
Elpidio Fraga
Van xa oito anos da derradeira elección como alcalde do Sr. Arturo Grandal Vaqueiro co cal completou un ciclo continuado democrático de 40 anos na alcaldía, antes ca el, non convén esquecer os 40 anos de ditadura franquista.
Nesa derradeira elección, ano 2015, a cousa non estaba nada clara para a súa reelección, a oposición traballou arreo durante anos para chegar a unha moi desexada mudanza no concello, pero……eran poucos e pariu a avoa, explícome.
Nunca se viu unha carreira de cabalos na que algún dos xinetes galopara de costas a cabeza do cabalo apañándolle o rabo. Nas famosas regatas anuais entre as afamadas universidades inglesas de Oxford e Cambridge, nunca se viu un regatista vogar do revés.
Pois ben, dadas as condicións socio políticas específicas de Salvaterra, nas que os contendentes tradicionais compóñense, pola dereita os conservadores do Partido Popular, pola esquerda española o Partido Socialista de Galiza, PSOE, e pola esquerda galeguista nacionalista o Bloque Nacionalista Galego, resultando que durante anos tan só a mudanza pendía dun concelleiro. Era evidente a necesidade de concentrar o voto, e sigue ao ser.
Naquel 2015, apareceron, democrática e proverbialmente, dúas listas alternativas, unha denominada ADES (Agrupación Electoral de Salvaterra), con xente que nunca se ocupara, nin traballara previamente para nada polo concello, e outra Movimiento RED, (Renovación Democrática Ciudadana), que idem.
Ningunha delas sacou un solo concelleiro, a primeira obtivo 291 votos e a segunda obtivo 139 votos, o método D’ondt electoral fixo o resto, (método que se emprega para repartir os escanos ou concelleiros entre as candidaturas de xeito proporcional ó número de votos obtidos o sétimo concelleiro que lle daba a maioría absoluta ó P.P. foi para este automaticamente. Arturo Grandal respirou tranquilo, pero preguntámonos, foi unha casualidade que se presentaran estes grupos?, tal vez, pero non o cre ninguén, nin no primeiro grupo, e dende logo no segundo menos, enxeñería electoral que supostamente ten por obxecto blindar as candidaturas do poder cando están nun contexto de dificultade.
A dereita española está a feita a funcionar con ese modus operandi; nunha situación de perigo electoral crea marcas electorais sen ningún tipo de vinculación coa sociedade, sen presenza real na vida asociativa nin en ningún tipo de colectivo pero á que se lles dá unha proxección política desmesurada, que non se corresponde coa súa realidade aritmética, e cuxo obxecto é dividir o voto descontento para que baixo a aparencia de cambio en realidade todo quede como estaba. Se cadra o exemplo máis descarado desta situación témola na fantasía de Ciudadanos, a maior estafa política de España en toda a historia da democracia. Ete timo da estampita político xorde nun contexto de perigo extremo para o bipartidismo, nun momento histórico no que unha forza supostamente rupturista, Podemos, ten serias posibilidade de tocar poder. E nese momento un partido residual en Catalunya que representaba aos segmentos minoritarios do nacionalismo español nesa comunidade autónoma recibe unha atención mediática inmensa, que rapidamente lle sitúa nunha situación de competir contra podemos polo voto descontento.
C,S xa cumpriu a súa función xa salvou ao sistema, xa non é necesario e os mesmos que o crearon mátano.
Por desgraza a nosa querida Salvaterra non é allea a este tipo de movementos. Xa pasou no 2015 e todo apunta a que pode volver acontecer no 2023. Nestas eleccións aparece unha candidatura que baixo o nome de Podemos, con algunha persoa que vai na súa lista que xa participou nesa estraña candidatura do 2015, preséntase ás eleccións de hoxe para mañá e sen ningún tipo de actividade política coñecida nestes catro anos. Por que ?, Para Que?…
Imos, co risco que iso supón, a prognosticar un resultado: Van sacar arredor de 150 votos que lles van restar a quen si ten posibilidades e a quen si fai política, que contribuirán a asegurar a vitoria do PP , de ningún modo van entrar no concello, desaparecerán ao día seguinte das eleccións, non van facer nada de política estes 4 anos, e cando volva a ser necesario( cando o PP volva a sentir perigo), volverán aparecer inmediatamente antes de calquera proceso electoral.
Primer comentario