Un aval histórico para continuar cara o cambio galego. Seguimos

Lois Pérez Castrillo BNG

Lois Pérez Castrillo

Membro da Executiva nacional do BNG

O BNG obtivo nas eleccións do domingo dezaoito un apoio electoral que representa sen paliativos, o maior avance electoral para o nacionalismo galego e o mellor resultado da súa historia, tanto no conxunto do país, como en cada concello. Máis de 467.000 votos, un 31,57% dos sufraxios (cando escrebo aínda non está contabilizado o voto do Censo de Residentes Ausentes-CERA). Isto supón un medre de 7´79 puntos e 156.000 votos sobre eleccións autonómicas de 2020, ou dito doutro xeito, unha de cada tres persoas que foi votar, votou polo BNG.

Recollemos así, de forma moi ampla e transversal, o apoio de milleiros de galegos e de galegas. Moitos deles e delas collían por vez primeira a papeleta do BNG, sentíndose parte dun momento e dunha vontade de cambio que xerou unha enorme ilusión, entusiasmo e mobilización. Fixemos unha campaña en positivo: de ideas, de propostas e de mobilización, desde a verdade, os datos e o entusiasmo que xeramos ao noso ao redor.

Por iso hoxe, queremos amosar a nosa gratitude a todas e cada unha desas persoas que colleron a papeleta do BNG. Sentimos un inmenso orgullo pola confianza recibida e queremos dar expresamente as grazas a ese mais de 460 mil galegos e de galegas que co seu voto, contribuíron a superar unha vez mais e como hai catro anos, o noso teito electoral, evidenciando que o nacionalismo galego non ten límites no seu crecemento e que cada vez mais, representa a esperanza de todas as persoas que pensan que Galiza debe mudar de rumbo para un país mellor. Na sanidade, na educación, nos servizos públicos, nos coidados, no emprego, no despoboamento do noso rural, na dignidade e prosperidade como país.

Aínda que o resultado electoral do BNG foi extraordinario, a nosa prioridade política era provocar o cambio político na Xunta, e nese sentido compartimos a decepción que hoxe sente unha parte importante da nosa sociedade. Moitas das persoas que votaron por nós, e mesmo algunhas que non votando desexaban un cambio, poden sentirse decepcionadas, é comprensible porque foi grandísima e sincera a ilusión e a esperanza que miles de galegos e de galegas depositaron en nós para lograr ese cambio.

Temos que dicirlles que este resultado electoral do BNG demostra que este País iniciou unha viaxe cara o cambio que non ten marcha atrás. Hai unha cidadanía que non se resigna a ver como Galiza vai a menos mentres outros avanzan e pedímoslles a todas esas persoas que non se resignan, que sigan con nós, o seu alento e apoio valerá para facer un mellor e máis intenso labor de oposición, para seguir a defender os intereses da maioría social, para seguir construíndo unha Galiza máis xusta, máis igualitaria, máis feminista, con máis benestar social para todos e todas.

A todas esas persoas que nos apoiaron confiando na forza do cambio galego, lles dicimos hoxe que non lles imos fallar, que o BNG seguirá a ser a forza que defenda cada día a Galiza mellor que unha maioría desexa para o noso país. Imos facelo con amplitude de miras e mans tendidas a toda a sociedade galega e en diálogo permanente con ela. Esta campaña demostra que na sociedade galega hai un movemento de fondo cara un cambio que avanza sen pausa. Un novo país en marcha do que o BNG foi a súa expresión político-electoral o domingo dezaoito.

Grazas a todas esas persoas que nos apoiaron, comezou un novo ciclo político no que o BNG é o referente de toda aquela parte da sociedade que cre posible outra Galiza diferente frente a inmobilidade abafante na que a quere manter o Partido Popular. Este aval electoral danos azos e lexitimidade para exercer como principal partido da oposición e para seguir defendendo os intereses da maioría social, traballando por mellorar a vida dos galegos e as galegas.

Como dixo a nosa portavoz nacional Ana Pontón, na noite electoral Hoxe non acaba nada, ao contrario, estamos máis fortes, con máis enerxía e máis preparadas que nunca para darlle a este País o futuro que merece. As grandes transformacións na sociedade adoitan levar máis tempo, pero é evidente que neste País xa comezou a moverse algo e mais cedo que tarde, o cambio chegará.