Pontón sitúa ao BNG como a única forza política con liberdade para abrir un cambio real en Galiza

Ana Pontón 25 de xullo A nova peneira

Proclama “a vontade clara” do nacionalismo para liderar o país cun proxecto para a maioría social e sen dependencias centralistas.

Se en novembro hai eleccións, imos deixarnos a pel para que Galiza recupere voz propia e peso político en Madrid”, salientou.

Demanda poder político, poder económico e capacidade de decisión para afrontar os retos de futuro.

Insta a traballar para sumar ao Bloque a toda a cidadanía farta da discriminación dunhas forzas estatais que miran a Madrid e pasan do país.

Santiago de Compostela, 25 de Xullo 2019

Tras unha manifestación masiva e ante unha abarrotada Praza da Quintana, a portavoz nacional, Ana Pontón, proclamou que a razón de ser do nacionalismo galego “é construír unha Galiza moderna, xusta e igualitaria, unha Galiza de oportunidades e con futuro”, e iso é posible da man dun BNG “renovado, moderno e con bases firmes”.

“Somos a alternativa”, recalcou, “porque temos un proxecto de país con propostas actuais, avanzadas, que responden ás necesidades deste tempo”. Por iso, fronte “á gran aspiradora do noso futuro que é Madrid”, a líder nacionalista propón abrir un novo ciclo político que supoña un cambio real, e situou ao Bloque como a única opción capaz de facelo posible porque non ten as mans atadas polo centralismo.

“Se queremos un país con futuro, con capacidade para autogobernarse necesitamos partidos libres, e a única organización política libre en Galiza chámase BNG, quen pode cambiar as cousas é o BNG”, proclamou, tras asegurar que este 25X é o punto de arranque para un tempo novo e pediu “centrar todos os esforzos” en liderar ese futuro que empeza a construírse desde agora e até as eleccións galegas de 2020.

“Temos a base máis sólida para vertebrar o país, para facer cristalizar o sentimento de identidade maioritario no pobo galego. Para iso, concentremos o noso traballo en lograr que ese sentimento se traduza politicamente en apoio a un proxecto integrador e afrontando con decisión o reto de dirixirnos á maioría social”, demandou.

Pontón fixo fincapé na idea de que este Bloque “renovado” empeza unha nova etapa “coa vontade clara de liderar Galiza” cunha apelación directa a toda a base militante. “Pídovos que levedes a cada cidade, a cada vila unha mensaxe clara: que somos un BNG que encarna o nacionalismo deste século, somos a Galiza social, a Galiza económica, a Galiza innovadora, ecolóxica, feminista, creativa. A Galiza seria e traballadora e tamén a Galiza divertida. Somos isto e moito máis”.

Para afrontar os retos que hai por diante, como a globalización ou o cambio climático, ou para combater problemas como a precariedade laboral, a emigración, a desigualdade social e de xénero ou a crise demográfica, a portavoz nacional demanda “poder político, poder económico e capacidade de decisión desde aquí, porque ese é o futuro, unha Galiza máis forte, con soberanía ante un mundo global”.

Un futuro, denunciou, “que nos quitan” as forzas políticas estatais, “esas que din que defenden o país pero miran todo o tempo para Madrid, que din gobernar desde aquí pero fan o que lles mandan desde alí, que prometen pero que non fan máis que levar a riqueza do país para Madrid”, que teñen como gran aportación “discriminación e irrelevancia política”, como se constatou de novo no debate de investidura.

Mentres vascos, cataláns, canarias, valencianas, cántabros “pelexaron polo seu” da man de forzas políticas propias, “Galiza estaba missing” porque para PP, PSOE ou Podemos “este país é intranscendente”. Por iso, indicou, “a nosa responsabilidade é escoitar, actuar con humildade e audacia e canalizar a tremenda decepción que existe ante a falta de respostas para Galiza por parte das forzas estatais” que só receitan “dormidina”.

Pontón tamén deixou claro que, ante un fracaso na constitución dun Goberno no Estado, o Bloque vai ir a por todas para darlle voz propia Galiza no Congreso: “se en novembro hai nova cita coas urnas, iremos a por todas, deixándonos a pel para que Galiza volva ter voz e peso da man do Bloque Nacionalista Galego, porque ou o facemos nós, darlle voz a este país ou, está visto, ninguén máis o fai”.

BNG á alza

Cun BNG á alza e convencida de que unha maioría social quere un cambio real, Pontón proclamou que, “outra Galiza é posible, con capacidade de decisión, que aposta pola innovación para crear emprego de calidade, que se preocupa porque volvan a mocidade emigrada, unha Galiza que coida o territorio e enfronta o cambio climático, unha Galiza feminista, que mira o mundo pero que non renuncia ao seu idioma. Esa é a Galiza que queremos construír e non é unha utopía, porque co BNG podemos facela realidade”, concluíu.

A manifestación contou coa asistencia dunha nutrida representación de delegacións doutras forzas políticas nacionalistas e soberanistas doutros territorios do Estado e do mundo. Entre outras, ERC, CUP desde Catalunya; EH-Bildu, EA, e PNV desde Euskadi; o Bloc Nacionalist de Valencia, responsables das forzas nacionalistas en Mallorca e tamén de Gales (Plaid Cymru), Irlanda (Sinn Fein), Portugal (Bloco de Esquerdas e Partido Comunista Portugués), Cuba (consul en Galiza), Brasil (Partido dos Trabalhadores), Palestina (Fronte Popular de Liberación de Palestina).