O conflito de IKF A Guarda

O conflito de IKF A Guarda
Tino Lago

Cando nunha parte significativa da sociedade se insire o axioma prototipo da antipolítica ,”todos son iguais”, a esquerda perdeu a batalla. É nese instante cando agroman as bestas reaccionarias do fascismo, sempre súper agresivas cos débiles e pusilánimes e apoucadas cos poderosos. E non, non son todos iguais. Todas as persoas que teñamos un mínimo de conciencia política debemos de combater unha e mil veces esa infamia que non fai outra cousa que posibilitar que nada mude e que siga habendo persoas oprimidas e persoas opresoras. Non, non son todos iguais, unha e mil veces non. Hai “sindicalistas” cuxa actividade sindical consiste en facer vídeos estúpidos felicitando o nadal, a modo de pailarocos, coas luces de Vigo. E hai homes e mulleres que arriscan o seu benestar persoal, o seu traballo, a súa vida, o pan dos seus fillos e fillas, para solidarizarse e axudar, sen necesidade nin obriga algunha de facelo, a outras persoas que o precisan. Non, non son todos iguais, unha e mil veces non. E a modo de exemplo imos citar o admirable comportamento dos traballadores e traballadoras de IKF, a empresa máis importante de A GUARDA, que estiveron 76 días de folga en solidariedade cos seus compañeiros de recente incorporación afectados por unha dupla escala salarial que lles levaba a perder 5.000€ ao ano en comparación cos que estiveran contratados con anterioridade ao ano 2.018.Para coñecer en profundidade a natureza deste conflito nós conversamos con Serafín, o responsable da CIG na Guarda. Este é o principal sindicato na empresa pois 4 dos seus 5 delegados representan á central sindical nacionalista

Serafín Fernández Portela secretario da Unión Local da CIG na Guarda

O comportamento exemplar, solidario e digno, dos traballadores en folga de IKF amosa a parte máis nobre da especie humana, e fainos mellores como sociedade e como persoas”

Ti es secretario da Unión Local da CIG na Guarda, pero en funcións non?

Si, agardo que na primeira quincena de febreiro poidamos ter a asemblea para a renovación dos órganos da unión local. Xa tería que terse celebrado pero a situación pandémica que estamos a vivir retrasou todo.

Cantos anos levas como secretario da Unión Local?

Pois se non me falla a memoria xa son 12

E estás con forza e ánimos para volver encabezar unha candidatura?

Si, rotundamente si.

Pódese dicir obxectivamente que o balance dos teus anos de mandato é satisfactorio para a saúde da CIG no Baixo Miño?

Pódese dicir sen ningún tipo de dúbida. Nestes anos a afiliación aumentou notablemente, e a penetración e influencia da nosa central sindical nas clases traballadoras da nosa comarca é tamén maior. Quero deixar claro que esta situación é unha consecuencia do traballo colectivo das mulleres e homes que día a día construímos o noso sindicato; nas empresas, nas rúas e nos corazóns da nosa comarca.

Nestes 12 anos supoño que terás vivido todo tipo de conflitos laborais?

Abofé que si

Algún da dimensión e relevancia da recente folga de IKF?

Non , desde logo que non. É máis, non recordo ningún conflito desta dimensión non só no Baixo Miño senón en todo o país galego. Foron 76 días de folga¡¡ e foi algo durísimo para o conxunto dos traballadores que a secundaron.

Cóntame a historia dese conflito?

No anterior comité de empresa nós non tiñamos representación. CCOO tiña 3 delegados e UXT 2.En novembro do 2.020 nós acadamos 4 delegados e o outro é de CCOO

Pero unha circunstancia como esa tivo que pasar por algo, non é normal que os outros sindicatos perdan de golpe case todos os seus delegados e vós pasedes de súpeto de 0 a 4.Cal foi o motivo?

Ben, nós entendemos que CCOO míntelle ao conxunto da asemblea dos traballadores cando lles di que os acordos que asinan coa empresa sobre a dupla escala salarial teñen unha duración temporal limitada cando a realidade é que eran definitivos. Por outra parte vemos como o que era líder de CCOO é premiado pola empresa cun posto que na práctica equivale a ser o segundo de abordo.

Esa dupla escala salarial tédela cuantificada?

Si, segundo ese acordo toda persoa que entrase despois do 2.018 ía cobrar 5.200€ menos ao ano que as que estiveran contratadas antes desa data.

Facendo o mesmo traballo?

Exactamente o mesmo. E un sindicato de clase como o noso, de clase de verdade non de nome, nunca vai aceptar que o mesmo traballo se pague de forma diferente. A igual traballo igual salario. Esta máxima debería de ser un axioma para calquera sindicalista decente.

Gañades as eleccións e como se desenvolveron os acontecementos?

No ano 2.021 tocaba renovar o pacto coa empresa e despois de varias negociacións non hai ningún tipo de avance , polo tanto o comité co aval da asemblea de traballadores decide ir á folga. A folga comeza o 14 de xullo

Cando se convoca a folga a empresa manifesta vontade negociadora?

Non.

Que seguimento tivo a folga?

En produción practicamente o 100%.No mes de agosto collen as vacacións. Chega o mes de setembro e continuamos coas folgas os martes ,mércores e xoves. Logo continuamos coa folga indefinida e así ata 76 días

Unha folga tan extensa ten que ser durísima, non se cae moita xente?

Non, só tres persoas os tres de CCOO entre eles o seu delegado de persoal

Como se desenvolveron as negociacións?

Nós pedimos a mediación do AGA pois a Xunta non pode mirar para outro lado nun conflito cunha empresa que nos últimos anos ten recibido máis de 200.000€ de subvencións públicas. Fomos varías veces á consellería e tamén ao parlamento

Que tal coa conselleira?

Non se dignou a atendernos, mandou a unha subordinada súa

No parlamento que partidos vos atenderon?

Só o BNG

Tamén fixestes unha manifestación verdade?

Si, na que percibimos o apoio da sociedade guardesa e a importancia que esta empresa ten para a nosa comarca.

O alcalde participou nesa manifestación?

Non, non estivo e dígoo con absoluta rotundidade.

Como se chegou ao acordo final para desbloquear a situación?

Nós seguimos insistindo en ter unha negociación co AGA (organismo de mediación da Xunta) e finalmentedáse en Vigo

Quen participa nesa negociación?

Unha persoa do AGA, de Santiago, o director da factoría de A Guarda, o responsable de recursos humanos de IKF España, o comité de empresa, 3 persoas da CIG entre as que estaba eu e dúas persoas en representación da inspección de traballo. A negociación foi moi longa e alí, que só levamos os puntos nos que tiñamos diferenzas, non houbo acordo

Houbo unha segunda xuntanza claro?

Si, e alí houbo un principio de acordo que si lle vale ao comité de empresa pero non á CIG. Os traballadores levan o acordo á asemblea e alí é ratificado pola maioría de compañeiros, retomándose a normalidade a primeiros de decembro

Nese acordo que melloras se acadaron?

Conseguíronse varias melloras significativas: unha comisión de categorías profesionais, xente que entrou despois do 18 pasan a cobrar no 2.023 o 100%, a empresa debe darlle prioridade ás contratacións das persoas que xa estiveran a través dunha ETT, a flexibilidade horaria deixa de ter carácter obrigatorio, o Complemento de Incapacidade Temporal en caso de hospitalización ten o 100% durante 90 días…

E no que atinxe á dupla escala salarial?

No asunto da dupla escala salarial, ou como eles lle chaman salarios de nova incorporación, conseguíronse melloras pero non a igualdade salarial completa entre os que estaban e os que entren. Ese é o motivo de que a CIG non poida avalar ese pacto

As novas incorporacións verán incrementado o seu salario nun 20% anual sempre e cando a marxe de beneficio da empresa sexa superior ao millón de €, polo que de ser así en 5 anos terían o mesmo salario ca un traballador antigo.

E se non se acada esa marxe de beneficio?

Subiríalles o 10% anual.

Ben, malia que a situación reconduciuse ata á volta á normalidade no traballo, seica quedan faiscas de conflito verdade?

Si, a empresa comprometérase a non exercer ningún tipo de represión polo motivo da folga. Porén un dos nosos delegados é denunciado polo delegado de CCOO

Por que?

O episodio aconteceu nunha das asembleas cando este señor de CCOO estaba como burlándose do que dicían as persoas da CIG , e o noso compañeiro, nun contexto de elevada tensión, foillo recriminar. Este señor de CCOO , delegado sindical que traballa nun período de folga , moi pouco ten que dicir a ningún outro compañeiro

Que fixo a empresa?

Díxolle ao noso delegado que lle pedira desculpas ao suposto ofendido, algo que si que fixo o noso compañeiro

Entón alí morreu o conto non?

Pois incriblemente non. A empresa abriulle ao noso compañeiro un expediente disciplinario consistente nunha sanción dun mes sen emprego e soldo

Que vai facer a CIG?

Defender ao noso compañeiro por vía xudicial desde logo. E manifestar unha vez máis o meu compromiso persoal total, e o compromiso absoluto da CIG, cos compañeiros de IKF pois amosaron un comportamento exemplar; solidario, digno e que sen dúbida nos fai mellores como seres humanos e como sociedade.