“É indecente e inmoral usar o sufrimento de seres humanos para obter réditos políticos e electorais como fai o PP con Ceuta”, considera

“A campaña de odio do PP é noxenta, sobre todo despois de o escándalo que salpica a empresa do Conselleiro de Emprego”, manifesta

Santiago de Compostela, 20 setembro 2026.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reivindicou en Noia outra forma de facer política para mellorar a vida das persoas e pediu “ir por todas” nas vindeiras eleccións municipais de maio.

“Queremos máis BNG nos concellos porque queremos máis capacidade para mellorar a vida da xente e porque cada novo goberno municipal fortalece a alternativa do BNG para Galiza” proclamou no acto de presentación dos e das cabeza de lista nacionalista pola comarca da ría de Muros-Noia, onde agradeceu a implicación dos e das candidatas, por “por dar a cara e poñerse á fronte, por crer que hai outra forma de facer política, cando desde as atalaias mediáticas nos queren desmobilizadas”, manifestou.

“Paga a pena defender as causas xustas, mesmo cando parece que é difícil cambiar as cousas”, recalcou, lembrando que todas as conquistas socias (o dereito a voto, a xornada de 40 horas, o dereito a non traballar se enfermas, as pensións, a educación e sanidade públicas ou a igualdade das mulleres) “empezaron con xente que se uniu e que se negou a aceptar que as cousas tiñan que seguir sendo como eran.”

“Queremos máis BNG nos concellos porque queremos máis capacidade para mellorar a vida da xente e porque cada novo goberno municipal fortalece a alternativa do BNG para Galiza”.

“O noso obxectivo é construír unha nova maioría social e demostrar que hai outra forma de facer política para mellorar a vida da xente. Queremos construír unha nova maioría social sumando no BNG a tomas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón. Ese é o noso obxectivo: ser a forza maioritaria para mellorar a vida dos galegos e das galegas ante un PP cada vez máis ultra e antigalego”, incidiu.

Pontón mostrouse convencida de que o Bloque será a forza política que máis medre; “e para conseguilo emprazou a que, de aquí ao 23 de maio “nos poñamos a dar o mellor de nós para que teñamos o mellor resultado na nosa historia nas municipais”.

A portavoz nacional do BNG afirmou que “ese é o salto que temos que dar e temos un aval extraordinario para conseguilo: o que estamos facendo nos concellos co noso modelo municipal de éxito que transforma en positivo”. Defendeu así unha forma de facer política que demostra que se poden ter servizos públicos de calidade, recuperar espazos para as persoas, dinamizar a economía local, defender o comercia, avanzar en igualdade, apoiar a cultura ou protexer o territorio.

A cara ultra do PP e a indecencia do conselleiro de Traballo

Na súa intervención, Pontón alertou do momento complicado, con discursos de odio e onde o PP “abraza os discursos do odio, racistas, un PP tirado ao monte, cada vez máis lonxe do sentir do pobo galego. Exemplificouno coa crise de Ceuta, á que o “bulo-relato” do PP insiste en chamar “invasión”. “Non é unha invasión, é unha crise humanitaria con 140 mortos e miles de persoas nas rúas en condicións deplorables, con centos de nenos e nenas desprotexidos”, corrixiu.

Asegurou que, fronte este discurso ultra, ela cre nesa política qeu non mira para outro lado cando hai sufrimento, na que non busca culpables entre quen menos ten. Na que non alimenta o medo nin sinala ao diferente para conseguir un puñado de votos, creo na política que une, na que entende que non somos máis fortes cando deixamos alguén atrás, senón cando avanzamos xuntas.”

Afirmou sentirse “profundamente orgullosa de que Galiza sexa un país solidario. Un país que sabe o que significa emigrar, empezar de novo, necesitar que alguén che abra unha porta”.

Por iso, engadiu, “cando noutros lugares vemos avanzar discursos que converten o medo en odio e o diferente en inimigo, temos que dicilo con enorme firmeza: ese discurso non representa aos galegos e galegas. Galiza é suficientemente segura de si mesma para abrir os brazos aos demais”, recalcou.

Preguntouse “por que para Ucrania si na crise de Ceuta non?” reclamándolle a continuación ao goberno galego que “deixe de difundir bulos, de difundir odio e racismo e que poña en marcha un plan de acollida a eses menores igual que se fixo con Ucraína, exactamente igual”.

Pontón afirmou que a campaña do PP contra as persoas inmigrantes é aínda “moito máis noxenta despois de que estes días vísemos un conselleiro de emprego que ten unha empresa familiar que está salpicada por un auténtico escándalo. O mesmo Partido Popular que difunde discursos xenófobos e de odio, que fala de invasores, mira para outro lado cando explotan eses migrantes con contratos ilegais nas empresas de familiares de altos cargos do PP, mentres Rueda di que non pasa nada, que é normal. “Esa é a política do PP, non queren xente con dereitos, quérena ilegal explotala.”

A alternativa do BNG fronte un PP que favorece a privada

Ana Pontón explicou que “nada nos sorprende” porque “PP e hipocrisía van da man”, referíndose a que os populares din defender sanidade pública no Parlamento mentres “os recortes na sanidade parece que os inventastes vós”, dixo dirixíndose ao público, no que se encontraba a deputada Rosana Pérez e o ex alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral. o Pero nada que nos sorprenda, porque PP e hipocrisía van da man. Porque o PP é especialista nunha cousa, utilizar o público en beneficio duns poucos. E levamos anos vendo como o Partido Popular desmantela a sanidade pública para favorecer o negocio privado. O PP convertendo os dereitos en negocio”.

Recalcou neste punto ao aumento dun 1.200% de beneficios de POVISA grazas aos case cen millóns de euros que lle inxectou Rueda a Ribera Salud, a empresa privada propiedade dunha multinacional francesa. “É fundamental a defensa dos servizos públicos fronte a un PP que recorta no público para favorecer o privado, porque esa é a especialidade do PP”.

“É unha indecencia”, expresou, criticando que, mentres o PP lle dá cartos á privada, once mil nenos e nenas non teñen pediatra e a xente non ten médico de cabeceira asignado. “Esta é a política que temos que defender”

É por iso que manifestou a necesidade de reclamar salarios que permitan chegar a fin de mes, pensións dignas, servizos públicos de calidade, que o noso entorno natural esta ben coidado, que se poña por diante, en definitiva, a vida da xente. “E iso faise en todas partes. Faise en Bruxelas, faise en Madrid, faise desde o goberno galego e tamén se fai desde os concellos”.

Emprazou os alí presentes, baixo un sol de xustiza, poñerse a traballar nestes meses que quedan para as municipais para “dicirlle á xente que hai que ir votar, que hai que participar, que necesitamos máis concellos BNG como temos en Muros, unha alcaldía á que algúns queren poñer paus nas rodas pero que a nosa forza por construír e transformar non a pode parar ninguén”.