O BNG de Pazos de Borbén denuncia os constantes verquidos das decantadoras municipais

concello de Pazos de Borbén

Pazos de Borbén, 6 de Setembro de 2021

O concello de Pazos de Borbén conta con tres equipos compactos de depuración STP-50 situados nas parroquias de Nespereira, Amoedo e Pazos. Estes equipos foron financiados no seu dia pola Deputación de Pontevedra a cargo do programa Deputrans, no cal o concello debería de facerse cargo do mantemento destes equipos. Estes equipos, xunto ca estación depuradora de Moscoso encárganse de depurar parte das augas fecais do concello, xa que máis da metade dos veciños carecen deste servizo.

Dende o BNG denunciamos a falta de mantemento destes equipos que nos últimos meses verten de maneira constante augas residuais sen tratar e sen ningún tipo de control, como se pode comprobar nos sumidoiros que descargan as augas fecais directamente os regatos.

Máis preocupante aínda é a situación de total abandono da estación depuradora de Moscoso, que verte directamente as augas fecais sen ningún tipo de tratamento na cabeceira do regato Cabinchas, unha cloaca que descorre ata o encoro de Eiras que abastece de auga a comarca de Vigo.

A esta situación de falta de mantemento das “depuradoras”, súmaselle os constantes problemas dos equipos de bombeo da rede de saneamento que con frecuencia deixan de funcionar causando malos cheiros e verquidos.

Dende a o Bloque Nacionalista denuncian que non se trata de algo puntual, senón que é unha situación constante durante moitos meses, incluso anos, como se pode comprobar no leito dos rios onde verten as augas. Un atentado ecolóxico do goberno de Andrés Iglesias que carece de ningún tipo de políticas ambientais e sensibilidade cara a nosa contorna natural.