Tino Lago
A asemblea de militantes de GañaMós tomou a decisión de non presentar a súa candidatura ao vindeiro proceso electoral. Nós falamos con algúns dos seus militantes, todos eles membros fundadores da organización política que nos últimos oito anos foi un actor enormemente relevante na vida política de Mos.
Miguel Ángel Rodríguez, Martín Vázquez, Roberto Rodríguez, Catalina Coya e Cristóbal López.
Podemos dicir con certeza que GañaMós, despois de terse presentado ás eleccións do 15 e ás do 19, desta volta non se vai presentar?
Si, é definitivo. GañaMós non vai presentar candidatura ás municipais de maio.
Cando naceu GañaMós?
Pouco antes das eleccións do ano 2015.
Cal foi o motivo do nacemento de GañaMós?
Naquel momento dábanse as condicións adecuadas para facelo. Mos precisaba un cambio político con urxencia, igual que o precisa agora, a oposición estaba nun momento moi débil e o contexto político xurdido a raíz do 15M fixeron propicio o noso nacemento e os bos resultados electorais que tiramos no 2015. O grupo que se xuntou era moi numeroso, plural e diverso .E quixeramos destacar o importante papel que na súa cohesión tivo a figura de Paco Troitiño.
No mandato do 2015 tivestes 4 concelleir@s e 2 no do 2019. Como era a vosa dinámica interna de funcionamento?, como estaba organizada a relación entre a asemblea de militantes e os representantes institucionais?
Sempre que se puido debatiamos as posturas políticas nas asembleas de militantes e alí se tomaba posición, que era a que obrigatoriamente tiñan que defender os nosos representantes no Concello.
No primeiro mandato tivestes un problema co voso portavoz, Paco Troitiño, que dimitiu e entregou a súa acta. Cal foi o motivo, ao voso xuízo, que provocou esa situación?
Unha discrepancia sobre o proxecto do Celta no noso concello. A asemblea de militantes de GañaMós decidiu oporse a intención do presidente do Celta, e Paco mantiña , pola contra, unha opinión favorable. El non se sentiu representado pola opinión colectiva de rexeitar o proxecto do Celta, e que ao ser un mandato da asemblea tería que defender de maneira obrigatoria no Concello, e tomou a decisión de entregar a súa acta e dimitir.
No mandato actual houbo outro problema co que era o voso portavoz municipal, Román González. Cal foi a razón, ao voso xuízo,que motivou esa situación?
A situación foi completamente diferente. Ese señor foi escollido pola asemblea de GañaMós para representar a GañaMós e e el tomou a decisión unilateral de representar a Podemos, un partido que nin é GañaMós nin ten nada que ver con GañaMós. Por outra parte el tomou decisións políticas de maneira persoal que só representaban ao seu propio criterio.
Foi advertido polo partido de que ese camiño que decidiu tomar non era o sentir colectivo de GañaMós?
Si, claro que si.
Román González é un tránsfuga?
Si, rotundamente si. A súa actuación encaixa sen ningunha dúbida no que denuncia o pacto antitransfuguismo. Por outra parte nós tamén temos un código ético que el vulnerou de maneira flagrante. O tempo que estivo aquí enganou a todos os membros de GañaMós.
Todo apunta a que Podemos vai presentar unha candidatura en Mos que encabezará Román González. Esa candidatura ten algún vínculo con GañaMós?
Non, ningún en absoluto.
Nas eleccións do 19 GañaMós obtivo case 1.000 votos. Desde a vosa perspectiva eses votantes poden sentirse representados nesa suposta candidatura de Podemos?
Non , desde a nosa perspectiva non.
Diciádesme antes que Mos segue a necesitar un cambio político verdade?
Si, abofé que é así. A nosa valoración da actual alcaldesa e do actual goberno de Mos segue a ser manifestamente negativa e Mos precisa un cambio político sen ningún tipo de dúbida.
A todas as persoas de Mos que consideren, como vós, a necesidade dun cambio político a quen lle pedides que voten?
A calquera partido de esquerdas que non estea encabezado por un tránsfuga.
Rematamos .E chegado ao final sentides que estes anos de loita foron inútiles?
De ningún modo. GañaMós foi un proxecto precioso que si conseguiu cousas e a porta para retomalo, ou algo semellante, no futuro queda aberta.
Ponde algún exemplo das cosas que “ conseguiu” GañaMós?
Anulamos unha RPT que ía favorecer descaradamente a persoas afíns ao PP, fomos a punta de lanza no conflito do Celta, o asunto do Rebullón, malia que a alcaldesa se auto atribúa o mérito, foi unha proposta de GañaMós, revolucionamos a comunicación política( os primeiros boletíns con información foron nosos) e contribuímos a que segmentos de persoas que nunca se formularan a posibilidade de participar en política tomaran consciencia do importante que é tomar partido.