O Festival Nigrán Jazz volve alumear o esteiro da Foz cos mellores músicos do mundo

Nigrán Jazz

Un ano máis e xa van XVI achéganse as datas da celebración do festival de Jazz de Nigrán. Este tipo de eventos en grande medida subsisten grazas ao esforzo e compromiso de persoas que, como Felipe director do Nigrán Jazz, están absolutamente comprometidas dando o mellor de si mesmas para acadar que sexan un éxito. Porén no caso do Nigrán Jazz, moi preto xa de chegar á súa maioría de idade, penso que está xa tan inserido na conciencia colectiva do Val Miñor que Felipe se amosa esperanzado en que sexa capaz de transcender á súa persoa e que no futuro outras persoas poidan continuar facendo do Nigrán Jazz unha cita ineludible nos veráns da nosa comarca.

Felipe Villar , director do festival Nigrán Jazz

A miña ilusión sería que o festival transcendese á miña persoa e que no futuro outros ou outras tomasen o testemuño

Un ano máis mergullámonos no Nigrán Jazz Felipe, cantas edicións van xa?

Dezaseis.

En nada o festival farase maior de idade vaia orgullo para ti, que es o seu fundador¡¡

E tanto que si, pero o que sería incrible é que puidese transcenderme a min e que cando eu xa non poida seguir outros ou outras puidesen tomar o testemuño.

A época da pandemia foi terrible para todos os sectores, pero para o voso, músicos e músicas que vivides dos concertos, foi unha etapa demoledora. Como está a cousa agora ?

Está exactamente igual de traballo, pero mesmo peor, porque as cousas están moito máis caras. Aínda que agora veña o verán, aínda así, festivais de Jazz hai moi poucos e os invernos son moi duros neste estilo de música. No inverno non se vive. Tes que dar clases ou realizar outras actividades relacionadas coa música ou, ás veces, nin iso. Fáloche de xente titulada, cunha formación exquisita e talento extraordinario. A realidade é que aquí hai moi poucas oportunidades.

Supoño que hai poucas oportunidades no sector privado, e a administración, axuda en algo?

Pouco. Teño que dicir que ao Nigrán Jazz apóiano o concello e a DEPO e apóiano con letras maiúsculas. Pero é certo que noutras administracións próximas o artista local brilla pola súa ausencia. Isto é evidente e case insultante ás veces.

Malia que xa son moitas edicións a primeira seguro que segue sendo especial. Acórdaste da primeira vez?

Si claro. A idea orixinal foi de Juan González o actual alcalde e daquela concelleiro . Falou con Quin Alborés, era un deseñador gráfico de Nigrán e amigo persoal meu. Daquela estabamos en época de bonanza e había moitos festivais encima da mesa con proxectos de moitísimo diñeiro. Pero el aparcou todo iso de lado e preguntoulle a Quin se tiña algunha idea cultural para Nigrán. Quin falouno comigo e de aquí xurdiu a idea do Festival Jazz. Eu estaba a estudar e xa estaba metido neste mundo. Empezou os primeiros anos de maneira moi modesta e ata que se nos foi das mans.

Podes lembrar cando foi o momento que pensaches “recoiro, isto está a coller un nivel enorme”?

Pois igual foi a partir da cuarta edición. Aquí hai feitos que desencadean isto. En principio o organizabamos Quin e eu. El falece despois da terceira edición, eu estaba no meu último ano de carreira facendo o grao superior de Jazz en Oporto e funme unha semana para facer un seminario de jazz que montaba Jorge Rossy, un eminente batería catalán .

Neste campamento comenteille que como estaba moi próximo ao festival de Nigrán Jazz podiamos compartir, xa que viñan artistas de fóra e podían estar no Nigrán Jazz e no seminario.

Foi unha tolemia, viñeron os meus artistas favoritos. Agora hai que seguir mantendo o nivel todos os anos e os orzamentos xa non dan como hai 15 anos.

En que data se celebra este ano o festival?

O 29 e 30 de xullo. Os concertos e Jam Session serán no Esteiro dá Foz e a Masterclass, no Auditorio do Concello.

O escenario principal, o Esteiro da Foz, é un paraíso. Descríbeo para quen non o coñeza.

É un estuario enorme na desembocadura do río Miñor. Cando a marea está alta hai embarcacións dos pescadores por alí. Pódese sentar na praia e tocar o mar ou sentarche na herba que estás apartado na estrada. En efecto o sitio é espectacular e contribúe a darlle esa dimensión especial que ten o noso festival.

Tivestes algún ano no que nos acompañará o tempo?

Si, a segunda edición. Logo houbo outro ano que choveu, pero puidemos seguir tocando cun pouco de choiva.

Que cartel hai para esta edición?

O venres Wilfried Wilde, guitarrista francés afincado en Galicia desde fai dez anos e despois o concerto de Lucía Fumero Trio, pianista e cantante Catalán premiada como mellor artista emerxente. Para terminar o venres temos Jam sessión cuns pianistas moi novos de Ponteareas que tocan xenial.

O sábado pola mañá temos Master class con Eve Cornelius e pola noite os concertos de Ella Zirina trio, guitarrista letona que está a tocar cos mellores músicos en Holanda, un compoñente do seu trío é de Vigo e foi alumno meu.

Para acabar o festival co concerto estrela, un Cuarteto, o de Eve Cornelius, cantante de Jazz, Blues e Soul americana. Con Eve está un guitarrista de Lugo moi grande que foi o que formou a banda. Despois hai Jam Sessión con Guillermo Guerrero, guitarrista que está a destacar moito.

O ano pasado dicíasme que tiñades problemas para manter os patrocinadores privados, que despois de dous anos de pandemia a xente non quería gastar diñeiro, como estades este ano?

Non é que teñamos máis diñeiro, pero estamos contentos porque temos un novo patrocinio, o de Triskale, que é unha cervexa natural de aquí, de Nigrán, están a coller dimensión e querían formar parte do festival.

O resto de patrocinadores son os de sempre?

Si, o Concello e de Deputación que son os que máis achegan. Recibimos axudas tamén da asociación AIE , Gadis, Rodosa, a Tapería Druída. O conservatorio Mayeusis está como patrocinador das Masterclas.

Cales son as vosas expectativas de asistencia de público este ano?

Este é o primeiro festival despois da pandemia. Temos moitas ganas de gozalo e dependemos moito do tempo tamén. O festival vai funcionando só cun ambiente marabilloso e nunha contorna espectacular. Se o tempo se porta ben esas noites, seguro que estaremos ben acompañados de xente.