Os encontros permitiron constatar a preocupación pola falla de transparencia do PP respecto a un proxecto clave para definir o modelo de concello.
A inmensa maioría das asociacións veciñais ven As Pozas como o emprazamento máis razoable para o futuro edificio administrativo.
Mos, 25 de outubro de 2021.
Hai menos dun ano, a alcaldesa de Mos anunciou a construción dunha nova Casa do Concello. Afirmou que o proxecto contaba co respaldo económico da Xunta e adiantou a convocatoria dun concurso de ideas, pero nada máis se soubo dende entón. Todo foron rumores sobre un posible traslado da capital municipal e sospeitas de que “algo se anda a argallar” de costas á cidadanía. Ante a falla de transparencia do goberno do PP, o BNG abriu unha rolda de consultas co tecido asociativo, con reunións en todas as parroquias para expoñer a posición do Consello Local, favorable á centralización de servizos municipais no futuro núcleo urbano das Pozas, e coñecer a opinión da veciñanza.
O portavoz nacionalista na corporación municipal, Gustavo Barcia, realiza unha valoración “moi positiva” dos encontros coas asociacións. Afirma que serviron para constatar que “a xente quere ter voz e voto en torno ao emprazamento da futura casa consistorial”, unha decisión que debe tomarse, na súa opinión, “con luz e taquígrafos e a través dun proceso aberto á participación de toda a sociedade mosense”. A rolda de contactos arrancou no mes de xaneiro e ás reunións estiveron convidados os membros das xuntas directivas dos colectivos representativos de todos os barrios e parroquias. A situación sanitaria impediu a convocatoria de encontros abertos a todo o público, pero Barcia non descarta organizalos nos próximos meses. “Un dos grandes temores do BNG é que a opacidade coa que o PP de Nidia Arévalo está a abordar esta cuestión provoque unha nova división entre a veciñanza”, indica o concelleiro.
Respaldo veciñal á opción das Pozas
“O sentir maioritario, entre os distintos colectivos cos que nos reunimos, é que a nova casa consistorial debe situarse nas Pozas, en Petelos, e que este debe ser o xermolo do futuro núcleo urbano do concello”, explica Barcia. Esta opinión coincide coa postura que vén defendendo o BNG dende hai anos e co modelo urbanístico definido no PXOM de 2017. O documento prevé a construción de varios edificios administrativos e o desenvolvemento de novas promocións residenciais na mesma contorna onde se sitúan o IES de Mos, o Multiúsos, a piscina municipal ou o pavillón Óscar Pereiro, entre outros equipamentos. Por dúas veces, o Grupo Municipal do BNG preguntou no pleno polas intencións do goberno do PP respecto á nova casa consistorial e en ambas ocasións, a alcaldesa negouse a ofrecer unha resposta.