Redondela acolle a final da XXVII Liga Galega de fútbol sala adaptada

Redondela acolle a final da XXVII Liga Galega de fútbol sala adaptada

A Federación Galega de Deporte Adaptado (FGDA), organizou en Redondela a 3ª xornada da liga Galega de Fútbol sala na que participan equipos de toda a comunidade. O redondelán ASDAN foi o gañador da competición non adaptada e o Celta Integra A o gañador da Adaptada

Redondela, 05 de outubro de 2022

A 3ª e última xornada da liga Galega de Fútbol Sala para discapacitados intelectuais tivo lugar este 5 de outubro nas instalacións do Pavillón Municipal e no pavillón ‘A Marisma’ de Redondela. Unha cita que enfrentou a 11 equipos de toda Galicia cun total de 120 deportistas que competiron en 2 categorías: Competición e Adaptada.

Entre os integrantes da competición atopábanse a Fundación Celta Integrada, o equipo San Rafael, Juan XXIII e ASDAN; este último representado a Redondela. Por outra banda na competición adaptada xogaron os equipos ASPANAEX, Juan María, Fundación Celta Integra “ A”, Fundación Celta Integra “ B”, Saladino Cortizo “ A”, Saladino Cortizo “ B” e San Rafael.

Ó evento deportivo acudiu a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, para apoiar e agradecer o traballo que fai a Federación Galega de Deporte Adaptado. En palabras da alcaldesa “a federación realiza un gran traballo e pon o punto de atención sobre o deporte adaptado organizando disputas de alto nivel. Este tipo de encontros demostran o valor dos deportistas galegos”.

Durante o evento atopábanse a secretaria da federación, Susana García e o director técnico da Federación, Domingo Salinas quen lembrou que “despois do parón provocado pola pandemia, este ano 2022 retomamos aos poucos as actividades que vimos desenvolvendo cada ano. Desde a Federación estamos moi agradecidos á total colaboración do Concello de Redondela sempre que solicitamos facer calquera evento de deporte adaptado”.

Susana García tamén quixo,“agradecer a extraordinaria disposición do Concello de Redondela á hora de acoller esta final. Sempre nos sentimos ben arroupados cando organizamos partidos en Redondela”.

María Castro, concelleira de economía e emprego; xunto con Olga García, concelleira de ensino e xuventude, foron as encargadas de repatir os trofeos aos gañadores. No ‘Cadro de Honor’ os gañadores foron o equipo redondelán ASDAN na categoría de competición non adaptada, seguido do Celta Integra; Na categoría adaptada o gañador foi o equipo Celta Integra A, seguido de Juan María.

Digna Rivas, pola súa banda, agradeceu á Federación que elixira Redondela engadindo que “A Federación Galega de Deporte adaptado pode contar con Redondela para todos cantos eventos deportivos queiran realizar”.