Iria Carreira advirte que hai camas bloqueadas dende maio mentres o tempo media de espera cirúrxica pasou de 53,9 días en 2019 a 78,2 días en 2021
Santiago de Compostela, 30 xuño 2022
A portavoz nacionalista de Sanidade Hospitalaria, Iria Carreira, denunciou no Parlamento galego que a Xunta bloqueará o 10% das camas hospitalarias este verán, pese aos “alarmantes datos das listas de espera” que cifrou, segundo datos do propio Sergas a 31 de decembro de 2021, en 40.401 pacientes para intervención cirúrxica, fronte ás 32.906 que había na mesma data de 2020 ou as 32.874 de 2019, previamente á irrupción da pandemia.
Nunha pregunta na comisión parlamentaria de Sanidade, Carreira recalcou que o tempo medio de espera cirúrxica pasou de 53,9 días en 2019 a 78,2 días en 2021, ao que sumou o empeoramento tamén nos tempos de espera para consulta hospitalaria e que se incrementou en 15 días no conxunto do País respecto do período prepandemia ou de 25 días no caso da espera para probas complementarias e diagnósticas.
“E tendo claro que estes datos se refiren ás listas de espera estruturais, porque das non estruturais, nada se sabe: nin cantos pacientes hai, nin canto esperan”, recriminou ao director xeral de Asistencia do Sergas, ao que reclamou unha vez máis en sede parlamentaria a publicación das listas de espera non estruturais e ao que cuestionou polas repercusións do bloque de camas que, no caso das 33 do servizo de Medicina Interna do hospital provincial de Pontevedra xa están sen utilizarse dende finais de maio.
“Imaxinamos que antes de tomar a decisión de bloquear camas, de paralizar quirófanos, de diminuír a actividade, farían unha avaliación do que isto vai supoñer ou trátase simplemente de ir apañando a salto de mata?”, preguntou con severidade para cuestionar a continuación polas previsións de Sanidade para cubrir as vacacións do persoal, cando en moitos casos “non hai persoal para contratar, non porque se esfume ou desapareza por arte de maxia, senón porque o fai noutras partes porque non está disposto a asumir as condicións laborais do Sergas””.
A deputada nacionalista criticou que, mentres se dá esta situación, “continúa funcionando a bo ritmo a sanidade privada” e cuestionou “como se explica que se deriven pacientes á sanidade privada mentres hai camas baleiras nos hospitais públicos, mentres hai quirófanos parados?”. “Resulta obsceno que mentres que hai posibilidade de prestar asistencia na sanidade pública, non se faga por manter unha política de contratación e unhas condicións laborais pésimas”, reprobou, para concluír: “por riba, destinando recursos para os centros concertados, para que fagan as mesmas operacións, as mesmas ecografías que se poderían facer na sanidade pública, polas mesmas profesionais que se formaron nela durante anos”.