

Artigo de opinión
Almorzo a diario na cafetaría da parroquia, onde só hai tres xornais, dous deportivos e o Faro de Vigo. Apañar este último non é doado, por iso unha vez nas miñas mans, saboreo de forma moi especial cada un dos titulares, subtitulares, pés de fotos e mesmo os espazos en branco das súas páxinas. Paso devagar as follas, cos dedos pegañentos de azucre, despois de dar boa conta do croissant. É a única medida preventiva anti-Covid que tomo para evitar o contaxio e transmisión do virus. O impacto que tiveron os glúcidos na non propagación da enfermidade debería ser estudado, xa que a día de hoxe, é raro ver a alguén cuspindo no índice para pasar dunha páxina á outra.
Só os días nos que morre alguén dos arredores dispoñemos dun periódico xeneralista a maiores. Cada vez que isto acontece, diante do local sempre aparca un coche fúnebre do que baixa un operario do tanatorio. Camiñando, co ese rigor mortis que se agarda dun bo empregado do sector mortuorio, vai achegándose á entrada co Diario Atlántico na man, afiada gadaña que corta a respiración dalgún dos presentes que ven no xornal ao mensaxeiro da Santa Morte.
O paradoxo é a mestura de sentimentos que se producen cando chega o Atlántico. Para algúns é un día no que aumentan as posibilidades de gozar do café lendo a prensa, para outros un momento aciago pola morte de alguén coñecido, tamén os hai que aproveitan a situación para analizar o tratamento que se lle da á mesma noticia dende dous puntos de vista, algo moi positivo na era da posverdade.
No meu caso, a perspectiva é diferente, xa que mestúrase o lutuoso co deleite de ter acceso ás crónicas de Roma Tebar, que durante oito anos estiveron denunciando a catastrófica situación que estivemos padecendo os ponteareáns. María Rosa Tebar é unha “periodista de investigación”, famosa por destapar o caso da ambulancia que non chegou a tempo para asistir a unha persoa, que acabou falecendo, por mor das obras de peonalización realizadas ao longo dos últimos anos no pobo. Destacaría dela a valentía, o compromiso por descubrir a verdade, sempre contrastando todo o que publica, dende o máximo rigor, cunha obxectividade impecable, pero o que máis valoro nela é, que cando se equivoca non lle doen prendas en pedir desculpas. Empregando a prosa Tebariana, durante todo este tempo a vila foi un lugar contaminado, sucio, violento, abandonado, onde non houbo onde aparcar o que provocaba que a xente marchase a comprar nos comercios doutros concellos, con praias insalubres, bancos que non valen para nada e cunha piscina a piques de colapsar. Casualidade o non, dende que goberna o Partido Popular, as crónicas xa non son negras, senón máis ben de cor de rosa. Xa non se ven pacientes de idade avanzada deambulando polas rúas a vista de todo o mundo, desapareceu a indignación dos veciños polos debuxiños das rúas e o saneamento deixou de facer augas.
Na actualidade, (se exceptuamos os puñazos e patadas ao saír das discotecas, o trapicheo de drogas, a xente armada con pistolas de verdade pola rúa, a decapitación de monumentos, a rotura de sinais de tráfico ou a contaminación sonora a altas horas da madrugada, que impide o descanso dos veciños), pódese dicir que en Ponteareas os índices elevados de delincuencia pola falta de seguridade e as olas de vandalismo incontrolado, dos que Roma Tebar informaba nas crónicas anteriores, desapareceron repentinamente. Esta xornalista de raza, deixou atrás unha etapa creativa de temática amarga e escura, propia doutro xenio como Goya, para adentrarse nun período rosa, como o que viviu Picasso nunha das etapas máis felices da súa vida, na que tivo varios romances no París de principios do século XX.
A partires de agora as súas crónicas relatarán todo o que va a ir mellorando Ponteareas mentres goberne o Partido Popular. Transformarémonos nunha vila limpa, descontaminada e pacífica. Converterémonos nun Suburbicon, como o de Clooney e os irmáns Coen, pero sen atracos con navallas en parques infantís a plena luz do día, nin olas de violencia incontrolada e onde todo será harmonía e felicidade.
E cando algo desagradable suceda, poñamos por exemplo un acoitelamento á saída dunha discoteca, non vai insinuar que a culpa é do goberno do Partido Popular. Así de estupenda es María Rosa Tebar.