Nos últimos días deron comezo as obras de acondicionamento e mellora da Escola da Revolta na parroquia de Parderrubias.
Salceda de Caselas, 3 de marzo de 2023
Esta actuación levada a cabo polo concello de Salceda de Caselas ascende a 12.293,00 euros. Unha das actuacións máis importantes é a accesibilidade da edificación seguindo a liña de traballo de que todas as instalacións municipais sexan accesibles e sustentables.
Instalarase tarima na aula e rodapés, ademais da instalación de novas fiestras, actuacións que mellorarán o illamento da aula.
Ademais executarase a rehabilitación integral do aseo existente, con novas tomas de auga e electricidade e a colocación dos aparatos sanitarios.
Esta intervención ten como obxectivo recuperar e por en valor as instalacións municipais destinándoas a usos e servizos destinados ao benestar da veciñanza. Neste caso será utilizada por colectivos e asociacións da parroquia para o desenvolvemento de actividades de carácter cultural e social.
Verónica Tourón Domínguez, alcaldesa e responsable de urbanismo: “Con esta actuación na escola da Revolta continuamos coa nosa folla de ruta de rehabilitación e recuperación de instalacións municipais para por ao servizo da veciñanza, con espazos polivalentes para aproveitar os recursos municipais e que o seu uso sexa moito máis eficiente”