O artista Xosé Cabaleiro converte o universo galego en pedra

Xosé Cabaleiro Guarda

Xosé Cabaleiro é un escultor e pintor redondelán, que durante bastante tempo se dedicou profesionalmente ao sector da hostalaría, e ao que no ano 2010 os camiños da vida levaron ás terras do Baixo Miño, pois desde esa data reside na vila de A Guarda. Non coñezo a ningún redondelán que, por moi lonxe que estea de Redondela, deixara de sentirse choqueiro. A vila dos viadutos ten algo máxico que atrapa e engaiola de por vida, e o amigo Cabaleiro non é ningunha excepción, de feito manifesta estar desexando facer unha exposición e Redondela .Pero cando chegou á Guarda, Cabaleiro foi tratado como un guardés máis. E a forma na que foi recibido pola sociedade guardesa deixou pegada na súa alma , unha pegada que xa nunca poderá borrar. Cabaleiro é o autor da marabillosa transformación artística do piñeiral de Camposancos do que xa informaramos nestas páxinas. E hoxe é un pracer volvelo traer para que nos fale da exposición “ PEDRAS”.

Esta exposición desenvolveuse nos últimos 6 meses nas cafeterías do Hospital Álvaro Cunqueiro, e alí os visitantes puideron gozar de 46 pezas en granito, todas referidas a elementos simbólicos do país galego, deste xenial artista choqueiro con alma baixomiñota.

Estou desexando facer unha exposición en Redondela”

Cóntanos as características desta exposición que está xa a piques de rematar?

Comezou o 19 de xuño a raíz de que me chamara a dirección de márketing do Cunqueiro. Remata xusto aos seis meses, o 19 de decembro. A exposición desenvólvese nas cafeterías do hospital, na de consultas hai tamén unha exposición de fotos do piñeiral de Camposancos, e a temática é a simboloxía galega.

Algunha en concreto?

Diversa e plural, pero toda pode identificarse claramente con Galicia: Hai, lareiras, lavadoiros, simboloxía castrexa…

De cantas pezas consta e de que tamaños?

Expuxen 46 pezas e os tamaños son moi diferentes, hai pezas moi pequenas e pezas grandes. Son todas feitas de granito.

As pezas fixéchelas ad hoc para a exposición, ou xa as tiñas feitas?

Son pezas que xa tiña, funas creando ao longo do tempo. O ano pasado xa fixen na Guarda a exposición Pedras.

Esta pregunta non é precisamente para Pulitzer pero confeso que teño curiosidade en saber como fixeches para levar 46 pezas de pedra, algunhas delas grandes, desde A Guarda ata o Cunqueiro?

Ha, ha, ha , ha ha, pois pouco a pouco e nunha furgoneta claro.

Supoño que as pezas están á venda?

Si, claro que si. Calquera que estea interesado nalgunha das miñas pezas pode contactar comigo a través da miña páxina web, e se chegamos a un acordo económico eu estaría encantado.

Hai tempo que non falamos contigo. Cóntanos que estas a facer a maiores desta exposición?

Estou na escola de artes e oficios de Vigo. Levo dous anos facendo talla e escultura e agora teño a ilusión de facer esculturas de poetas galegos e galegas.

Que interesante, e como tes pensado facer iso?

A partir de poemas en concreto vou tratar de que se poidan ver e tocar as emocións que o poema transmite.

Botas de menos a túa faceta de taberneiro?

Agora xa non. Ao principio si.

Cando descubriches a túa vocación de escultor?

Sempre me gustou, de feito cando tiña un local de hostalaría en Redondela facía cousas porque a necesidade de expresar o que sinto a través das creacións téñoa desde sempre. Eu creo que naceu comigo.

Como están os piñeiros de Camposancos?

Déronme permiso este verán para volvelos pintar e xa están repintados. Toda a loxística púxoa a Entidade Local Menor de Camposancos. Eu boto de menos unha maior implicación das administracións para incluír aos piñeiros nas campañas de publicidade do noso concello.

Un artista nace ou faise?

Pode facerse pero é preciso ter certo talento innato.

Rematamos Cabaleiro cunha pregunta que me gusta facer a todos os e as artistas que entrevisto: A finalidade da arte debe de ser só estética?, ou ti es dos que , coma min, pensamos que a arte non se debe separar do contexto do que forma parte e debe de tomar posición ante os fenómenos que acontecen na realidade?

Desde logo que eu coincido contigo en que a arte non se pode separar do que sucede na realidade da que forma parte.