As Xeiras do IEM. Verán 2019 Da Fonte da Vella, en Pousada, ata o Portelo de Vilaza. o Camiño da Nosa Señora do Norte

Portelo de Vilaza A Nova Peneira

Martes 30 de xullo terá lugar unha nova xeiradentro do programa das Xeiras de verán 2019 coa colaboración do concello de Gondomar titulada Camiño da Nosa Señora do Norte. De Gondomar a Vilaza.Será guiada porAntonio Soliño Troncoso.O percorrido estará acompañado de dúas intérpretes en lingua de signos.

DATA: Martes 30 de xullo.

LUGAR: Gondomar.

HORA: 18:30h

DURACIÓN: 3h

PUNTO DE ENCONTRO E REMATE: Estación de Autobuses de Gondomar.

PERCORRIDO TOTAL CIRCULAR: 3.350 metros.

Ao longo desta xeira, continuidade dos tramos percorridos o ano pasado, veremos e comentaremos unha vez máis retallos dun importante patrimonio histórico, etnográfico e artístico e volveremos a preocuparnos pola deriva paisaxística que está a enfilar a contorna por mor de especies arbóreas invasoras e outras razóns non vexetais. Trataremos arquitectura vernácula, tan ben imbricada no territorio e como tantas veces non moi ben atendida, volveremos a comprobar a secular dependencia do campesiñado respecto da auga, visitaremos un adro e campo de festas dos máis monumentais do Val no que outra vez queda patente a evidencia de ritos e costumes nacidos para aplacar medos e angustias emocionais da xente do rural, toparémonos co único monumento civil do románico do municipio emprazado de xeito inmediato a un lugar mítico para a organización social do Val durante os séculos XVI, XVII e XVIII, citarémonos con topónimos evocadores e case sempre reveladores, transitaremos a un tempo dous dos camiños historicamente máis importantes do Val de Miñor, e por último toparémonos unha e outra vez con restos históricos e construídos deixados pola fidalguía e a alta nobreza do Antigo Réxime. Todo durante as tres horas que aproximadamente nos levará percorrer os 2.200 metros do tramo de camiño que atravesa a parroquia de Mañufe para un percorrido total circular de 3.350 metros; un traxecto afectado de pouca dificultade. O punto de encontro e remate é a Estación de Autobuses, na vila. Prégase puntualidade. O percorrido será acompañadode intérprete de lingua de signos.O camiño é un elemento básico na ordenación do territorio, podendo presentarse con diferentes rangos e categorías. Hoxe novamente imos centrarnos nun dos de xerarquía superior para o contexto que atravesa dende, cando menos, a Idade Media. O Camiño da Nosa Señora do Norte a Santiago sepárase do central en Barcelos -Portugal-e logo de pasar polos concellos de Viana do Castelo, Camiña e Vila Nova de Cerveira entra en Galicia por Goián. A primitiva barca tiña desembarcadoiro ao pé da Fortaleza de San Lourenzo e tras bordear o Pazo-Torre dos Correa a vía pasa a Estás e logo ao Mosteiro e ao Seixo, en Tomiño, para continuar por Pousadela e Hospital, onde o topónimo fai referencia ao que existiu para peregrinos dende 1295. A continuación tira cara a Tebra e a seguir sobe por Cima de Vila para entrar no municipio de Gondomar pola Portela de Couso. Pasa pola capela dos Remedios e dende aquí segue baixando polas Casas do Monte ata Feira da Doce, na Estrada. Bordeando o Pazo do Conde de Gondomar continúa por Pousada ata o pé da parroquial de Mañufe e dende aí vai ó barrio da Ponte para atravesar o Río Miñor (neste punto parece existiu un antigo hospitaliño). Continúa polo Cruceiro do Acordo, pasa polo Pazo de Fontán e xa entra na parroquia de Vilaza polo Cruceiro do Portelo. Segue polo treito empedrado ante o Pazo de Pampillón e chega á Areiña, lugar a partir do cal vai coincidir coa estrada real de Baiona ao Porriño ata O Tumbio, en Vincios, logo de atravesar nese lugar o río agora coñecido como Zamáns pero citado en documentos medievais como Miñor. A continuación, polo barrio da Rocha chega ao Muiño Gaiteiro e dende alí, por detrás da Pasaxe, entra no actual concello de Vigo ante un antigo marco recolocado que indica o inicio de Valadares. O camiño continúa polas Furnas e a zona alta da igrexa de Castrelos para cruzar a Gran Vía e por Romil, a Falperra e Alfonso XII chegar á Colexiata. Dende aquí segue polo Areal ata a vila de Redondela onde volve enlazar co camiño central a Compostela.