O candidato á alcaldía estivo acompañado pola deputada Noa Presas e por todo o equipo do BNG de Mos no acto de presentación do seu proxecto
Barcia aposta por un Concello ao servizo das persoas, con máis servizos públicos, vivenda, apoio á cultura e ao deporte e unha nova forma de gobernar
Mos, 21 de setembro de 2026.
O candidato do BNG á Alcaldía de Mos, Gustavo Barcia, presentou a súa candidatura para as eleccións municipais de 2027 nun acto no que debullou as principais liñas do seu proxecto. Barcia reivindicou a necesidade “abrir un tempo novo” para Mos, cun goberno centrado en atender as necesidades das persoas. O acto contou tamén coa participación da deputada no Parlamento Galego Noa Presas e con todo o equipo do BNG de Mos.
O proxecto de Gustavo Barcia sitúa como prioridades a creación dun centro urbano que permita concentrar servizos municipais, un transporte público que conecte as diferentes parroquias, políticas de vivenda pública para facilitar que a mocidade poida permanecer en Mos e un maior apoio ás entidades culturais e deportivas.
A candidatura do BNG propón ademais unha transformación na maneira de relacionarse desde o Concello coa veciñanza e co tecido asociativo. Barcia defendeu unha administración municipal aberta, próxima e respectuosa, na que calquera persoa poida sentirse escoitada e tratada con dignidade. “Dende o BNG non traballamos para gañar unhas eleccións municipais, senón para mellorar este concello”, afirmou, sinalando que o obxectivo de acadar a alcaldía está ligado á vontade de mellorar a vida da veciñanza. Capacidade de traballo
No acto, a deputada Noa Presas trasladou o seu apoio a Gustavo Barcia e á candidatura do BNG de Mos, destancando non só a súa capacidade de traballo, senón tamén a do seu equipo e o proxecto que están a construír para o concello. Barcia estivo acompañado tamén polos integrantes do grupo municipal, pola militancia e por deceas de veciñas e veciños que arrouparon a presentación da candidatura.


