
Alma López Figueiras
Esta especie de mamífero mariño ten en Galicia a maior poboación regular de toda a costa ibérica, pero está en constante e preocupante declive por mor das capturas accidentais e doutros factores relacionados coa actividade humana
En días de temporal como os vividos neste mes de xaneiro, as correntes e os ventos levan cara á costa animais que xa estaban mortos ou malferidos en alta mar, moitos deles cetáceos. De atender estes varamentos nas costas galegas ocúpase desde hai máis de dúas décadas a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), unha entidade sen ánimo de lucro con sede en Nigrán (Pontevedra) na que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia delega a responsabilidade de rexistrar, asistir, recuperar e liberar tartarugas e mamíferos mariños varados ou capturados accidentalmente por interacción con artes de pesca. Desde esta organización, que acredita un intenso traballo de campo nas costas galegas, advirten desde hai tempo do preocupante descenso da poboación de Phocoena phocoena, unha especie de cetáceo odontoceto que é coñecida comunmente cos nomes de marsopa, touliña ou toniña.
Xunto co golfiño, o arroaz, o caldeirón e o cachalote, a toniña é un dos mamíferos mariños que habitan nas nosas costas. Destaca por ser a especie de cetáceo de menor tamaño do Hemisferio Norte, chegando a medir entre 1,40 e 2 metros en exemplares adultos, e polo seu reservado comportamento. A diferenza dos golfiños e arroaces, que se achegan ás proas dos barcos, as toniñas prefiren fuxir do ruído das embarcacións e son menos visibles aos nosos ollos. Esta singularidade complica a súa detección e monitorización.
Aínda que non coñece límites territoriais, Galicia é a única zona do litoral español onde hai unha presenza regular de toniñas meridionais (Phocoena phocoena meridionalis). O ecotipo da especie que está presente nas augas na península ibérica diferénciase xeneticamente doutras poboacións de toniñas do mundo. A CEMMA estima que a poboación de toniñas en Galicia ronda os 300 exemplares de media. Nas augas do Mediterráneo está practicamente extinguida; e na costa cantábrica ou no golfo de Cádiz, os avistamentos son esporádicos e cada vez menos frecuentes.
Segundo os datos desta entidade, que coordina a Rede de Varamentos de Galicia, entre os anos 1990 e 2021 rexistráronse 6.774 cetáceos varados nas costas galegas, dos cales 364 (5,3%) eran toniñas. A media de varamentos anuais desta especie é de 10. Así o expón Uxía Vázquez, formada en Ciencias do Mar e oceanógrafa da CEMMA desde hai varios anos. “O 40% das toniñas varadas teñen indicios de captura”, advirte.
Un cetáceo especialmente vulnerable
Hai diversos factores que explican a drástica redución poboacional das toniñas. A principal ameaza nas nosas augas é a captura accidental no contexto de actividades pesqueiras. Desde a CEMMA estiman que a morte por captura accidental supera o 30%. Segundo explica Uxía Vázquez, as toniñas son especialmente vulnerables ás redes pantasma que deixa a pesca comercial porque entran nas rías caladas, sen usar a ecolocalización, para non chamar a atención dos arroaces, que son máis territoriais.
Alén da captura accidental, hai outros factores antrópicos relacionados co declive desta e doutras especies de cetáceos. Por unha banda, a contaminación costeira e a degradación dos ecosistemas litorais. Por outra, a decrecente dispoñibilidade de alimento, xa que os peixes da súa dieta teñen un gran interese comercial e son recursos pesqueiros a día de hoxe sobreexplotados.
Todo parece indicar que a recuperación da toniña pasa por aplicar medidas de conservación que chocan directamente coa industria pesqueira. Desde a CEMMA son conscientes de que avogar por restricións nas costas galegas xera polémica, mais en conversa con Uxía Vázquez, que ademais de oceanógrafa é vicepresidenta desta entidade, recoñecen que noutras partes de Europa con poboación de toniñas en declive, como as costas de Irlanda, observouse unha certa recuperación da especie a raíz dalgúns “cambios” que esixiron unha prohibición da pesca en certas áreas. Facía referencia, en concreto, á instalación de parques eólicos mariños, unha iniciativa que tamén se está desenvolvendo na costa atlántica da península ibérica ante o desconcerto do sector pesqueiro e o movemento medioambientalista. “Realmente, non sabemos se a instalación de parques eólicos mariños vai afectar á recuperación poboacional da toniña”, comenta Uxía Vázquez.
Dentro da xeografía galega, un dos refuxios da toniña meridional é a contorna do Parque Nacional das Illas Atlánticas, onde existe un maior control para protexer a fauna autóctona.
Sen plan de conservación á vista
A delicada situación da toniña é coñecida polas autoridades españolas desde hai tempo, pero a día de hoxe non existe ningún plan de conservación da especie en funcionamento. Foi o 1 de decembro de 2020 cando se publicou no BOE a modificación do Catálogo Español de Especies Ameazadas que situaba a toniña como especie en perigo de extinción, e non simplemente vulnerable. O Ministerio para a Transición Enerxética e o Reto Demográfico, herdeiro do traballo previo do Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, actuou movido pola presión de entidades de conservación mariña coma a CEMMA en Galicia, pero tamén pola advertencia europea. No verán dese mesmo ano 2020, Bruxelas abríalle a España un expediente sancionador por “non ter actuado suficientemente para monitorizar as capturas accidentais nas súas augas nin ter tomado as accións necesarias para impedir a alteración das especies mariñas”, que segue aínda vixente.
En marcha hai iniciativas de conservación mariña como o proxecto Life Intermares (2017-2024), que coordina a Fundación Biodiversidade desde o Ministerio para a Transición Enerxética e o Reto Demográfico. Traballa na xestión integrada dunha rede de espazos protexidos en España, no marco da Rede Natura 2000, e ten convocado reunións de especialistas na materia para sentar as bases dun futuro plan de conservación da toniña mesmo antes de que esta especie estivese catalogada en perigo de extinción, mais sen resultados prácticos na elaboración efectiva dunha estrategia política ao respecto. Desde o Ministerio para a Transición Enerxética e o Reto Demográfico si se fixo unha consulta pública previa para a elaboración do plan de recuperación da toniña na que se indica expresamente que os primeiros obxectivos deste proceso serían a determinación do estado actual da especie, a súa bioloxía e distribución, e a detección e análise de presións e ameazas específicas; mais neste borrador dos pasos a seguir para chegar a aplicar medidas concretas que contribúan a mellorar o estado de conservación das poboacións desta especie nas nosas augas non constan compromisos nin datas que permitan ser optimistas.
Sensibilización social como estratexia
A CEMMA conxuga actividades de conservación mariña e educación ambiental a través de diversos proxectos. É unha entidade pioneira que foi fundada por un grupo de particulares e representantes de colectivos ecoloxistas no Grove en 1992. Ademais de xestionar a Rede de Varamentos de Galicia, está sendo moi activa en campañas que buscan incrementar o coñecemento e a concienciación social sobre a situación da toniña nas costas galegas. En 2018 organizou o Ano da Toniña, unha campaña de educación ambiental sobre a especie e a súa necesidade de conservación; e o ano pasado, coincidindo co trinta aniversario da súa fundación, realizou unha serie de eventos para visibilizar o seu traballo dentro da Rede de Varamentos de Galicia e sensibilizar sobre especies en perigo de extinción. A toniña volveu ser protagonista, especialmente no acto que pechou o aniversario de 2022 a finais de decembro no concello de Nigrán. Ese día recreouse a través da música o mundo acústico dos cetáceos e presentouse a estrea mundial do “Himno da Toniña”, escrito sobre a base dunha antiga cantiga mariñeira orixinaria de Baiona e interpretado polos músicos do grupo de canto popular do Centro Cultural de Peitieiros, baixo a dirección de Xurxo Antúnez. Con este acto simbólico, a CEMMA tamén presentou publicamente o proxecto de educación ambiental que vai marcar a súa axenda de actividades en 2023: o proxecto Phocoenando, financiado pola Fundación La Caixa e centrado na sensibilización social sobre a conservación da toniña. Con todo, se non se mudan as ameazas actuais, “os modelos de xestión para a especie non amosan un horizonte máis alá de dezaoito anos de sobrevivencia da toniña”, escribía Alfredo López, integrante da CEMMA, cando se anunciaba o Ano da Toniña.