

Rosario Refugallo levaba metida na política toda a súa vida, resistindo e agardando o intre preciso para escribir o seu nome con letras maiúsculas nos libros actas oficiais; Rosario, a primeira alcaldesa da historia no concello galego de Terrachoca.
A súa entrega ó partido era absoluta, cega, decía a xente máis achegada. Con todo, poucos pensaban que chegaría ser a alcadesa da vila, agás ela.
Dende os primeiros andares da democracia, logo do pasamento do dictador Francisco Franco, esquerda e dereita, dereita e esquerda gobernaron a vila. Manolo Taburete, José Trompas, Jaime Torrella e Eduardo Chapas foron os alcaldes elexidos polos veciños. Todos homes.
Ainda que a familia de Isabel non quería facer nada especial no día do seu enterro, Rosario tiña outra idea na cabeza. Segundo ela, unha muller coma Isabel non se podía ir deste mundo sen que os paxaros levaran o seu nome ata as mesmas portas do ceo.
A veciñanza acolleu con moita ilusión que Rosario fora elixida alcaldesa. Non é que fora unha muller moi coñedida e querida na vila pero tivo a astucia de arrodearse de xente con peso dentro do partido para darse a coñecer. Levárona polas feiras, aldeas e festas coma se fora unha atracción ou mesmo un paso da igrexa. A xente arremuiñábase para tocala e pasarlle a man polo lombo pedindo un milagre ou un choio no concello para alguén da familia.
Nada máis sair da casa de Isabel e ter escoitado os derradeiros desexos da familia, a Rosario faltoulle tempo para prender o teléfono móvil. Chamou ao director da banda de música, á florista e ao Mega China da entrada do concello. Música para acompañalo cadaleito ata o camposanto, flores para adobiar a igrexa e fogos de artificio para lle avisar ao gardián das portas do ceo que foran abrindo a cancela, que en camiño ía unha veciña.
Logo do primeiro ano no seu cargo, Rosario comezou a facer cousas sen moito tino e a credibilade da primeira muller alcaldesa no concello de Terrachoca esvaeceuse coma un castelo de area.
Destitucións de concelleiros, trocos de concellerías e enfrontamentos cos alaidos no goberno foron algunhas das accións que fixeron cambalear a súa imaxe de muller serea, cos pes na terra, quen de gobernar para todo o pobo e polo ben dunha vila que fora perdendo o seu encanto mariñeiro, afogada nos tellados irregulares e desorganizados do progreso.
Rosario perdera o norte coma unha árbore que vai perdendo as follas no outono ata quedar espida.
As predicións meteorolóxicas para o día do enterro de Isabel eran boas. Co ceo despexado o vento aloumiñaba as facianas tristes da xente que fumaba e falaba á entrada da igrexa.
A banda de música agardaba a orde da alcadesa para arrancar a tocar. O fogueterio pedía lume.
Non intre en que a familia saía pola porta, collidos da man, Rosario deu a orde de tiralo primero foguete. Tal foi o estourido que empezou a chover como xamais viran na vila.
A neta de Isabel achegouse á alcaldesa e cun fío de voz espetoulle:
-Rosario, aos mortos, hai que deixalos ir.