A importancia da educación emocional

Artigo de opinión A Nova Peneira
Emma Rodríguez. Veciña d’ As Neves

Sendo o auto-coñecemento un piar fundamental no desenvolvemento das persoas, cada día fanse eco máis revistas, xornais, cadeas de radio, de televisión, etc. da importancia da estabilidade emocional e a gravidade de non ter unha boa saúde mental. Isto comeza a ramificarse noutros ámbitos: do traballo (coa famosa síndrome do queimado ou burnout), das escolas (sobre o acoso escolar ou bullying)… Alcanza andeis (libros de auto axuda), cursos (mindfullness ou coaching) e instáurase diariamente en charlas familiares. A pesar da súa repercusión actual, non sempre foi así.

Todos pasamos por cambios de etapa ao longo da nosa vida (fase prenatal, infancia, nenez, adolescencia, mocidade, adultez e vellez). Se lembramos a Erik Erikson (1902-1994) e a súa Teoría Psicosocial, podemos decatarnos de que o ser humano atravesa xeralmente por oito crises dependendo da idade. Se nos paramos a pensar, poucas persoas coñecen as consecuencias: perda de motivación, confusión, insomnio, sensación de estrañeza, insatisfacción, medo, dúbida…Nalgún momento sentímonos así pero non nos ensinaron a enfrontalo.

A educación emocional non só é necesaria naqueles casos nos que unha persoa se sente insá mentalmente. Imaxinade que non soubemos recoñecer os síntomas dunha gripe común. Acudiriamos correndo ao médico para que nos dese algo tan sinxelo como un Ilvico ou un Desenfriol. Ao saber os síntomas e que o causa, a xente toma medidas para previr a enfermidade e adoita ter remedios en casa para atallar os síntomas canto antes. O mesmo pasa co estrés ou a ansiedade. Se soubesemos a sintomatoloxía ou como prevela, molestariámonos en buscar unha solución tomando medidas para mellorar a nosa saúde e tendo na casa métodos para reducir o impacto.

Con todo isto e tendo en conta a publicación de UNICEF, onde sinala que o 70% dos trastornos mentais comezan antes dos 24 anos de idade, é de vital importancia inculcar e motivar á sociedade para coñecer o mundo das emocións.

Por iso, cada vez máis expertos propoñen a creación de talleres sobre intelixencia emocional con carácter obrigatorio para a educación primaria e secundaria, e programas de formación gratuítos para adultos. Conclúen que é esencial que os individuos traballen, coñezan e aprendan os diferentes estadios dunha posible enfermidade mental, vital nun momento histórico onde as redes sociais están á orde do día incentivando á discriminación, provocando presión social e xerando odio.