Victoria Alonso candidata do PsdeG PSOE á alcaldía de Mos

Victoria Alonso candidata do PsdeG PSOE á alcaldía de Mos

Cun goberno socialista a división entre mosenses gratos e non gratos vaise acabar para sempre”

Que impresión quitaches do acto da presentación da túa candidatura?

Saín enormemente satisfeita. Fixemos a presentación no auditorio das Pozas e o local estaba ateigado de xente. Respirábase unha ilusión superlativa e unha moral de vitoria que , como che dixen, me fixo saír moi contenta.

Sénteste apoiada pola dirección do teu partido?

Na presentación da nosa candidatura estaba o presidente provincial David Regades, o presidente autonómico Valentín González Formoso a subdelegada Maica Larriba e Miñones , que xa nos confirmara asistencia, finalmente non puido achegarse porque , como sabes, foi nomeado ministro. Si, síntome arroupada polo meu partido, moi agradecida e honrada pola confianza dos meus compañeiros e compañeiras socialistas.

Véxote moi animada?

Teño un inmenso sentimento de responsabilidade, pero si, estou moi animada coa convicción de que Mos non pode aguantar máis con este goberno nefasto e coa seguridade de que o partido socialista será quen protagonice o cambio necesario. Estou moi satisfeita do equipo que me acompaña. E Por outra parte véxoo moi nerviosos, ata en ocasións crispados, aos compoñentes do PP de Mos, o que me leva a pensar que eles tamén son conscientes da inminencia do cambio.

Preséntanos brevemente ás 7 primeiras persoas da candidatura que encabezas?

A número 2 é Fina, Delfina Rodríguez, da parroquia de Louredo, unha muller socialista de sentimento con moita experiencia política, foi concelleira, e está absolutamente comprometida na defensa dunha sociedade máis xusta

O número 3 é Alejandro Figueroa, de Cela, actual concelleiro e compañeiro de mil batallas contra os abusos o nepotismo e na defensa dun Mos mellor.

A número 4 é Beatriz Vázquez da parroquia de Tameiga unha muller dun perfil social sobresaínte que sempre está na defensa das causas xustas.

O número 5 é Bruno Duto, natural de Petelos, que agora vive en Tameiga. É enxeñeiro de minas, traballa coa CM e é o responsable da parte de enerxías renovables. É un home cunha formación e unha capacidade superlativa ao que lle estou moi agradecida pola súa decisión de unirse ao proxecto socialista.

O noso número 6 é Jose Antonio Mantilla un histórico do socialismo mosense natural de Pereiras e moi implicado co seu tecido social e veciñal

A número 7 é Mónica Rodríguez natural da parroquia de Sanguiñeda unha muller de marcado perfil social que tamén levaba tempo coa intención de participar en política e que nos honra coa súa compañía.

O número 8 é Ramón Alfaro que é o presidente do círculo Santa Eulalia de Mos.

Faime unha valoración sintética do actual goberno de Mos?

Por desgraza o goberno de Mos leva traballando igual desde que entraron coa moción de censura:

-A xestión económica é desastrosa; irresponsable e sen control. A situación económica segue a ser crítica. Ano tras ano acumúlanse facturas pendentes e o goberno recorre ao recoñecemento extra xudicial. Este ano pagaron máis de 1.000.000 de € desa maneira, algo moi grave.

-Por outra parte o goberno non trata a todos e todas por igual, algo gravísimo, divide á sociedade en amigos, as persoas que considera están con eles, e inimigos, as persoas que identifica como contrarias.

Cales serían as primeiras medidas que tomarías ti como alcaldesa de Mos?

O contrario do que fai a alcaldesa:

-Reconducir a situación económica para que cada € que se gaste sexa de maneira rigorosa e contrastando previamente a necesidade de facelo.

-Tratar a todo o mundo por igual con independencia das súas antipatías ou simpatías políticas e buscando sempre o ben común de Mos e non o particular de ninguén. A división entre veciños gratos e non gratos vaise acabar para sempre xamais.

-Ser ambiciosos .Non zafar os problemas do día a día como boamente se poida, que é o que fai este goberno, senón ter un modelo de pobo que permita facelo atractivo para vivir. E para iso son necesarios servizos adecuados e suficientes.

E que podería encontrar unha veciña ou veciño de Mos en ti como alcaldesa?

Ante todo un estrito sentido da xustiza. E perdóame que o repita pero é que a bipolarización da sociedade , bos se me apoian malos se non o fan, que practica Nidia Arévalo é moi grave. E cun goberno socialista vai ser o primeiro que imos cambiar

Logo son unha persoa humilde, traballadora, con capacidade para escoitar e aprender e moi sensible ás necesidades sociais .