Apocalipse Rural, apocalipse Galego

Artigo de opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Traballador do Centro de Saúde de Moaña

O rural galego está a vivir unha situación dramática, ameazado por todas as frontes: parques eólicos, feche de sucursais bancarias e feches de escolas e centros de saúde. Estamos diante dun xenocidio, dunha planificada actuación para facer desaparecer o rural galego, para facer desaparecer o noso modo de vida, para aniquilar Galiza, a nación, tal e como a coñecemos hoxe e transformala en catro provincias do reino de España.

Non é casualidade que desde a Xunta de Galiza o PP leve anos facendo imposíbel a vida no rural. Necesitan baleiralo para poder impoñer con facilidade parques eólicos, proxectos mineiros contaminantes e seguir enchendo sen oposición os noso montes de eucaliptos para maior gloria de Ence. Sen xente que traballe e viva na terra é máis fácil apropiarse do terreo e especular con el, é mais fácil implantar proxectos depredadores.

A isto tampouco son alleas as políticas que veñen da Unión Europea, aplicadas coa maior das dilixencias polos gobernos central e autonómico (polo PP e polo PSOE), que teñen como finalidade facilitar ás grandes corporacións e aos fondos de investimento a súa obtención de beneficios. Estámolo padecendo desde a entrada na CEE na agricultura, na pesca e na nosa industria.

A invasión eólica.

Centos de proxectos eólicos ameazan o noso territorio. Empresas eléctricas e fondos de investimentos pretenden transformar os montes galegos nun inmenso latifundio de muíños de vento. Para iso contan coa inestimábel colaboración das administracións central e autonómica. De feito é difícil distinguir entre empresas e administracións cando nos consellos de administracións sentan conselleiros e ministros dos “grandes partidos” facendo uso das portas xiratorias.

De levarse adiante esta desfeita a vida no rural galego vai ser aínda máis complicada. Un parque eólico supón que as terras nas que se asenta pasen a ser un polígono industrial, o ruído e as luces terán efectos nocivos nas persoas e nos animais, o aproveitamento do monte será imposíbel e a desfeita ecolóxica enorme.

E todo para producir enerxía, como se non fósemos xa exportadores dunha electricidade que pagamos máis cara que en Madrid. Onde están as rebaixas no prezo da luz que prometen como argumento para vendernos os parques eólicos? O mesmo coa milonga dos postos de traballo, ulos postos de traballo?

A Banca fecha sucursais.

Non é nada novo, os bancos levan fechando sucursais e despedindo empregados fai bastante tempo. O problema é a situación de monopolio que ten en Galiza Abanca, e fundamentalmente no rural. Estes feches colocan a moita xente nunha situación de indefensión financeira ante a imposibilidade de acceder a unha oficina bancaria.

O lamentábel é que esta mesma empresa que fecha sucursais vai instalar caixeiros nesas mesmas localidades con fondos públicos da Xunta, con cartos de todos e todas nós.

Temos que lembrar que Abanca foi un agasallo do Sr. Feixoo, do PP, ao señor Escotet. Un agasallo que ao pouco tempo pasou a dar grandes beneficios económicos. Un agasallo ben empaquetado e traballado mediante a innecesaria fusión das caixas galegas.

A Xunta fecha escolas e centros de saúde

A política do PP nos últimos anos está encamiñada a liquidar e a facer difícil, cando non imposíbel, a vida no rural galego.

Se deixas sen servizos públicos unha vila, se promoves unha política forestal encamiñada á plantación de eucaliptos en detrimento do traballo agrícola e gandeiro, e se eliminas o transporte público o que estás facendo e “invitar” á poboación dese territorio a marchar ás cidades.

A Xunta nestes anos fechou centros escolares, non só no rural, e diminuíu o persoal docente. Provocando que moitos nenos e nenas tiveran que desprazarse quilómetros para poder ir á escola.

Tamén fixo o mesmo cos centros de saúde e consultorios. Deixou de contratar médicos e, sobor de todo pediatras, concentrando a atención en determinados concellos cabeceira de comarca.

Atrancos promovidos por quen debería traballar para mellor as condicións de vida dos galegos e galegas, por quen debería facilitar a crianza dos fillos no rural.

Galiza é unha colonia gobernada por cipaios

Galiza ten adxudicada o papel de produtora de materias primas e enerxía baratas para satisfacer as necesidades do estado español. Onte foi Fenosa da man do franquismo, hoxe son Naturgy, Iberdrola, Ence, da man do “democrático” Réxime do 78. Estamos nun estado onde o capital manda e ordena, e os partidos monicreques que se reparten o goberno obedecen e executan os seus mandados.

A estas empresas sen escrúpulos estórballe o pobo galego, moléstalles que continuemos traballando e vivindo na nosa terra. Que insistamos en ir pescar e que levemos as vacas aos prados, moléstalles que teñamos iniciativa e capacidade para facer barcos.

Vai sendo hora de dármonos conta que todos estes perigos veñen da man do mesmo inimigo e debemos facer unha fronte común. Non podemos aturar mais esta situación, e como dicía o poeta: Irmáns, irmás galeg@! Dende Ortegal ao Miño a folla do fouciño fagamos rebrilar!

Marín, 4 de setembro de 2021

Primer comentario

Deixa a túa opinión