Cando algo lles pica, a este xeito rancio de pensamento, sacan de novo esa teima que gardan de vello, e volven liala. O problema son as linguas, din, xa que a razón está perdida. Anque non calquera lingua, non. O problema é o galego que se mete polo medio, co ben que estaría ser monolingües, “y se acabó”. Foi un ministro quen avivou a guerra, un tal Wert que por tal motivo foi gratificado a París de la France coa súa noiva e cun cargo moi ben bonificado. Fixo unha lei educativa mala, pero mala en calquera dimensión, tanto que era necesaria a eliminación definitiva. Non sei se con esta nova lei, pero si era urxente enterrala. Ese señor inventou cousas e así nos foi. Sacou a relucir termos como “lingua vehicular”, “lingua común” e sandeces polo estilo. Sen se dar conta que quen fala de lingua “útil e rendible” é o mesmo que non sabe que a tenrura é calidade afectiva sen utilidade aparente, nin beneficio versátil e menos aínda, bursátil. Mais, esa xente que entenderá de sentimentos? E aí chegamos, hai linguas que son puro sentimento, a nosa éo. E entón non a entenden. Des que a Xunta acatou aquela lei da impiedade e das utilidades, das vehicularidades e réditos pecuniarios, o galego, que é o noso sentir, o instrumento que nos constrúe como pobo, sofre a reprobación unánime de “Ruedas, Lagos e Pastores”, que pastorean moitos outros seguidistas trasnoitados. E atoparon a discordia nesta batalla, coma sempre perdida para nós, quen amamos ser quen somos. Amamos o noso idioma orixinal e propio. Propio en propiedade. Amamos a Casa, a Nai, antes que outras casas e outras nais.
Si, señores, tamén os meus fillos e fillas entraron na escola falando galego e saíron, …menos mal que saíron!. Cando saíron puideron recuperar o sentido común e loitar polo que saben é a súa pertenza, o seu código primeiro de entendemento, no medio doutros códigos tamén válidos, doutros idiomas aos que non lle confrontaron nada, nin foron patrimonio privado de políticos. Aos de turno e a algúns tamén da oposición, haberíalles que dicir “de novo” que os idiomas non son de esquerdas ou de dereitas, non. Non son propiedade de ninguén en particular, non son de ningunha ideoloxía, non son o Pazo de Meirás, non son unhas accións das eléctricas. Son algo moito máis serio, son os códigos do pensamento e do sentir, van por dentro, moi cerca da dignidade do ser. Xa sei, algúns por dentro non teñen máis que fétidos desexos de desfeita. Entón inventan cousas, de vez en cando, por arte de maxia outro concepto novo: o Galego se impón nas escolas! Non hai ninguén que tal bravata poida crer! Ninguén! Ben se ve e ben o sabemos a totalidade! Deixen de inventar, non teñen alma de creadores. Non saquen o motivo da loita, envóltos en vellas maneiras, por acadar votos daquelas mentes naftalíticas que hiperventilan recendos dunha ditadura nefasta quen tan tocados os deixou, adobiada con modos mercantís de ruindades, de pan envelenado, de vehiculacións absurdas. A dignidade do ser, …ai que lonxe lles queda! Nesa dignidade está a verdade, mais tamén está unha cousa que soñamos e non damos acadado, a liberdade! E eles non nola traen. É un concepto estraño, que cando eles acadan o poder, pensan posuír integramente. Para eles a liberdade é facer o que eles coidan, o que eles dispoñen, o que eles mandan, o que eles consenten, o que eles amparan. Esa é a súa verdade, a súa liberdade. O peor que “súa” é un posesivo só deles. Anque, na súa liberdade, non hai verdade, e con eles o país e o idioma noso están perdidos, estamos perdidos en liturxias e pantomimas, en escenificacións fraudulentas diante das cámaras, en cifras mentidas, en medios de comunicación comprados, subvencionados e que dirán constantemente que a verdade é a súa, a que inventaron.
Cada vez somos máis pobres en Casa, en Orixe, en Matrimonio e Patrimonio, na fortuna de ser, de expresarnos e falar, de camiñar levados da ilusión que nos reconforta. Habería que legalizar a protección da lingua minorizada e débil, da lingua maltratada. Xa está ben de protexer aos verdugos. Son tempos xa, e necesítase lexislar para curar, para curarnos con algún criterio de decencia e de respecto a Nós. Nesta lingua vehicular deséxolles paz e saúde, terra e un vindeiro ano, moito mellor, tamén para desexarnos e querernos.