E Redondela, móvese? Balance de nove meses de goberno municipal

Logotipo BNG

A cita eleitoral de maio 2023 redefiníu o mapa eleitoral redondelá, cun BNG convertido na única forza cunha suba significativa, duplicando no número de votos. A Lei D`Hont só deparou a suba para a nosa organización nun concelleiro. Fieis á palabra dada, facilitamos a investidura da candidata socialista, Digna Rivas. Nas posteriores negociacións non se chegou a un acordo para un goberno co PSOE e AER.

Dende aquela a dinámica municipal caracterizouse pola “deriva na acción política”, e pola “constante denuncia”. Na primeira atopámonos a un goberno municipal que aínda a día de hoxe non foi quen de realizar unha proposta de orzamentos, nin dunha planificación para poder consensuar co BNG. Malia as nosas constantes chamadas ao diálogo para poder deseñar o noso apoio ao goberno de Rivas, os resultados non son nada positivos. Mesmo chegouse a forzar á nosa organización a tomar posicionamentos no Pleno, sen antes consensuar acordos. Un dos exemplos máis claros, a aprobación das bases de contratación do Servizo de Axuda no Fogar.

A segunda característica municipal destes meses; un Partido Popular desbocado nas denuncias no xulgado, e un goberno municipal atenazado. Da man de Javier Bas, os populares sen propostas adicáronse a pasear o nome don noso concello polos xulgados. Pola súa parte o goberno de Digna Rivas, limitábase a actuar ás demandas que a golpe de facebook o sometía o PP.

Redondela atravesa dende hai unha década unha importante crise de poboación. Nestes anos perdemos ata mil habitantes, e fronte a outros concellos que tiveron descensos e medres, no caso redondelá esta situación estase cronificando. A xuízo do BNG, estamos ante un síntoma de que algo está a pasar, e debemos por todo o noso empeño en cambiar esta dinámica. Outro síntoma desta parálise refléxase nun movemento asociativo e veciñal noutrora puxante aletargado dende hai anos.

Xa o dixemos en campaña, Redondela necesita tranquilidade, seguridade e sosego. A acción do goberno non se pode ver constantemente sobresaltada e sen planificación. O BNG estivo e estará para colaborar en acción rigorosa, mais tamén propositiva. Que non conten con nós para facer funambulismo político buscando o noso apoio somentespara saír do paso.

Necesitamos construír unha alternativa ao Partido Popular con altura de miras, sen complexos respetando o equilibrio de forzas da que a veciñanza nos dotou. Necesitamos mellorar as infraestructuras básicas, axilizar a atención ás persoas e familias que están sufrindo o impacto da crise, facilitar que os mozos e mozas redondelás se sintan protagonistas da vida do noso concello. Continuamos no Bloque Nacionalista Galego de Redondela con máis folgos que nunca traballando para desenvolver un proxecto ilusionante como o de construír un novo concello.