Cao de Mos director do IV Miudo Fest

IV Miudo Fest Mos A Nova Peneira

A vindeira fin de semana os amigos da comunidade de montes de Tameiga, no CC das Pedriñas, van celebrar a IV edición do deu MIUDO FEST. Este festival naceu hai catro anos coa intención se suplir a moi deficiente programación infantil que o Concello, naquel momento, puña ao dispor dos nenos e nenas de Mos. O éxito das tres primeiras edicións dan azos e animan aos seus organizadores a proseguiren con forza na realización deste festival que cada setembro, desde o 2016, congrega a varios centos de nenas e nenos. Nós falamos co seu director; Cao de Mos

A NOSA RELACIÓN CO CONCELLO É INEXISTENTE, NÓS SOLICITAMOS O ANO PASADO O SEU APOIO PARA O MIUDO FEST E DIXÉRONNOS QUE NON LLES INTERESABA”

Cando e por que naceu o MIUDO FEST?

Hai catro anos motivado polas evidentes carencias de programación cultural para nen@s que padece este concello

Consideras que a programación cultural para cativ@s do Concello de Mos é deficiente?

Total e absolutamente. En realidade o Concello vai ao noso remolque, nós comezamos co Miudo Fest e eles comezaron a facer cousas para pequenos. Nós comezamos co envellecemento activo e eles iniciaron actividades para maiores

E quen tivo a idea do MIUDO FEST?

Saíu da directiva daquela do CC, e na actualidade da comunidade de Montes que é quen xestiona o CC

Sempre se fai nestas datas?

Si, a primeira ou a segunda fin de semana de setembro

Como foron as tres primeiras edicións?

O primeiro ano foi organizado un pouco a correr, pero o éxito foi moi grande, sorprendeunos a nós mesmos a aceptación tan importante que tivo. O corpus fundamental do MIUDO FEST é a música, así foi nas tres primeiras edicións e así será tamén na presente. A música vai complementada con outras actividades como os contacontos ou xogos diversos. Este ano o que facemos é: O sábado música pura e dura e o domingo alén da música teremos xogos tradicionais e a actuación do MAGO MARCO.A filosofía do MIUDO FEST é facer un festival como se fora para adultos, pero para nen@s

A dinámica de asistencia e de percepción do público que ano tras ano asiste, como a valoras?

Valóroa moi positivamente pois a dinámica é claramente ascendente. O aforo da sala son 300 persoas que sempre enchemos e tamén facemos actividades fóra, para complementar ás interiores

Cóntanos algún dos xogos tradicionais, que ides desenvolver no que chamades “a brincadeira miudiña”?

Tiro da corda, zancos, carreira de sacos, a ra..

Os asistentes son nen@s de Mos, supoño?

Veñen de todos os sitios, incluso desde moi lonxe. Aquí non pasamos ningún tipo de Peneira, todas as actividades que facemos nas Pedriñas son abertas a todo mundo

Polo que me dixeches antes teño a sensación de que a vosa relación co Concello non é boa?

É inexistente. Nós solicitamos o ano pasado apoio para o MIUDO FEST e dixéronnos que non lles interesaba. Toda a súa programación fana en dous centros culturais: Torroso e Mos

Un festival que organiza unha comunidade de Montes de Mos, que enche un aforo de 300 persoas en Mos, no seu desenrolo non conta con ningún representante oficial do Concello de Mos?

Efectivamente así é, non ven ninguén en representación do Concello nin sequera a ver como é

Como financiades o festival?

Algo coa venda de entradas pero moi pouco, e fundamentalmente cos cartos do CC

Canto vale a entrada?

3€ para os socios e 5€ para os non socios

E a venda de entradas dá para financiar o custe do festival?

Que va, sempre perdemos cartos

O concello pasa de vós, e a DEP?

O ano pasado deunos unha axuda, agardamos contar con ela tamén este ano

Tedes a intención de que MIUDO FEST sexa un festival de futuro?

Abofé que si, a nosa intención é ir crecendo todos os anos

Pero se cada ano perdedes cartos, vai ser moi difícil?

A nosa intención é facelo mellor cada ano, consolidalo como un festival de máximo prestixio para a xente miúda, na nosa contorna, e procurar patrocinadores privados que permitan compensar as perdas