Un raio de esperanza no Iemen

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xurxo Agra. Especialista en política internacional

O pasado sábado 2 de abril, coincidindo co inicio do mes sagrado musulmán do Ramadán, deu comezo unha tregua de dous meses no Iemen, que supón a primeira gran interrupción das hostilidades desde 2016 e o paso máis significativo cara a resolución dun conflito que provocou a peor crise humanitaria do planeta e que nos últimos meses experimentara unha notábel intensificación.

Os hutíes, cuxa maioría practica o islám zaidí xiíta, son un movemento político e militar orixinario do norte do Iemen, tamén coñecido como Ansar Allah, que controla importantes partes do país onde vive a maioría da poboación, incluída a capital Saná, que tomaron en 2014. Nos últimos meses puxeron o foco na toma da estratéxica rexión de Marib, a principal rexión produtora de petróleo e último bastión no norte do goberno recoñecido internacionalmente do Iemen.

Pola súa banda a coalición liderada por Arabia Saudita, que conta co apoio de varios países árabes e occidentais, intervén militarmente no Iemen en marzo de 2015 para combater os hutíes, restaurar o goberno do Presidente Abd-Rabbu Mansour Hadi e reverter o que consideran crecente influencia iraniana na rexión.

En 2017 xorde o Consello Transitorio Sureño, apoiado polos EAU, separatistas que procuran a independencia do sur do Iemen e que controlan importantes partes do país, incluída a cidade portuaria de Aden, sede temporal do goberno iemení. En 2020 fan parte do gabinete do Presidente Hadi como parte dun acordo de poder compartido, mais a relación é tensa.

2022 veu marcado por unha forte escalada no conflito. Xaneiro rexistrou máis vítimas civís que todo o 2021, sendo probabelmente o peor mes en 7 anos de guerra. Mentres a coalición realizou máis de 1.400 ataques aéreos no Iemen, as forzas hutíes lanzaron 40 operacións militares sobre infraestruturas estratéxicas en Arabia Saudita e os EAU, incluíndo aeroportos, campos de gas e petroleiros no Mar Vermello.

O país está en ruinas e a economía destrozada no medio dun bloqueo da coalición, que limitou o acceso a comida, combustíbel e outros produtos non esenciais. Como consecuencia produciuse unha inflación imparábel, os prezos da comida incrementáronse máis do dobre en 2021, e a moeda iemení caeu ao seu nivel máis baixo a finais do pasado ano.

O impacto da guerra é devastador. Polo menos 4 millóns de persoas foron desprazadas e estímase que a guerra matou 377.000 persoas a finais de 2021 (o 70% nenos), das cales o 60% indirectamente a través da fame e enfermidade. Máis do 80% dos 30 millóns de iemeníes vive por debaixo do umbral da pobreza (2 de cada 3 na pobreza extrema) nun país onde o acceso á auga non está garantido, 14,5 millóns enfróntanse a un perigo inminente de fame e 20 millóns precisan asistencia humanitaria.

A comezos de ano, o Programa Mundial de Alimentos veuse forzado a reducir as racións de comida para 8 millóns de persoas debido á escaseza de fondos, con familias recibindo apenas a metade da cesta da compra mínima estandar. Case a metade dos nenos menores de 5 anos sofren malnutrición crónica e moitas familias vense obrigadas a enviar os seus fillos a traballar ou mendigar nas rúas.

Se as previsións eran demoledoras para este 2022, con estimacións que alertaban da posibilidade de que 19 millóns pasaran fame na segunda metade do ano, a extrema situación humanitaria aínda pode empeorar, dado que o país depende case enteiramente de importacións de alimentos e o conflito en Ucraína está a aumentar o prezo do trigo e pode chegar aínda a interromper a subministración.

A tregua acordada polos hutíes e o goberno do Iemen, benvida por EEUU e Irán, que supón un cesamento de todas as operacións ofensivas militares por terra, mar e aire, ofrece un raio de esperanza e un alivio moi necesario para a poboación iemení. As partes semellan exhaustas, conscientes de que non van gañar a guerra e preparadas para buscar solución a unha guerra civil, cun gran compeñente internacional, que o pasado 26 de marzo entraba no seu oitavo ano.

Os hutíes creron durante moito tempo que o seu triunfo era inevitábel mais sofriron un gran revés en Marib, sitiada durante máis dun ano, e a intervención saudí foi un fracaso: non restaurou Hadi no poder; reforzou os lazos entre os hutíes e Irán; o conflito expandiuse a Arabia Saudita e EAU; a carga económica da guerra; e o dano da súa reputación internacional tras as numerosas violacións dos dereitos humanos.

O xoves 7 de abril, no último día das conversas celebradas en Riad polo Consello de Cooperación do Golfo para abordar a situación do Iemen, que comezaran o 30 de marzo coa ausencia dos hutíes, debido a súa negativa a participar en conversas en territorio saudita, o exiliado presidente do Iemen, Hadi, a instancias de Riad, anunciou que transfería os seus poderes a un Consello Presidencial, que agrupa representantes dos diferentes grupos anti-hutíes e terá a tarefa de negociar un cesamento do fogo permanente.

A falta de alternativas e a lexitimidade internacional mantiveron Hadi no poder durante 10 anos malia atoparse exiliado en Riad e ser impopular. Subordinado a Arabia Saudita, foi un presidente visto como un líder accidental, pois ía estar no poder durante os dous anos de transición cara a democracia no Iemen, que foi incapaz de liderar as forzas gubernamentais durante a guerra que arrasou o país.

Mais cómpre ser moi prudentes ante un proceso que virá cheo de dificultades. O Consello Presidencial, criticado polos hutíes por ser imposto por estranxeiros e non representativo, terá dificultades para manterse unido, pois os diferentes intereses están destinados a chocar. Amais rexistráronse xa varios ataques en Marib, refuxio de centos de milleiros de iemeníes desprazados pola guerra (pasou de 300.000 habitantes a máis de 2 millóns desde 2015), e os hutíes critican que o goberno iemení e a coalición, que controla o espazo aéreo e marítimo do Iemen, non están a cumprir a súa parte do acordo, que inclúe o libre acceso ao porto de Hodeidah para barcos con combustíbel e a reanudación dos voos desde o aeroporto de Saná, pechado a voos comerciais desde agosto de 2016.

O sistema tribal, a división norte-sur, os grupos xihadistas, os actores locais e estranxeiros forman parte da complexa realidade iemení, polo que a gran cantidade de diferentes intereses presentes no Iemen fai difícil establecer un prognóstico sobre o futuro do país.