Néstor Rego
O Tren de Alta Velocidade vén de realizar a primeira viaxe entre Madrid e Ourense. Non foi sen tempo!, poderíamos dicir, tendo en conta as continuas demoras e mudanzas na data de finalización. Non se nos oculta que, dentro do evidente desinterese pola modernización das infraestruturas ferroviarias no noso País -e o atraso é palpábel- a prioridade do Goberno español á conexión Madrid-Ourense frente á rede interior ten a ver coa persistencia do deseño radial das comunicacións no Estado, mediatizado por razóns políticas máis que socio-económicas.
En todo o caso, a representación do nacionalismo en Madrid sempre se preocupou por que os proxectos que afectaban o noso País non ficasen na gabeta, demorados ou ralentizados. Mantivo permanentemente unha actitude activa que logrou que, para alén do AVE, avanzase a modernización da liña do Eixo Atlántico, en funcionamento desde hai anos entre A Coruña e Vigo.
O BNG sempre tivo claro que a prioridade en canto a investimentos ferroviarios debería ser a rede interior dos camiños de ferro do noso País. Hoxe, cando se fala tanto de transición enerxética, é máis evidente do que nunca. A transición, en termos de transporte, significa unha aposta decidida por un modo de mobilidade eficaz, eficiente e sustentábel como o ferroviario.
E aquí é onde fica patente o problema, na distancia entre aquilo que o Goberno español predica e o que practica. Os Orzamentos do Estado de 2022 non prevén investimentos importantes e os partidos que conforman ese Goberno, PSOE e Unidas Podemos, veñen de rexeitar todas as emendas que o BNG presentou para modernizar as infraestruturas e os servizos ferroviarios na Galiza.
É máis grave aínda esta actitude se, como dicía, temos en conta o atraso evidente do noso País neste ámbito: falta por completar o Eixo atlántico polo Sur (entre Vigo e Tui) e polo Norte (entre Betanzos -onde é preciso realizar un bay-pass- e Ferrol); é necesario completar a modernización e electrificación da liña Lugo-Ourense e inicialas no caso da liña A Coruña-Lugo; é preciso renovar a antiga liña de FEVE (agora RAM) entre Ferrol e Ribadeo; hai que dotar de conexión ferroviaria as cidades de Santiago de Compostela e Lugo (o que pode lograrse cun pequeno tramo de menos de 30 km) e é imprescindíbel mellorar as conexións ferroviarias de Vigo con Ourense e co Porto.
A conexión ferroviaria con Portugal, tanto de persoas como de mercadorías é estratéxica do punto de vista social e económico para o noso País. O Goberno portugués ten claramente estabelecida a prioridade para a ligazón no Eixo Atlántico, coa Galiza, frente á liña Lisboa-Madrid que quere priorizar o Goberno español, insistindo na histórica visión radial que pretende agora envolver tamén Portugal. Razón de máis para reclamar investimentos para o tramo Vigo-Tui.
Mais o atraso non está só nas infraestruturas, tamén nos servizos. Na Galiza non existe tren de proximidade (as ‘cercanías’ de Renfe) e aínda ninguén deste ou doutros gobernos españois explicou nunca por que. Non é un problema de poboación. Reparemos en que existen servizos de proximidade en cidades de 270.000 habitantes e áreas urbanas de 400.000. Tan só Vigo sitúase en 300.000 habitantes e a rexión urbana Pontevedra-Vigo en 700.000. Pola súa parte, a rexión urbana da Coruña-Ferrol alcanza os 650.000 habitantes.
Nunha recente intervención parlamentar preguntei á ministra de Transporte de forma directa: Por que non están a funcionar as proximidades ferroviarias na Galiza? Tampouco respondeu, mais tivo o descaro e a desvergoña de afirmar que, “aínda que non se chamasen así”, había “servizos de media distancia” que facían esa mesma función.
Descaro porque Renfe non restituíu aínda moitos dos servizos suprimidos co pretexto da pandemia e a chegada do AVE ameaza con empeorar os horarios facéndoos inadecuados para combinar coas necesidades laborais. Desvergoña, porque trata a poboación galega de parva, como se non soubésemos que os servizos de proximidade implican traxectos específicos, frecuencias adecuadas e presos accesíbeis.
O BNG continuará traballando por dotar o noso País dun transporte público ferroviario á altura das necesidades do século XXI. Mais esta é unha exixencia que o conxunto da sociedade galega debe facer súa, pois só así conseguiremos abordala con suceso. Para non perdermos o tren.