Bonos

Artigo de opinión A Nova Peneira
Fernando Miranda
Fernando Miranda. Libreiro de Bueu

O mércores 15 de decembro algúns diarios galegos publicaban unha páxina de publicidade promocionando o bono cultura da Xunta de Galicia.

Dous días antes as librerías recibiamos uns pregos de papel impresos coa publicidade deste campaña da que apenas un par de semanas antes recibíramos unhas bolsa de tea.

Toda esta inútil e tardía publicidade so serve para convencernos do éxito dunha campaña que é inxusta desde o mesmo momento da activación.

O acceso ao Bono Cultural activouse o 1 de novembro vía internet e só o 1% da poboación galega tivo a sorte de acceder a el. Pódese argumentar que todas as galegas e todos os galegos estabamos en igualdade de oportunidades para conseguilo.

Pódese usar ese argumento pero é falso. O feito de que só @s primeiros galegos que accedesen á páxina web que creou a Xunta para esta campaña se puidesen rexistrar fixo que o bono esta en mans de xente posta ao día nas novas tecnoloxías e con acceso a unha boa conexión a internet. E isto non sucede nin en todas as capas sociais nin en todo o territorio galego.

Son dos primeiros en saber dos beneficios deste gran avance tecnolóxico que estamos a vivir mais non por iso debemos usalo para deixar na estacada a quen non se suba a este tren. E moito menos con cartos que saen do peto de tod@s

Así a todo o que peor me parece é a campaña propagandística que fai a Xunto da súa suposta boa xestión se non se pode acceder ao Bono Cultural desde o mesmo día en que se puso en marcha, o un de novembro. A que veñen todos os cartos malgastados en seguir publicitándoo? Acaso cree a administración galega que aqueles que o teñen non saben dos seus beneficios? Ou é que non é un dispendio senón unha inversión do goberno autonómico para ter contentos (e calados) a parte da prensa?

Sempre digo que é moi doado facer crítica de quen goberna, de quen toma medidas mais tamén penso que hai que propoñer alternativas.

Unha delas é o Bono Consume Local que implantou o Concello de Bueu neste mes e, cos posible erros que tamén puidera ter, é evidente que tivo un rexistro moito máis accesible xa que non había límite de xente que conseguiu o bono. Por iso, aínda que non tivera conexión a internet calquer amig@ ou incluso algún comerciante podía axudar a quen o quixera. Isto conleva que o rexistro non implique unha reserva de cartos senón que a campaña remata cando o orzamento se esgote. Un orzamento de 50.000 que a clientela e comerciantes nos pareceu escaso pero que alcanzaba para que se beneficiasen de descontos de ata 75€ máis do 5% da poboación local.
O impacto no sector cultural galego e no comercio local de medidas deste tipo é moi positivo pero penso que deberiamos tratar de que o beneficio recaise máis na poboación que realmente o necesita.