Cousas de Salvaterra:

Guerra Restauración Portuguesa, Cousas Salvaterra

Guerra Restauración Portuguesa, ano 1644. (Ven de setembro).

Antón Lourenzo, veciño da Vila
Antón Lourenzo, veciño da Vila

Pasados algúns días, derrotou o Capitán Antonio de Abreu dúas compañías de Infantería pagas, que se aloxaban no lugar de Sorga, ó que lle puxo fogo. Igual suceso tivo o Sarxento Maior Luis de Oliveiros Famel con outras dúas compañías de Infantería, que se aloxaban nas ruínas do lugar de Liñares. O Marqués de Távora procuraba non perder ocasión de molestarnos con igual dano. Mandou fabricar no lugar de Tamuxe cantidade de barcos grandes, determinando conseguir con eles empresas de importancia. En canto que o Conde de Castell-Melhor tivo esta noticia, mandou a Francisco de França con 500 Infantes e a Rodrigo Pereyra Sotto Maior, Alcaide Maior e Gobernador de Caminha con outros 400, e ordenoulles que trouxesen ou queimasen todos os barcos que o inimigo fabricaba. Embarcáronse, e divididos, envestiron os dous lados da ponte de Tamuxe, chegando ambos o mesmo tempo, fixéronse señores de 35 barcos que estaban no Río e a outros que se estaban fabricando en terra, puxéronlles lume. Animados deste bo suceso, excedendo a orde que levaban, que era retirarse, conseguida a empresa dos barcos, marcharon a queimar algúns lugares daquel distrito. Deron con este exceso tempo a Don Luís de Viveros para reunir toda a xente do seu Tercio e dos lugares veciños, a xuntar tres batallóns de Cabalería e con este poder viu buscar a nosa xente. Tanto que Francisco de França e Rodrigo Pereira recoñecendo o perigo a que estaban expostos, formaron a Infantería e viñéronse os barcos. Non lles deu ó inimigo tempo a embarcarse, envestiunos valerosamente e foi de tal magnitude o encontro que durou tres horas de loita, pelexándose con igual valor de ambas partes. Neste tempo conseguiu con grande destreza a nosa xente irse achegando o río conseguindo embarcar a vangarda. Creceu o perigo a os que ficaban na retagarda, pero defendéndose con gran valor lograron embarcarse finalmente xa coa auga pola cintura, axudados pola mosquetería dos barcos. O Capitán de aventureiros, Antonio de Queirós Mascarenhas, que nesta e noutras ocasións se sinalou con gran valor, Pedro de Betancor, João da Cunha e os Capitáns Pedro Roiz de Sousa e Rodrigo Pereira regresaron feridos. Ficaron mortos 25 soldados, afogáronse oito nun barco que emborcou, feridos foron outros 30. Inda así lograron traer consigo os 35 barcos do inimigo máis os despoxos dos lugares que queimaron.

Sentiu moito o Conde de Castell-Mellor esta desorden e desexando emendala da mellor maneira, mandou a Lopo Pereira de Lima, Gobernador de Salvaterra con 500 Infantes, e ó Tenente Lanú, valeroso francés, con 60 cabalos, que se emboscaran xunto a unha quinta, media legua de Salvaterra, onde o inimigo acostumaba adiantar as tropas da sua forza pero foran descubertos e non chegaron os Galegos a sair.

Lanú, vendo a xornada infrutuosa, adiantouse á Infantería, pero foi descuberto, saíndolles o encontro a cabalería que o fixeron retirar con facilidade. Incorporouse de novo á Infantería e querendo Lopo Pereyra retirarse para Salvaterra, deuse conta que o inimigo lle cortaba a retirada con mil infantes das guarnicións de Fornelos, Meder e outros cuarteis próximos.

Non só se xuntaran mil Infantes e algunha cabalería que viñera con eles, pois en socorro destes viñan marchando outros 600 Infantes. Vendo Lopo Pereyra o perigo a que se expuña se os dous corpos atacasen o mesmo tempo, envestiu co primeiro que lle cortara o paso, axudado de Lanú, levando todos os soldados as espadas na man, e sen valerlle o inimigo a vantaxe do poder, foron atacados os mil Infantes, perdendo a vida 90.

Lopo Pereyra recolleuse en Salvaterra, traendo consigo dous Capitáns e un Sarxento prisioneiros, e solo dez feridos dos seus soldados. Estimou o Conde este suceso, como merecía o valor con que se conseguiu. Sinalouse nel, como en outras ocasións o fixera, Diogo de Britto Coutinho, trinchante do Rey.

Desexando o Marqués de Távora librar os lugares da Galiza da opresión que padecían coas continuas entradas procedentes do baluarte de Salvaterra, mandou levantar dous redutos na Chán da Salgosa, media legua distante. Decidido o Conde de Castell-Melhor a desfacer este incomodo, ordenou ó Mestre de Campo Diogo de Mello Pereyra que con 500 Infantes e 80 cabalos atacar estes redutos. Executou el a orden con tanto éxito, que levando na vangarda os Capitáns Antonio de Queyrós e Rodrigo de Moura Coutinho, o romper o día foran atacados e rendidos ditos redutos, ficando mortos e prisioneiros todos os oficiais e soldados que os guarnecían. O mesmo resultado tiveran catro compañías de Infantería, que viñeran dar socorro ós redutos, foron desbaratadas con pouca resistencia.

Seguido deste ataque mandou o Conde de Castell-Melhor ó mesmo Mestre de Campo Diogo de Mello con 700 Infantes a queimar os lugares que poboaban a marxe do Río Miñó pola parte do val de Ribarteme, que eran muitos e ricos. Receando o perigo da retirada, por estar aloxados por quel distrito os Mestres de Campo D. Gabriel de Queyrós, D. Benito de Abaldrez e D. Francisco de Valladares cos seus tercios, mandou fabricar na vila de Valadares unha grande barca. Aproveitando que o río por aquela parte corre moi acantilado, non podía supor o inimigo que por ela se retirase a nosa xente. Executou Diogo de Mello a empresa con grande dano daquel distrito, e en canto os tres Mestres de Campo Casteláns con 2000 Infantes o agardaban na estrada de Salvaterra, onde supuñan encontralos na retirada, pasou a Valadares na barca que estaba preparada, e axudados dunha maroma, retirouse toda a xente sen máis oposición que a de algúns paisanos, resistindo con moito valor polo Capitán Antonio de Abreu, sendo o último que se embarcou con unha bala nunha perna.

Continuará…

“Historia do Portugal restaurado. Luís de Meneses. Biblioteca Nnal. Lisboa.”

Salvaterra de Miño a 13 de outubro do 2023

A. Lorenzo González, “Antón Xaque”.