
Despois de case 30 anos na alcaldía do popular Agustín Reguera, Soutomaior apunta a un máis que necesario cambio político. O desleixo e o esgotamento dun goberno sen modelo, sen ilusión e cuxa única preocupación parece ser como manter o bastón de mando semella ter o días contados. O nacionalista Manu Lourenzo que no 2019 quedou a 43 votos da alcaldía será, con toda probabilidade, o vindeiro alcalde deste pobo.
“ O goberno de Agustín Reguera carece de modelo de pobo e está esgotado. Chegou a hora do cambio”
A escasos días dun novo proceso electoral cales son as túas sensacións e os teus ánimos neste momento?
As sensacións son moi claras: Soutomaior quere cambio. Así o vimos amosando nos últimos procesos electorais, de feito nas autonómicas fomos primeira forza superando ao PP en arredor de 300 votos. Todo nos fai sentir optimistas e tamén moi concienciados da importancia que vai ter esta campaña.
E a percepción que estades captando na campaña cal é?
Mellores que nunca.
Incluso que hai catro anos?
Si, hai catro anos eran moi boas, pero agora son mellores.
Como é a candidatura que encabezas?
Unha candidatura que me honra encabezar pois é exemplar: tanto na súa formación, como no seu compromiso e amor por Soutomaior. Todas as persoas son referenciais nos distintos eidos do tecido asociativo de Soutomaior.
O slogan voso é “ Soutomaior merece máis”.Non ten o que merece Soutomaior?
Por desgraza non. O modelo urbano de Soutomaior é caótico e os indicadores económicos son para que salten todas as alarmas.
Por que?
Somos o 4º PIB de toda a provincia de Pontevedra. E temos os salarios e as pensións máis baixas de toda a ría de Vigo. E todo isto nun concello que sempre foi unha referencia , que ten unha situación xeográfica privilexiada que de ningún modo tería que padecer a situación que padece. Por outra parte o concello ten completamente abandonados aos seus sectores produtivos. O comercio local , a ría, ou sector vitivinícola están completamente desatendidos polo goberno local.
Facemos esta entrevista en Arcade e case sempre que quedo con alguén neste lugar teño problemas serios para atopar aparcamento?
Non me estraña que os teñas. De feito no BNG estamos a desenvolver a unha campaña ao respecto deste tema .Arcade precisa duplicar as prazas de aparcamento e podermos reconverter o núcleo urbano do concello nun espazo amable e agradable para poder facer vida. Neste asunto Soutomaior tamén está no vagón de cola.
Que tedes pensado para solucionar este asunto dos aparcamentos?
Adquirir solo para podelo converter en aparcadoiros disuasorios que estean próximos ás zonas comerciais.
Hai solo para podelo facer?
Si, desde logo que si. Falta vontade política.
Se tiveras que valorar de maneira sintética ao actual goberno de Soutomaior?
Un goberno esgotado e sen modelo . Xa son 28 anos e xa chegou a hora do cambio.
No que respecta aos intentos de transvasamento da auga do Verdugo, en que situación estamos agora?
Nós temos moi claro que este tema non morreu. Está enriba da mesa e en calquera momento no que ao alcalde de Vigo ou á Xunta se lles ocorra volver por aí, estaremos de novo en risco. O BNG está moi atento a como se desenvolven os acontecementos e desde logo a súa posición radicalmente contraria non mudou nin un só milímetro.
Naquel momento cal foi a posición de Agustín Reguera?
Eu lembro a primeira vez que me xuntei con Fernando de PLADEVER( a plataforma en defenda do Verdugo) pois tiñamos a sensación de que aquela era unha loita de David contra Goliat . Era loitar contra a Xunta e contra o alcalde de Vigo ¡¡¡.O que si é certo é que despois de moito traballo conseguimos mobilizar a todo un pobo e foi nese momento, só nese momento no que xa estaba o pobo mobilizado, cando o alcalde Agustín Reguera se deixou ver .
Como está a situación da sanidade en Soutomaior?
Como en todo o país: moi mal. No noso concello temos o consultorio de Romariz, pechado, e o centro de saúde de Arcade cunhas cotas absolutamente salvaxes. Estamos falando de arredor de 1700 persoas por médico. Levan moito tempo vendendo fume. Agora anuncian a construción dun novo centro da saúde, e nós estariamos encantados desde logo. Pero o formigón só , sen médicos, non cura ás persoas.
Se chegas a alcalde seguirás sendo deputado?
Non, claro que non. Dimitirei para dedicarme en exclusiva ao Concello.