Redondela, 10 de marzo de 2021
O CONCELLO DEBE TRABALLAR NA PROCURA DE SOLUCIÓNS BASEADAS NO DIÁLOGO E NO CONSENSO E NON DISCRIMINAR AOS COMERCIANTES NIN BUSCAR ENFRENTAMENTOS INÚTILES ANTE UN PROBLEMA QUE AFECTA TANTO A VECIÑOS COMO A EMPRESARIOS.
A nova configuración e traslado dos postos está a ocasionar importantes barreiras de mobilidade á clientela e a cidadanía en xeral.
As tradicionais feiras ao aire libre foron un motor da actividade comercial da vila de Redondela, pero este atractivo foise desvanecendo ata chegar a ter unha incidencia negativa sobre a actividade ordinaria do comercio da localidade e incluso sobe a Praza de Abastos xa desde antes da Covid-19. Pero, adicionalmente, tralo cambio de emprazamento, a celebración da feira está a causar unha crecente preocupación pola notable paralización que se produce na actividade ata o punto de que algúns establecementos optan por non abrir os días nos que se celebran as feiras.
A necesidade de distanciar os postos da feira levou a ocupación de novos espazos que anulan a comunicación e dificultan a accesibilidade natural aos establecementos comerciais tradicionais afectando tamén á veciñanza. Outros concellos teñen apostado por fórmulas como a rotación de postos ou buscar novos emprazamentos mais amplos que permitan o cumprimento das medidas de seguridade.
Desde a Asociación reclaman unha aposta decidida da administración local pola dinamización comercial, con orzamentos específicos que permitan a posta en marcha de novos proxectos para a reactivación económica do sector comercial e hostaleiro da vila consensuados cos comerciantes e empresarios da localidade e non accións unilaterais e descoordinadas.