
Segundo ataque e… Salvaterra de Portugal, por 16 anos.

Continuación.
Mandaba este exército, como xa dixemos, o Conde de Torresón, xeneral de Cabalería de orixe alemá que se refuxiou nunha altura sita a un cuarto de legua de Salvaterra, (puidera ser a zona da Bouza do Viso ou do Casal). Deste lugar baixou o 25 de agosto de 1643 coa Cabalería, ocupando outro lugar chamado o Facho (puidera ser o lugar de Fontoura, da Forca ou do Campo da Feira), próximo as trincheiras. Mandou diante a Infantería, resolto a atacalas, saíndo a defendelas os capitáns Antonio de Queiroz Mascarenhas e Rodrigo de Moura Coutinho, con trescentos mosqueteiros, os cales opuxéronse valerosamente ós galegos. E recibindo a Cabalería destes gran dano polas repetidas descargas que fixeron os portugueses, foron desaloxados dalí, sen nin sequera agardar que chegara a cabalería propia. Despois de catro horas que duraron as cargas dun e doutro bando, resolveu o Conde de Torresón a retirada, deixando na campaña cuarenta mortos, ficando dos portugueses algún ferido.
Poucos días despois deste suceso tivo o Conde de Castel-Melhor noticia de que o enemigo estaba emboscado con numerosas tropas a un tiro de mosquete de Salvaterra. Mandou saír da Praza ó Capitán Pedro de Bethencourt, con dúas compañías que o pouco de marchar foron investidas polos galegos, de sorte que a non ser pola aspereza do lugar, foran facilmente derrotados. Mandou pronto o Conde socorros polo tenente do mestre de campo composto por algunhas compañías e máis tarde reforzouse con tódalas que había na Praza o mando do mestre de campo Diogo de Melo. Porén, os galegos pelexaban valerosamente, sendo moi dificultosa a defensa nos valados ásperos do lugar. Unha imprudencia do capitán Cristovão Mousinho puxo en perigo a operación, porque saltou fora dos valados que os protexían, pero axudado e seguido doutros oficiais e gran parte da Infantería, investiron con arroxo ós galegos. Nisto foi a Condesa de Castel-Melhor, Dona Mariana de Lencastre, quen saíu tamén na súa axuda mandando para elo conducir dilixentemente dúas pezas de artillería, (seguramente apostadas no alto do que hoxe é o monte da mina, Cortes), dende alí empregáronse a fondo contra as tropas galegas con dano tan considerable que obrigáronos a retirarse para un lugar máis alto e seguro. Ficaron os portugueses libres do perigo que lles ameazaba, pero deixaron atrás algúns mortos e moitos feridos, entre os que se atopaban o tenente xeneral da Artillería Francisco Latuche, de orixe francesa, e o capitán Rodrigo de Moura Coutinho.
Algúns prisioneiros informaron ó Conde que no lugar de Liñares, (hoxe concello das Neves), se aloxaban douscentos infantes. Mandou ó sarxento maior Roquemont con trescentos, e a Diogo de Melo co resto das Compañías para atacar ese lugar. Estaban os soldados eufóricos e cheos de moral, de tal xeito que chegados o lugar, entraron os de Roquemont ás trincheiras que defendían os galegos e degolando a maior parte da guarnición, saquearon e queimaron Liñares, retirándose de seguido para Salvaterra.
Pronto chegaron a Madrid as novas destes sucesos, causando grande preocupación entre os Ministros daquela Coroa, tendo conta asemade das múltiples vitorias portuguesas en tódalas provincias. A primeira medida que tomou o rei español Felipe IV, foi a retirada do Prior de Navarra do goberno da Galiza, entregándollo o Cardenal Spínola, Arcebispo de Compostela. O obxectivo era recuperar Salvaterra, para elo fornecéronlle con socorros de infantería procedentes de Flandes, e unha gran leva de Cabalería. Con esta xente, e o mellor da provincia, formou un exército de dez mil infantes e mil cabalos, con tódolos abastecementos precisos, e a 23 de Setembro de 1643, ás sete horas da tarde, estaba apostado a vista de Salvaterra.
O Conde de Castel-Melhor enterouse deste movemento pouco antes de chegar os galegos, e non puido máis que dispor da xente que tiña na praza para a defensa das trincheiras. Non chegaban estes a tres mil infantes e cinconta cabalos, adoecendo da ausencia do resto da infantería que tivera nun principio, así como os mortos e feridos das ocasións pasadas. Guarneceu o Conde o mellor que puido as trincheiras e repartiu as forzas con grande dilixencia, sinalando os lugares onde deixaba as municións, facendo varios corpos adicados para os socorros das partes máis perigosas, animando ós soldados a desprezar ós enemigos, que non se perturbasen na confusión da noite, si o enemigo resolvera atacar as trincheiras antes de romper o día, asegurándolles a vitoria e arengándoos deste xeito:
“Que a noite é máis favorable ós defensores que ós que asaltan, porque aqueles aseguran solo un lugar…, e estes camiñan por sitios non coñecidos, en que encontran tan perigosos accidentes que os obrigan a diminuíren o ardor e errar na execución, e que, alén destas razóns, a memoria das vitorias pasadas lles faría sen dúbida desprezar o perigo presente, que sería fácil de vencer, sendo o número dos valerosos sempre menor que o dos cobardes…”
As sombras da noite ocultaban xa o resplandor do día e o Cardenal Spínola arengaba tamén os seus soldados apuntando a memoria do antigo valor dos españois, dicindo…
“Que non esqueceran o dano que a conquista de Salvaterra polos portugueses, de seguir conservándoa, tería para aquel reino, que xa a daba por rendida sendo atacada por tan valorosos soldados, axudados da escuridade e confusión da noite, máis favorable para os que asaltan que para os investidos, porque aqueles para tirar, teñen as trincheiras en punto certo, onde as balas farían sen dúbida mortal emprego, e estes, para acertar os golpes carecían de obxectivos pola falta de luz, sendo os tiros sen puntería, caerían as balas sen efectividade, e que vencida esta dificultade, sería fácil entrar nas trincheiras, cedendo o menor ó maior número, e a rebelión dos portugueses ó valor dos casteláns. E que esperaba, facendo prisioneiro o Conde de Castel-Melhor, aseguralo en prisión tan forte que non a rompese coa facilidade que atopou en Cartaxena de Indias”, (actual Colombia).
Seguido desta arenga, mandou os soldados, con máis resolución que disciplina, que atacasen as trincheiras. A noite encheuse de estrondo cos tiros, o horror dos gritos, e a confusión do asalto. Chegaron os galegos as primeiras trincheiras, pero foron tan gallardamente rebatidos que, mortos uns e feridos outros, suspenderon o impulso do primeiro ataque. Multiplicando os socorros por orden do Cardenal, reiniciouse o asalto de maneira que parecía, por momentos, chegada a vitoria. Duquesne, que ficara fora das trincheiras para recoñecer os movementos do enemigo, vendo que era necesario abrir camiño para entrar nelas, desmontou e acompañado por algúns soldados, impúxose ás coiteladas, entrando dentro delas ferido na cabeza, e non quixo retirarse sen acabar o ataque. O Conde acudía prontamente a todas as partes, socorrendo unhas con municións, outras con soldados, e a todas con exemplo de seu valor. Creceu o vigor da contenda pola parte do mosteiro de S. Francisco, porén resistía con gran valor o mando do capitán André da Costa, que defendía aquel lugar, e montando o enemigo por varias veces as trincheiras, de todas tivo que retirarse con grandes estragos. Lanzábanse moitas bombas, granadas e outros artificios de fogo, que daban a o valor con que se pelexaba menos luz da que merecía. Os galegos, como ondas que perdendo a forza se recollen ó mar, e axudadas das augas tornan a acometer as areas, así se retiraban cando eran rexeitados, e tornaban a atacar as trincheiras cos reforzos. Xa estaba pasada a maior parte da noite cando o Cardenal se decidiu a darlle á empresa o último empeño. Ordenou que desmontasen os soldados de a cabalo, e, facendo grupo entre estes e os infantes, mandounos avanzar por tódalas partes.
O mestre de campo, Diogo de Melo, que escollera para guarnecer unha media lúa que cubría a entrada das trincheiras, mal reparada e peor defendida, vendo crecer o perigo, enxeñou a maneira de defenderse desta maneira; mandou saír fora 50 mosqueteiros, divididos en dous grupos, e que ó son de algunhas caixas, atacasen a retagarda do enemigo, e que, repetindo as cargas, lles incrementasen o recelo e a confusión. Esta orde foi executada con tanto acerto que os galegos, crendo que Monção pasaba socorros a Salvaterra, desenganados da empresa, retiráronse, deixando a terra cuberta de mortos, as pedras de sangue, e toda a campiña chea de armas.
En canto amañeceu, descubríronse as tropas confusamente formadas no Outeiro do Facho, pouco distante de Salvaterra, (especulo que este lugar fora nos lugares de Fontoura, da Forca ou do Campo da Feira). Comezaron a seren atacadas pola artillería, que as obrigou a retirárense con maior dano, deixando mortos máis de 300 soldados, e moitos feridos, entre eles o mestre de campo Don Fadrique de Valadares, oito capitáns e outros oficiais. Da parte portuguesa ficaron 40 mortos e moitos feridos.
Trala derrota, e antes da retirada, fixo alto o Cardenal co exército no lugar de Liñares, e mandou pasar o Miño a algúns soldados a espiar. Foron detectados polos de Monção, e saíndo a Condesa de Castel-Melhor a cabalo coa guarnición da praza, obrigou os galegos a retirada.
O Cardenal, vendo desvanecidas as esperanzas de gañar Salvaterra, dirixiu o exército a Tui, intentou pasar o río e aprehender Valença. Sentido o rumor dos galegos cando pasaban o Miño, polos relixiosos da Orde de S. Bento, do convento de Ganfei, repicaron as campás, guarneceuse a muralla de Valença, e vendo os galegos que foron descubertos retiráronse. Con menos fortuna pretendeu o Cardenal gañar Vila Nova de Cerveira, situada sobre o Miño fronte a Goián, distante seis leguas de Salvaterra, nobre vila dos Vizcondes de Ponte de Lima…continuará.
Salvaterra de Miño, xaneiro do 2023
Fontes:
Historia do Portugal Restaurado. Biblioteca Penzol, Vigo.
João Salgado de Araujo, Abade de Pera. Biblioteca Nnal. Lisboa.