Enrique Cabaleiro Alcalde De Tui

Enrique Cabaleiro Alcalde de Tui A Nova Peneira

“CONTINUAREMOS CO TRABALLO INICIADO NO 2015 E RECUPERAREMOS A NORMALIDADE INSTITUCIONAL”

Enrique Cabaleiro é licenciado en dereito, e funcionario de prisións.  Foi concelleiro en Salceda de Caselas, alcalde de Tui no 2015, sufriu unha moción de censura por parte da dereita local que mantivo este último ano a Carlos Vázquez Padín como primeiro edil da cidade tudense, e tralas eleccións municipais de 2019 foi escollido novamente alcalde de Tui onde o PSOE gañou quedando moi preto da maioría absoluta.

-Enrique; Cal é a túa  valoración tralo apoio recibido nos pasados comicios municipais?

Ben, pois a verdade, foi un resultado non esperado, agardabamos ter unha pequena subida pero non este resultado final. É certo que nas xerais abriuse unha boa expectativa xa que por primeira vez na historia,  en Tui, a esquerda gañoulle á dereita, nin nos tempos de Felipe González acontecera algo semellante. Pensamos que de cara as municipais poderíase seguir a tendencia das xerais, mais, aínda así, non contabamos con un tan bo resultado.

A chave do resultado, eu creo que foi a moción de censura, obviamente, pero  tamén que @s veciñ@s percibiron que ,durante os dous anos de goberno en coalición, fíxose un bo traballo. Polo tanto a valoración é moi positiva

-Dos dous socios de goberno cos que contabas no 2.015,mantés o apoio de En Marea, pero non do BNG. Que opinión te merece a negativa do Bloque a formar parte do teu goberno?

Pois, eu, incluso cando de principio nos daban a maioría absoluta, fixen unha oferta para continuar co apoio de ambos porque se fixera un bo traballo e o mérito foi realmente de tod@s e polo tanto creo que había que darlle a oportunidade a repetir..

Lano ao final entrou, e, o BNG  decidiu non facelo. É unha mágoa , porque fixeron un moi bo traballo, e eu estaba obrigado moralmente a convidal@s a formar parte do goberno actual,  mais,  tamén podo entender as decisións que @s levaron a tomar esta postura pois no mandato anterior houbo friccións políticas que tamén  derivaron ao ámbito  persoal. Así a todo as portas están abertas  para que reconsideren esa postura cando o consideren oportuno.

-Que tipo de oposición pensas que te vas encontrar este mandato?

Pois a que estou vendo. Creo que en termos xerais o comportamento dos grupos da oposición está sendo leal, do propio Partido Popular tamén. É certo que rematamos de arrancar , o mandato é longo e seguro que haberá momentos de tensión porque é así. Aínda que tamén penso que , aprendida a lección da moción de censura, os grupos danse de conta de que a cidadanía o que demanda neste momento é normalidade institucional.

O Partido Popular ven de expor a súa posición en canto a apertura da avenida de Portugal, medida coa que concordan, mais denuncian que vostede tenta sacar rédito político de dita obra, que ten que dicir ao respecto?

A  solicitude de humanización da avenida de Portugal, foi unha das primeiras mocións que o partido socialista presentou cando estaba na oposición no ano 2011, naquel momento estaba o Partido Popular gobernando en Tui con maioría absoluta, en Galicia con maioría absoluta, e, en Madrid con maioría absoluta. É dicir, tiveron catro anos , máis ano e medio de co goberno para levar adiante esas actuacións ,e , non a fixeron.

Despois, cando houbo cambio de goberno en Madrid, o que foi en Tui alcalde con maioría absoluta, Moisés Rodríguez, non fixo nada a ese respecto, leva unha moción ao Parlamento de Galicia (en calidade de deputado) instando  ao goberno central a humanizar esa vía.

Houbo cambio de goberno, e ao chegar nos á alcaldía, deu orde de estudo de humanización desa vía, esa é a realidade dos feitos.


Falando do anterior alcalde, consideras que converxencia XXI e Carlos Vázquez Padín están politicamente mortos ou prevés a posibilidade de que poidan recuperar certo nivel de incidencia social?


Creo que están un pouco á expectativa, a ver como evolucionan as cousas, analizando como vai o mandato. Carlos Vázquez deu un paso atrás, e se a situación se complicase daría unha imaxe de que el non era tan malo nin @s de agora son tan bos, e, igual poden ter aí un rexurdir, en política nunca se sabe.

Agora ben se nos facemos as cousas medianamente ben o van ter moi complicado.


Cando fala de facer as cousas medianamente ben, a que se refire, que proxectos ten pensado desenvolver neste mandato?

Seguir co traballo que iniciamos no ano 2015 cuxas liñas principais serían que, no ámbito urbanístico rematar cos proxectos que quedaron pendentes como a apertura da rúa Ourense (zona norte), seguir coa mellora dos servizos básicos como é a atención do dia a dia, no ámbito do conxunto histórico,( que fora área de responsabilidade do BNG) a aprobación definitiva do Plan de Protección Especial do Casco Histórico, no que hai que recoñecer  que Carme Núñez fixo un moi bo traballo e foi quen lle deu un pulo definitivo por primeira vez na historia de Tui.

Falemos de Paramos . Que medidas vai a levar adiante desde o Concello  para que @s afectad@s pola explosión poidan recuperar a súa tan ansiada normalidade ?

Cando aconteceu a terríbel traxedia, naquel momento todos os grupos da oposición fixémoslle ao alcalde un ofrecemento leal e sincero de colaboración sen ningún tipo de reparo, e, así se fixo. Incluso moitas das medidas que Carlos Vázquez Padín como alcalde puxo en práctica, foron cuestións propostas polos grupos da oposición (ordenanza de emerxencia, instamos que solicitara o plan Deporense, etc). Pero chegou un momento no que Carlos chegou a mirar niso un filón político a través do enfrontamento coas institucións , e, aí a boa relación rachou.
A dia de hoxe quedan xa moi pouc@s afectad@s por reconstruír as vivendas ou pendentes dalgún trámite. A ordenanza de emerxencia, que ven de se aprobar ten dúas partes, unha delas destinadas para ás primeiras vivendas, enxovais, materias de primeira necesidade, etc, e a outra parte destinada para a reconstrución das segundas vivendas, moitas delas carentes de seguro. E isto é unha cuestión moi discutible, porque, eu entendo que unha primeira vivenda, é unha cuestión de necesidade, pero unha segunda vivenda e sen asegurar é moi discutible  porque vaise financiar con cartos públicos, e, moit@s veciñ@s de Tui dificilmente poden pagar unha primeira vivenda e os seus seguros, e o concello vai sufragar integramente con cartos públicos  as segundas vivendas. Pero, hai unha casuística a maiores, casos de segundas vivendas que son case infravivendas cun valor catastral diferente. Tendo en conta esta  situación  coido que o comportamento da administración  para nada é motivo de reproche.

A existencia dese almacén ilegal é responsabilidade do infractor , pero ti como alcalde, sentes que a administración municipal en parte ten responsabilidade da existencia do devandito almacén?

Ningunha. É certo que aquí se confundiron dúas cuestións: estábase tramitando un expediente da ilegalidade de onde está a sede central da pirotecnia xa que hai unha sentenza que anulou esa licenza e polo tanto había que clausurar a actividade e proceder a súa demolición. Pero o que estoupa é un almacén clandestino, noutra parroquia, sobre o que o Concello non ten ningún tipo de coñecemento e non ten competencia e materia de control de explosivos (á competencia é estatal). Polo tanto, agora hai un proceso xudicial aberto que dirimirá responsabilidades, pero entendo que o concello, responsabilidades civil non temos ningunha. É certo que hai unha compañía aseguradora que nos presentou unha demanda por novecentos mil euros, imaxino que a presentarán ante todas as administracións. As compañías aseguradoras están pagando os danos dos seus asegurad@s, pero despois repercutirán noutras administracións tratando de recuperar o pagado. Igual que o Concello  chegado o momento terá que, todo o gasto que está pondo enriba da mesa, que vai superar os dous millóns de euros, deberemos de tratar de recuperar eses cartos repercutindo sobre quen no seu momento se considere responsábel desta traxedia.


Estes dias a Asociación de afectad@s pola explosión daban a coñecer publicamente o seu malestar pola lentitude dos trámites das licenzas, alén de que se lles segue a cobrar o IBI das vivendas que están sen reconstruír e tamén que se está a solicitar o pagamento de taxas (arredor duns 300€  dos galpóns, que, en moitos casos, eran empregados para negocios. Chegouse a algún acordo coa asociación nestes termos?


Nestes dias vimos de levar a pleno  por urxencia unha corrección de erros porque o valor de reposición das vivendas estaban en termos netos e agora pasa a termos brutos co cal vai beneficiar aos afectad@s.

O tema do pago dos IBIS, se lles pasa é porque non deron de baixa as vivendas. Baixo o meu punto de vista, isto é unha apreciación persoal, igual non o deron de baixa porque  así seguen pagando o valor catastral antigo. O que está claro é que se se dá de baixa unha vivenda, deixase de cobrar.

O da taxa dos galpóns si que o imos a revisar aquí no concello dando traslado aos grupos da oposición porque acordamos que  todas as medidas que se tomen se fagan por consenso, é máis incluso as axudas concedidas en base a esa ordenanza van ser de competencia plenaria para que non haxa lugar a rendemento político algún.

No que atinxe as licenzas, non se están pedindo máis nin menos requisitos, hai que recalcar que se están dando licenzas en solo rústico, se se dan mal, a APLU pode botar a vivenda abaixo.

-O Tyde ven de ascender a primeira autonómica, isto que che vou dicir é unha impresión persoal subxectiva pero creo que non estaban moi contentos coa implicación da administración con eles, como son as  relacións entre o concello e o Tyde?


Son boas, de feito desde a nosa chegada había unha serie de obras pendentes de realizar :muro de contención, céspede artificial, vanse inaugurar os novos baños e vestiarios, e agora queda pendente o cambio da cuberta que está moi deteriorada.

-Xunto ao Conxunto Histórico, o Parque Natural do Monte Aloia, o Río Miño, os Sambenitos, Camiño de Santigao son os principais elementos polos  que cada vez vemos un incremento en número de visitantes na cidade. Mais fican por dar a coñecer todos os recursos e valor . É consciente ?

Si sempre falamos das potencialidades de Tui, pero as potencialidades por si soas non van adiante. Temos moitos retos por realizar,  primeiro temos que rematar co feísmo na zona  nova de Tui,  co abandono no casco histórico e sobre todo na vivenda privada, queda traballo pendente no ámbito medioambiental de rematar as sendas, agora estamos viabilizando a pasarela do Louro, é dicir, temos moito potencial, pero  moito traballo aínda por diante.

-Teremos acordo con Podemos no estado, ou imos cara a unhas novas eleccións?

Espero que haxa un acordo de gobernabilidade porque ir a unha repetición de eleccións eu creo que sería un erro, pois a cidadanía xa está cansa de tanta concorrencia electoral, e pode pasar de todo. Aínda así penso que se temos a oportunidade de conformar un goberno de progreso, non a debemos pór en risco e logo teñamos una alternativa moito peor.

-E falando de comicios electorais, en cales son as súas expectativas para as vindeiras eleccións galegas, Gonzalo Caballero, será o vindeiro presidente da Xunta?

Ogallá haxa un cambio de goberno na Xunta, eu creo que os cambios son necesarios. O goberno da Xunta está esgotado, as políticas sociais non existen, a sanidade é un desastre, as medidas no medio rural inexistentes, os conselleiros a maioría deles nin os coñecemos . Quen o vai liderar? pois non o sei, espero que o haxa, pero creo que o cambio partirá da coalición de forzas da esquerda, hai que ser realistas.

Moitas grazas