Con motivo do 8 de marzo, o Concello de O Porriño puxo en marcha unha campaña de posta en valor das traballadoras da praza de abastos do municipio. Campaña a que se sumou a rexedora mosense cunha visita as instalacións na mañá do propio día. O acto culminou cun reparto de bolsas por parte de ámbolos alcaldes no propio recinto e nas rúas próximas.
No seu momento, os socialistas mostraron o seu desacordo con esta decisión, xa que consideran mal acaído empregar a mañá dun día tan simbólico para participar dun acto do concello veciño. Aínda que consideran os feitos unha ofensa para a veciñanza mosense despois de ser coñecedores que as arcas municipais de Mos pagaron 1.537€ en bolsas que non chegaron a ver as e os mosenses.
A praza de O Porriño é un mercado ao que acoden veciñanza mosense obrigada pola necesidade e a imposibilidade por non ter un espazo similar en Mos. Pero din os socialistas que non é de recibo que con diñeiro de Mos se financien uns agasallos que foron repartidos noutro concello. Dito agasallo foi pagado cunha factura e carece de contrato, aínda que inciden na cuestión de que a capacidade de inversión e de actuación de cada concello está limitada aos lindes do propio municipio.
A voceira socialista, Victoria Alonso, califica este feito de intolerable xa que en Mos realizáronse actividades nas que participaron veciñas, que non chegaron a recibir esas bolsas que si tiveron veciñas de O Porriño pagadas gracias a Mos. Alonso recórdalle a actual rexedora que os fondos municipais deben reverter na veciñanza municipal e que si quere darse baños de masas que o faga con agasallos pagados dende o seu peto. Finaliza dicindo que débese ser rigorosos na xestión dos fondos públicos e que pagar algo que se benefician en maior medida O Porriño, é unha ofensa para a veciñanza de Mos.