Alma López Figueiras. Xornalista
Os resultados electorais do 18 de febreiro deixan varias lecturas e sensacións. Por unha banda, que a maioría dos galegos e das galegas votaron pola continuidade. Pola continuidade dunhas políticas que nos últimos 15 anos teñen influído decisivamente no deterioro de servizos públicos tan importantes para o benestar xeral da poboación como a sanidade, na promoción dun modelo enerxético depredador que está condicionando o futuro de gran parte do territorio, ou na perda progresiva de galegofalantes. A quinta maioría absoluta consecutiva do Partido Popular, revalidada por 700.491 electores (un 47,4%) antes de que se conte o voto chegado desde o estranxeiro, significa que non haberá cambios nesas políticas tan cuestionadas, como demostran as mobilizacións sociais dos últimos anos a prol dunha Atención Primaria de calidade ou en contra do desenvolvemento de megaproxectos eólicos en áreas de gran valor natural e patrimonial.
Neste contexto, a sensación principal que deixan os resultados da votación en boa parte da poboación galega é de impotencia. Moitas das persoas con ideas progresistas ou simplemente preocupadas polo devir do país pregúntanse estes días de resaca electoral que máis podemos facer para que haxa un cambio político na Xunta de Galicia. Ana Pontón, na súa primeira intervención pública unha vez rematado o escrutinio, non ignoraba ese elefante na habitación e mencionaba directamente a palabra decepción. A ilusión polo cambio era real, palpábase en auditorios cheos de persoas, nas conversas cotiás. Con todo, o BNG foi a forza política que máis medrou, acadando os seus mellores resultados e consolidándose como líder da oposición. Estas eleccións non foron un fracaso para o nacionalismo galego, senón un triunfo histórico. Ademais de atraer a 467.075 electores (un 31,60%), durante a campaña visibilizou a esperada reconciliación coa facción que fundara Anova en 2012, alomenos cos seus principais líderes, como Martiño Noriega e Xosé Manuel Beiras. Que non se cumprise a expectativa de cambio non foi un fracaso para o BNG.
De feito, foi xunto a Vox o único partido que medrou en número de votos. O PP, a pesar de manter a súa maioría absoluta, baixou en máis de 70.000 votos se comparamos os resultados de 2020 e 2024. A forza nacionalista, pola contra, sumou máis de 155.000 apoios novos nas urnas. Parte deses votos de seguro viñeron das filas socialistas. Só así se explica que o PSdG-PSOE deixara de recibir unhas 46.000 papeletas. Para que saian as contas das transferencias de votos, con todo, hai que considerar que houbo electores que antes se abstiñan e desta vez acudiron ás urnas, e mesmo que houbo persoas que adoitaban apoiar ao PP e que desta vez apostaron polo cambio político. Nas filas progresistas, con todo, houbo 32.025 votos que non aportaron valor: os 28.171 de Sumar e os 3.854 de Podemos. Estes ridículos datos, por debaixo dos de Vox no caso de Sumar e por debaixo do partido animalista PACMA no caso de Podemos, demostran que as decisións cainitas que non miran polo ben común están abocadas ao fracaso e mesmo poden chegar a determinar o fracaso colectivo dun bloque, como o progresista. Ese era o temor durante a campaña, mais os resultados desas candidaturas de última hora finalmente non foron tan determinantes. Si o foi o descenso dos socialistas nas urnas, un fenómeno que merece unha profunda reflexión interna nas filas do PSdG-PSOE.
Quedan por diante catro anos máis de goberno do PP na Xunta de Galicia, máis non debemos sucumbir á desesperanza do cambio. Estas eleccións supoñen a continuidade dunha acción política, tanto da que se leva a cabo desde a Xunta como da que se leva a cabo desde a cidadanía e os movementos sociais. Para os que se sinten decepcionados, é tempo de manterse firmes e continuar resistindo.