se fixo en 4 anos non se pode facer en 4 meses, que un asfaltado agora é unha tinta negra pero que non arranxa estradas. Ademais do despilfarro económico que supón este estilo de traballo que é pan para hoxe e fame para maña.

Primer comentario

Deixa a túa opinión