Cousas de Salvaterra, Freguesía de Meder

Cousas de Salvaterra, Freguesía de Meder
Vida galega 10-05-1932
Antón Lorenzo González Saque
Antón Lorenzo González “Xaque”

Biografía de Saturnino Tavares López

Saturnino Tavares López, naceu na Freguesía de San Adrián de Meder, no lugar de Barral o 05 de setembro de 1908, bautizado nesa Igrexa ao día seguinte. Os seus pais foron Francisco Tavares, natural de São Salvador de Barbeita, no concello de Monção, diocese de Braga, reino de Portugal, a nai Ángela López González. Neto por liña materna de José López e de Pilar González, naturais e veciños de Meder. Foron padriños Manuel López González e Anunciación López Saballe, solteiros, naturais da inmediata de Taboexa o primeiro e de Meder a segunda. Así consta no Libro VII de Bautizados, folio 113 volto. Dous anos despois foi Confirmado nesa mesma Igrexa o 26 de xullo de 1910, segundo consta no Libro VII de Bautizados, folio 127 volto. (1)

Saturnino, sobre 1927, con uns 19 anos, pensou que melloraría de posición emigrando. Decidiu por rumbo ao País Vasco, concretamente a San Sebastián, onde un tío seu vivía. “Cedéronlle un cuarto onde durmir e as mulleres encargábanse do lavado das roupas a da alimentación. Pronto atopou traballo como axudante de pasteleiro nun obradoiro de Amara. Naquel tempo, estaba en auxe o boxeo e Saturnino afeccionouse a el. Comezou a ir a un ximnasio e a practicar ese deporte, pronto aprendeu. Adoitaba ir correr polo monte Ulía, antes de traballar, e tiña na súa habitación, pendurada do teito, unha gran saca con recheo que lle servía para adestrarse. Alguén no ximnasio fixouse en Saturnino e propuxéronlle loitar en varios combates, era peso lixeiro. (2)Interveu en 42 combates, dos cales perdeu 12, gañou 23 e en 7 empatou a puntos ou foron nulos. Nunha ficha na que aparece como peso galo, describe os combates coñecidos: Debutou o 13 de outubro de 1928, contra Ignacio Martín no teatro Trueba de San Sebastián, resultado puntos. Disputou outro encontro contra Eulogio Martínez o 22 de decembro de 1928, gañou ós puntos. O terceiro encontro foi contra Jean Van Eeckeren o 02 de febreiro de 1929, no Frontón Urumea de San Sebastián, perdeu ós puntos. O seguinte foi contra Teodoro Autillo, o 02 de marzo de 1929, no mesmo frontón anterior, puntos. O 27 de abril de 1929, pelexou contra Zabala no mesmo Frontón Urumea, gañou deixándoo fóra de combate. O 11 de maio de 1929, combateu contra Joaquín Pujana no Frontón Urumea, gañou por puntos. O 03 de agosto de 1929 o combate foi contra Rafael Arechaga, no Estadio Municipal de Atocha en San Sebastián, gañou deixándoo fóra de combate. O 24 de agosto de 1929 combateu contra Mariano Hernández Arilla tamén no Estadio Municipal de Atocha, perdeu por puntos. O 28 de febreiro de 1930, combateu no Salón Nuevo Mundo de Barcelona contra Jaime Buhigas, gañando. O 09 de abril de 1930, combateu contra José Rodríguez Minguell no mesmo salón barcelonés, perdendo aos puntos. O 19 de abril de 1930, combateu contra Rafael Arechaga no teatro Trueba de S.S., gañando ós puntos. O 10 de agosto de 1930, combateu de novo contra Joaquín Pujana no estadio de Atocha de S.S., gañando. O 23 de agosto de 1930, combateu contra Pedro Ruiz no Campo de la Ferroviaria en Madríd, perdeu ós puntos. O 30 de agosto de 1930, combateu conta Antonio Las Heras no Campo de El Cafeto, Madrid, perdeu ós puntos. Foi o 07 de setembro de 1930 que se enfrontou a Víctor Sánchez, na praza de touros de Zamora para gañar ós puntos. Seguiu a carreira combatendo o 03 de outubro de 1930 no salón Nuevo Mundo de Barcelona contra José Vilanova, perdeu nesta ocasión ós puntos. O 20 de novembro de 1930, no frontón Euskal-Jai de Pamplona, enfrontouse a Francisco Pérez, puntos. De novo nese frontón combateu contra Rafael Arechaga o 06 de decembro de 1930 quedando en puntos. Pasaron dez meses até o 17 de outubro de 1931 que pelexou contra Eladio Cabaco no teatro García Barbón de Vigo, gañando ós puntos. Ese mesmo mes, o 31 de outubro de 1931, combateu no frontón Urumea de S. Sebastián contra Manuel González, puntos. O 27 de xaneiro de 1932 ante Ambrosio Pérez, no teatro Circo Price de Madrid, gañou ós puntos. O mes seguinte, o 04 de febreiro de 1932, volveu combater de novo con Ambrosio Pérez no mesmo teatro anterior e volveu gañar ós puntos. O 19 de febreiro de 1932 enfrontouse a Tony Samber, tamén no teatro Circo Price volvendo gañar ós puntos. O mes seguinte o 16 de marzo de 1932, combateu contra Emilio Iglesias no mesmo teatro e volveu gañar ós puntos. O 24 de marzo de 1932 foi a quenda contra Fernando Barral no parque La Barxa de Vigo no que perdeu. Segundo noticia recollida na revista Vida Gallega o 10 de maio de 1932, organizouse un encontro, de novo contra Fernando Barral, na vila de Ponteareas, dicía a crónica:

“A entusiasta organización de D. Francisco Doval levou a Ponteareasa vista en última instancia do preito que sostiñan Tavares e Barral, que non querían cederse a supremacía do seu peso. A loita foirifada e Barral demostrou a súa boa escola e facultades, pero, como se supoñía foi vencido por Tavares , máis feito e mellor. Leste gañou amplamente aos puntos. Os ollos da afección ao boxeo estiveron con tal motivo postos durante uns días na simpática vila do Areas , que pode gloriarse de ter un espectáculo de categoría.

O 22 de xuño de 1932, combateu contra Fortunato Ortega no estadio Metropolitano de Madrid, estaba vacante o título español do peso mosca, pero perdeu. O 30 de xullo de 1932, combateu contra José Tobas no parque La Barxa de Vigo onde gañou ós puntos. O 11 de setembro de 1932 enfrontouse en Ribadavia a Harina, gañando ós puntos. Continuou na Galiza e o 18 de setembro de 1932, combateu contra José Tobas no teatro Rosalía Castro da Coruña, onde perdeu. O 14 de decembro de 1932 perdeu ós puntos, fronte a Sixto Barros no desaparecido frontón Jai-Alai de Madrid. Entrou o ano 1933, enfrontándose de novo contra Eladio Cabaco, o 14 de xaneiro, na sala Bamio de Vigo, puntos. Tocoulle de novo o 28 de xaneiro de 1933 combater contra Fernando Barral na sala Bamio, gañando por un retiro de esquina. O 01 de abril de 1933 gañou ós puntos a José María Liberato no teatro Circo Tamberlick de Vigo. Un enfrontamento clásico xa contra Eladio Cabaco no Teatro García Barbón de Vigo o 08 de xullo de 1933, puntos. O 16 de setembro de 1933, combateu contra Ambrosio Pérez no García Barbón de Vigo, gañando ós puntos. Non se coñecen enfrontamentos o longo do ano 1934. O 06 de abril de 1935, no Frontón Vigués, foi a ocasión contra Manuel Posada, gañando por fóra de combate. O 27 de abril de 1935, contra Juán Burgos, no Frontón Vigués, perdeu. O 06 de xullo de 1935, de novo en Vigo, no Salón Danubio Azul, gañou por retiro de esquina a Ramón Oliva. O 27 de xullo de 1935, enfróntase de novo a Antonio Las Heras na Praza de Touros de Ferrol, gañando ós puntos. Outra vez contra José Tobas o 10 de agosto de 1935, na Praza de Touros da Coruña, gañou ós puntos. O 24 de novembro de 1935, no Coliseo dos Recreios de Lisboa, gaña ós puntos contra Jerónimo Gonçalves. E chegamos o derradeiro combate coñecido, que aconteceu o 31 de xaneiro de 1936, contra un vello coñecido, Antonio Las Heras, no Teatro Circo Price de Madrid, perdeu por fóra de combate.(3)

Viviu en San Sebastián uns cinco ou seis anos, entre 1927 e 1933. Saturnino, que estaba farto de recibir golpes e de que gran parte das súas ganancias as levara o seu representante, aforrara algúns cartos e decidiu volver o seu pobo e arranxar a casa onde vivían a nai e os irmáns. Levantar un andar sobre a vivenda, poñer as habitacións e a cociña enriba, deixar a parte de abaixo para as cortes e adega, e sobre todo poñer un aseo, pois até entón había que facelo na corte ou no campo. Para lavarse, sempre houbera unha cunca incrustada non moble. Instalou luz eléctrica, antes alumeábanse con candís ou velas.(4)

Tralo golpe de estado, el e seu irmán Antonio, andaron fuxidos uns cinco meses, pero foron apreixados e recibiron ameazas de os fusilar se non se prestaban voluntarios para ir á guerra. Antes deles era sabido que xa mataran a moitos na comarca.

Como sempre hai quen “axude”, cando se instruíu polas novas autoridades golpistas, no mes de agosto de 1936 a causa 301/36, gardada no Arquivo Militar de Ferrol, en declaracións dun coñecido falanxista de Salvaterra, barbeiro de orixe portuguesa, manifestou entre outras cousas, e así consta por escrito na páxina 31, …”pero a xuízo do expoñente tiña por obxecto vingar un agravio que sobre una pelexa tida en primeiro de maio, con Saturnino Tabares, Comunista…. (5)

Foi así como caeron nas mans da Falanxe Española Tradicionalista y de las J.O.N.S., Xefatura Provincial de la Milicia Nacional, Pontevedra. Serviron como “voluntarios” na primeira liña da fronte de guerra baixo a 2ª Bandeira de Pontevedra, 3ª Centuria. Na ficha de filiación falanxista, deixan claro:

1ª liña. Ten 29 anos, 4 meses e 5 días, de estado solteiro, estatura ou metro 525 mm., cabelo negro, cellas ao xeito, ollos castaños, nariz chata, barba redonda, boca regular, cor morena e fronte ancha. Acreditou saber ler e escribir. Entrou a servir no 16 de Xaneiro de 1937. Léronselle as penas que preveñen as Ordenanzas Militares e o xuramento feito á organización, quedando advertido e non lle servirá de desculpa algunha”. (6)

Estando na fronte de Guadalaxara, como facía tempo que non ía a casa, díxolle ao seu irmán Antonio, que a ver si saíndo da trincheira dábanlle un tiro e ferido podía ver a familia. Poucos momentos antes, nun intre de calma, os combatentes dun e doutro lado, estiveran falando e intercambiando cigarros. Saturnino, confiado, ergueuse para sacudir a manta, foi nese intre que deron orde de disparar. Tan ben lle deron que caeu morto no acto ferido por bala inimiga.(7)

Eran as 15.45 horas, así consta na partida de defunción expedida polo Rexistro Civil de Argedilla, a poucos quilómetros de Sigüenza, provincia de Guadalaxara, tiña 29 anos e recibía un haber diario de tres pesetas. Foi soterrado no cemiterio desa vila.(8)

(1).- Arquivo Diocesano de Tui. Libro VII de Bautizados, folios 113 volto e 117 volto.

(2) e (4).- Memorias de Concepción López Fernández, prima vasca de Saturnino.

(3).- Https://boxerlit.com/boxer/saturnino-tavares/148796/

(5).- Arquivo Militar de Ferrol.

(6 ) e (8).- Archivo General Militar de Ávila, AGMAV, C. 8676,1.

(7).- Relato de seu irmán Antonio.

Salvaterra de Miño, 02 de marzo do 2023.

Antón Xaque.