
Por primeira vez todas as persoas participantes poderán crear as súas obras nas dúas beiras do río Miño, en Tomiño e Portugal
Celébrase o 18 de agosto e conta coa colaboración do Concello de Tomiño, da Comunidade de Montes de Goián e da Fundação Bienal de Arte de Cerveira
Tomiño, 17 de xullo de 2019
O Certame de pintura ao aire libre Antonio Fernández cruza o río Miño da man da Eurocidade. Por primeira vez, todas as persoas participantes poderán crear as súas obras durante o certame nos espazos situados na contorna de Tomiño e Cerveira e que serán establecidos pola organización e comunicados aos participantes o mesmo día do concurso. O certame chega á súa sétima edición o vindeiro 18 de agosto e todas as persoas interesadas en participar poden facer xa a súa inscrición de balde a través do seguinte enlace https://eurocidadecerveiratomino.eu/formulario-vii-certame-de-pintura-ao-aire-libre-antonio-fernandez/ ou de forma presencial o mesmo día do certame de 09.30 a 11.30 h (hora galega) na Aula Museo Antonio Fernández de Goián.
Como cada ano, este certame de pintura reunirá a unha gran variedade de artistas e afeccionados á pintura nas inmediacións do Río Miño. O certame comezará entre as 09.30 e as 11.30 h na Aula Museo Antonio Fernández, onde a organización selará e numerará os soportes das obras e dará as directrices precisas a todas as persoas participantes.
As obras deberán realizarse en soporte ríxido como lenzo, taboleiro… de 1 cm de espesor como mínimo, en branco, sen textura e sen ningún tipo de marco. As persoas participantes terán o día dispoñible para rematar as súas creacións, que deberán entregar sen asinar e xunto co cabalete ese mesmo día entre as 17.00 e as 18.00h no Espazo Fortaleza de Goián.